sábado, 15 de enero de 2022

A HIPOCRISÍA DOS CRÍTICOS

A semana pasada, a maiores das correspondentes noticias sobre esta pandemia que nos trae polas rúas da desesperación e da angustia, non se falou doutra cousa que non fose o caso Djokovic e o caso das macrogranxas ou das explotacións intensivas, que sacou á palestra o ministro de Consumo, Alberto Garzón.

Vai por diante o meu rexeitamento a calquera declaración, opinión ou decisión que tome calquera político, calquera partido político e calquera que gobernase no noso país sobre o sector primario, sobre o sector agrícola e gandeiro porque nunca, repito, nunca se consagraron, nunca se entregaron ó sector labrego. Nunca. Este sector sempre foi o patiño feo do Estado español. E non vale que gobernaran uns ou outros, pois nin uns nin outros deron unha cadela pola agricultura. É máis, sempre lles puxeron pexas e atrancos e obstáculos e o que cadrase.


Sobre a falta de calidade na carne desas macrogranxas que denuncia Garzón, axiña asomou a hipocrisía dos críticos, que se puxeron como brasas defendendo a boa calidade, cando, na realidade e no fondo, todos estamos de acordo en que os animais das granxas non teñen aquel sabor como teñen os criados nas casas ou en explotacións extensivas. Dicía estes días nunhas declaracións un gandeiro da nosa provincia que tamén comiamos pitos e polos das granxas e que non pasaba nada. Certo, pero sempre dicimos aquilo de “é de granxa, non sabe como o da casa”. Ou sexa que, menos hipocrisía e máis recoñecemento. A maiores que, sinceramente, como se engordan os animais das explotacións intensivas? En que condicións están eses animais? Máis ou menos sabemos todos como fan e como están. Así é que...

E esta pequena guerra política (que non é máis que iso) volve amosar o comportamento de certos personaxes que seguen a pintar o ridículo cada vez que aparece algo ó que pensan que lle poden botar bocado ou sacarlle crédito. Rajoy falaba duns “hilitos de plastelina” cando foi do Prestige. Núñez Feijóo axiña apareceu cunha mangueira de casa simulando que axudaba e apagaba un incendio, aquel ano no que Galicia ardeu case por completo (normal, apagando cunha mangueiriña...). E agora Pablo Casado fai unhas declaracións diante dunhas vacas, para que se vexa que está co sector gandeiro. Estou por apostar que nin tan sequera sabe cantos tetos ten o ubre dunha vaca. Cando remate esta controversia, ninguén volverá a pensar no sector primario. Coma sempre.


Finca Fierro. Sábado, 15 de xaneiro de 2022

 

viernes, 14 de enero de 2022

A LÚA E O SOL

Se torzo a cabeza cara á dereita vexo a lúa en cuarto crecente. Porque ten forma de D. Que se nos guiamos pola letra debería ser “Decrecer”, ou sexa, minguar, é dicir, minguante. Pero como a lúa é mentireira, é polo que sei que nun decrece, senón que crece. Tamén cando ten forma de C (que Crece), é ó revés, que decrece. Lembrade: é mentireira; con D crece e con C decrece.

Se miro de fronte, teño que esperar un pouco, porque o sol non me deixa ver. É máis, cégame. Será por pouco tempo. Xa se está poñendo, acubillando detrás duns edificios. O sol, digo. Ata agora reinou e agora tócalle á miña amiga, á lúa. Sempre foi miña amiga. Moitas veces sorríolle e chíscolle o ollo esquerdo. Sempre o esquerdo. E moitas veces máis soño con vestir o traxe de astronauta para facerlle unha visita. Sería unha gozada botar unhas carreiriñas por alá arriba.


Xa podo mirar de fronte. Porque o sol xa se puxo. O sol é unha estrela e a lúa un satélite. O sol quenta, dá vida e esplendor. A lúa produce mareas. O sol queima e a lúa é bela. Agora cada quen que escolla a quen queira.

Un día tamén quero construír unha escaleira para saber ata onde podo chegar con dirección ó sol. Á lúa chegaría nunha nave espacial porque quero ir de astronauta. Isto de astronauta xa o dixen. Unha noite fixen a multiplicación de cantos eucaliptos tería que cortar para facer a escaleira e a cantidade non a digo para que non vos asustedes. Si vos aseguro que acabaría con todos os eucaliptos de Galicia. Que iso sería algo divino, pero esa xa é outra cuestión. En principio, tanto a lúa coma o sol teñen que esperar. Outro día será.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 14 de xaneiro de 2022

 

ALÁ VAI... ALÁ FOI

Alá vai. Alá vai o caderno co que me agasallaron os rapaces o Día do Pai. Con todo o que me amolan eses Días de... Sempre direi que tales festas as implantou El Corte Inglés. Pero hai que recoñecer que esta celebración, este agasallo é distinto; é dos fillos. E os fillos xa son palabras maiores. “Como estás sempre escribindo...”, me dixeron. Empeceino o 24 de marzo do ano pasado, claro, e remátoo o 13 de xaneiro deste ano. Case un ano deixando caer ideas, opinións, soños, fantasías, pensamentos, sentimentos... e, si, tamén trapalladas, estupideces, parvadas, burradas, sandeces...


Alá van 190 relatos xustos, dos que, case ou sen case, 180 foron para esta sección, a de Pingas de Orballo. Porque, cada cara da folla, cada páxina daba xustiño para o Pingas. Foron tamén 190 relatos escritos fóra da casa, ou sexa, nas cafetarías e as súas terrazas, xa que no fogar escribo sobre o propio ordenador. Certo que despois, os que escribía fóra, pasábaos ó portátil e, claro, ó mellor metíalle algunha frase máis (xa digo que a páxina daba moi xustiño para a sección) ou facíalle algunha corrección.

A partir de agora podía seguir co caderno mercando máis follas (é un caderno de argolas), pero non; este será sempre o orixinal. Para os futuros relatos xa teño uns caderniños preparados (a base da reciclaxe dos cadernos dos rapaces da época dos colexios) á medida dos petos das camisas. E se non, tamén podo optar polos panos de papel que teñen os cafés nos mostradores e nas mesas. O que si é certo é que o “caderno dos rapaces”... alá foi.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 13 de xaneiro de 2022

 

jueves, 13 de enero de 2022

EU TAMÉN VEXO MORTOS

De cando en cando eu tamén vexo mortos. Xeralmente, polas noites; cando pecho os ollos. Algunhas veces, polo día; cando os teño abertos. E son como fantasmas que se me presentan se avisar. Póñense diante de min, míranme intensamente e, uns, sorrín e, outros, cóspenme. Como non son parvo, entendo ben o que significan os seus xestos. Se me sorrín foi porque os tratei ben, ou polo menos, os recordei; e se me cospen é porque algunha falcatruada lles faría. Porque, parvo non son, pero santo tampouco.


Agora mesmo teño os ollos abertos, é de día e vexo un. Está sentado a unhas cantas mesas de onde eu me atopo tomando café, na taberna de Secundino, O Malparido. Mírame de mala maneira. Sei ben por que. É un francés ó que atravesei coa miña baioneta alá polo 2 de maio daquel ano que todos sabemos, pero que non foi o 2 de maio, senón xusto ó día seguinte, o 3. El e nove máis quixeron conquistar o punto estratéxico da fonte da Lameira. E co meu Baños de Molgas non se mete ninguén. Alá marchei eu só, pois non precisaba a ninguén máis. Esperei a que se durmiran e atraveseinos ós dez coa baioneta. A traizón. E que? Estabamos en guerra. E nas guerras está permitido todo. Coas guerras todo se xustifica. Ou non. Porque agora mesmo dáseme por pensar que os espectros eses igual os produce a miña conciencia. Se a teño, que tamén o dubido. Pero algo ten que haber aí, porque non é normal que eu, tanto de día como de noite, en días laborais e festas de gardar, tamén vexa mortos. E véxoos. Un está a mirarme de mala maneira.


Finca Fierro. Xoves, 13 de xaneiro de 2022

 

martes, 11 de enero de 2022

RESPONSOS

Cantei e aínda sigo cantando tres responsos e unha Ave María. Polos que se foron. Polos que se van. E non falo dos mortos. Falo deses vivos que están máis que mortos. Porque hai vivos que non teñen espírito ningún. E a esencia toda está no espírito. Algúns nin merecen unha misa de réquiem. Hai xente que se vai voluntariamente e xente que a obrigan a marchar. Todos merecen algún responso, aínda que sexa mal cantado.


Eu, por se aquel, sigo cantando. Sempre se me deron ben os responsos... kirieleison, kristieleison, polo espírito de tal; kirieleison, kristieleison, pola ineptitude daquel outro. E volta outra vez: polo mesmo ou polos mesmos. Despois de tres responsos vai a Ave María. Pola soidade que está en silencio. Polo barullo que rachou o silencio. Pola esperanza que navega en silencio. Polo poeta que berra en silencio.

Responsos polos mortos físicos e polos mortos anímicos, que, xa digo, hai moitos. Responsos polos que queren alcanzar o paraíso e vagan ou deambulan perdidos polos camiños da impotencia. Responsos por ti, por aquela, polo de máis alá, por ela, por el, por min. Responsos entre tumbas abertas e nichos de granito, entre carballeiras de medo e amores cantados en verso. Tres responsos e unha Ave María polo que foi e polo que é. Polo que será haberá que botar man do Credo. Porque creo incluso no que non me deixan crer. Creo na luminosidade dos soños e nos recunchos dos desexos. E creo nos responsos que tamén sei cantar en silencio.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 10 de xaneiro de 2022

 

lunes, 10 de enero de 2022

A RODA DE REPOSTO

Son a roda de reposto dun coche, dun coche calquera. Mellor dicir que son a dun Dacia Sandero. Falando claro: non teño vida. O meu é un sen vivir. Non vexo a luz do día. Ou estou completamente en silencio. Ou me encho de ruído. Non vexo a ninguén. Ninguén me ve. Para que me vexa alguén ten que pasar o que sabedes que ten que pasar. E aínda así moi de pascuas a ramos, ou case nunca. Síntome impotente e inútil, moi inútil. Ás veces ata rezo para que rebente algunha das miñas catro colegas. Si, teño catro colegas. Pero esas, malditas elas (ou benditas, depende), ben a luz do día. E móvense. E corren. E gástanse.


Claro que tamén é certo que, algunha que outra vez, mesmo se botan ós toxos e se esnafran contra os beirís das beirarrúas. Mais recoñezo que son duras. Algunha bota moito tempo tan comprimida contra os beirados que mesmo semella que pode rebentar, pero non rebenta, a moi puta. Eu quero que rebente algunha ou que se pique con algunha punta ou cravo ou parafuso ou cristal ou algo moi afiado. Porque quero ver a luz do día! Quero saír deste acubillo no que me teñen metida. Son peor que un xílgaro nunha gaiola. O xílgaro, polo menos pode ver a luz do día ou a xente ou unhas cortinas ou unhas plantas ou uns sofás, mesmo unha televisión, e libros, e adornos, e cadeiras, e alfombras. Eu tan só vexo os ferros que me teñen amarrada, pexada. Vivo prisioneira nun buraco do maleteiro, inoperante, inútil, improdutiva, incapacitada. Son imprescindible, pero non circulo. Son a maldita roda de reposto.


Finca Fierro. Luns, 10 de xaneiro de 2022

 

domingo, 9 de enero de 2022

Ó FINAL DO UNIVERSO

Boto de menos que o mundo non sexa cadrado. Porque non sendo cadrado, non podo acochar en cada un dos seus recantos. Así tan só estou á intemperie e teño que correr sempre en redondo. A non ser que quede quieto. Non é bonito quedarse quieto. Hai que alixeirar e apurar para contemplar a vida en movemento. Todo é movemento. Mesmo as follas dos carballos se moven empurradas polo vento. Incluso o pelo dunha muller cando sae ó balcón dos sentimentos. Os balcóns adoitan ser ese recantos nos que se espallan (ás veces tamén é certo que descansan) os sentimentos. Tamén os pensamentos. Non obstante, hai sensacións e criterios que non necesitan esconderse nas esquinas do mundo, que incluso é bo que dean voltas e reviravoltas ata atoparse coa realidade da vida. De todos é sabido que a realidade da vida é unha pequena protuberancia da que non podemos renegar. Porque sempre está aí.


Boto de menos que o universo non se quede quieto. Se non se movera, choutaría de planeta en planeta e de estrela en estrela. Movéndose non sei que dirección coller. Sempre me custou a realidade das opcións (certo, menos na das dereitas e as esquerdas), por moito que digan que a primeira idea é a que conta. Teño medo da dor que pode causar o cometa do amor ou o meteorito do desexo. Que todo falle, que todo rebente, que todo sexa un buraco escuro. A felicidade, por moi bonita que sexa, que é, sempre vai estar, a moi puta, ó final do universo. E o maldito universo nin ten fin nin está quieto.


Finca Fierro. Domingo, 9 de xaneiro de 2022