viernes, 9 de septiembre de 2022

A PALLA NO OLLO DOUTRO

Vemos a palla no ollo doutro e non vemos o pontón no noso. Sempre falamos da forma de vestir no mundo árabe, principalmente as mulleres, sen buscar na nosa memoria aquel pasado no que as nosas mulleres tiñan que entrar ás igrexas daquela maneira: co veo cubrindo practicamente toda a cabeza, con blusas ou camisetas ou xerseis abotoados ata o mesmo pescozo para que nin se intuíse o escote, con faldras deica os propios pés... Como anécdota disto último, o que contou unha señora de Abegondo que, no ano 1963, alguén as denunciou á Garda Civil porque se lle vían moito as pernas ó xogar ó fútbol. E ollo ó dato: un ano máis tarde chegaría a minisaia a España, polo que imaxino que habería denuncias a esgalla. Por certo, tamén xa tiña o seu aquel que as mulleres, naqueles anos, xogaran xa ó fútbol.


Vemos a argana no ollo doutro e non vemos a trabe no propio. Poñemos a parir ós mesmos musulmáns pola forma que teñen de orar ou polo seu fanatismo relixioso e non pensamos nesas nosas procesións masivas, sexan na Semana Santa ou sexan en festas patronais e católicas, nas que incluso, en algunhas os “presuntos” penitentes mortifican o corpo a base de lategazos ou con varas abrindo as carnes. Non hai moitos anos, nas propias novenas de Os Milagres, cantos realizaban de xeonllos un traxecto de varios quilómetros? Non digo xa nada cando ían descalzos. Desta maneira os romeiros viaxaban desde ben máis alá de varios quilómetros.

Non hai como estar caladiños e arranxar tan só a casa de cada un.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 9 de setembro de 2022

 

jueves, 8 de septiembre de 2022

O NENO QUE NON ERA TAN NENO

E ti de quen ves sendo?, preguntáronlle ó neno que non era tan neno e que estaba sentado nun carreiro que levaba a unha das fincas do seu pai. O neno que non era tan neno confesou, polo baixiño, que saíra do cruce entre a lúa nova e un meteorito que racharan os que rodaban a guerra das galaxias. Mentres contestaba non deixaba de mirar para o “canalillo” da moza que preguntaba. El non era parvo e a moza tampouco, porque sabía da dirección da ollada do neno que non era tan neno. Mesmo provocou un pouco que o canal do peito se fixese máis fondo ante a solicitude, xa seria, do nome e da procedencia familiar del.


O neno que non era tan neno trasladou a súa ollada á cor vermella dos beizos dela e cun sorriso aberto afirmou ser Antón, fillo da Remedios de Chaodarcas e Salustiano de Siabal, ós que lles chaman Os Troiteiros. Tal alcume non precisa explicación.

Das tres mozas que “acosaban” a Antón, seguiu dálle que dálle a que levaba a voz cantante, a do carreiro no peito, onde, por certo, estaba de novo a ollada do neno que non era tan neno (lembrar que tampouco era parvo). Agora ela quería saber que estaba a facer O Troiteiro Pequeno. Este, en principio, calou para no soltarlle alí o que realmente estaba a facer. Aínda que tamén é verdade que non era necesario que lle dixera nada. Porque se vía e se notaba en que estaba ocupado. Non obstante, para saír do paso, díxolle á preguntona que estaba estudando para listo. Os dous sorriron a un tempo e a situación deixaba ás outras dúas mozas en completo fóra de xogo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 8 de setembro de 2022

 

miércoles, 7 de septiembre de 2022

A VELA DOS DESEXOS

Cando Filiberto Suárez Doforno entrou na explanada do santuario dos Milagres marchou dereitiño como unha vela a acender precisamente unha vela. Filiberto, O Paspallás, non é que sexa moi relixioso pero ten o seu aquel coas velas. Penso que é a chama a que o fascina. Ese resplandor. Esa cor... Sobre os significados de acenderlle unha vela á Santiña do Medo prefire non opinar, aínda que el, polo baixo, ben que lle pide. Sabe que moitos desexos dos que pide, a Virxe fará oídos xordos. Pero el non quere ser menos e quere seguir aquilo de “por pedir que non quede”.


Non pide polas almas do purgatorio, nin polos fieis defuntos, nin polas enfermidades propias e de familiares, nin polos aprobados dos nenos, nin polas guerras, nin polas catástrofes. O Paspallás pide para que o mar siga facendo ruído, para que as treboadas espallen lóstregos e tronos (ou sexa, ruído). Pide para que o seu corazón latexe de amor. Porque Filiberto ten unha moza pola que suspira e berra e sufre e xeme a todas as horas. Pide tamén por aqueles que soñan cos biosbardos e polos que se botan ás boleiradas por un outeiro abaixo.

Despois, na realidade, no momento de acender a vela ou as velas, pide por ese sorriso que o emociona (o dela, claro), por ese peito que o acelera (o dela, por suposto) e por esas palabras que o aconsellan (as dela, faltaría máis). Contempla como a lapa se alza e pensa que aí soben os desexos que algún día serán reais e eternos. Pídelle á Virxe por todo iso. Axiña volve sobre os seus pasos e déixase ir polo Medo abaixo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 7 de setembro de 2022

 

martes, 6 de septiembre de 2022

ENTRE O SILENCIO E O RUÍDO

Mentres espero polo café collo ó silencio e doulle uns cantos botes para que faga algo de ruído. Ás veces non é bo quedar completamente en silencio. O silencio é bonito e necesario ata que dicimos basta. Eu, antes de dicir basta, xa me anticipei á xogada. Porque me deu por aí e porque son así de listo. Ó mellor, cando remate o café, collo ó ruído e plántolle unha boa tira de esparadrapo na boca para que se quede en silencio.


Mentres tomo o café contemplo o panorama. Vexo nubes negras que se desprazan e vexo nubes brancas que se esconden por detrás das casas. Vexo coches que circulan e que meten ruído. Un coche vermello, coñecido, está aparcado aquí, á miña beira; é bonito. Vexo xente na terraza e noto o aire que me pega na cara. O tempo está que vai e que vén, pero as pingas de auga non acaban de caer. O tempo case sempre (ou sempre) fai o que lle dá a gana. Xa o dicía aquel: nunca chove a gusto de todos.

Mentres tomo o café miro e vexo o meu reflexo no cristal do escaparate que teño enfronte. É como se me mirara ó espello do baño, e sen bafo, claro. Moitas veces o maldito bafo non deixa ver o que se quere ver, ou o que hai que ver. Agora mesmo, a maiores de verme a min mesmo, tamén vexo á xente que pasa; porque miro de esguello ou torcendo a cabeza.

A xente mete ruído. Os coches meten ruído. O aire mesmo mete ruído. Definitivamente, vouno coller e pechalo nunha urna de cristal para que todo quede en silencio. É certo que cando non hai silencio, bótase de menos.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 6 de setembro de 2022

 

lunes, 5 de septiembre de 2022

A GUAPA DE CASARDEITA

Son guapa, moi guapa. Son tan guapa que non podo demorarme moito tempo ante un espello. Por medo a que rache. Cada vez que quero pintar os beizos de vermello teño que facelo a cachos, por partes. O beizo superior píntoo ante o espello do baño; o inferior xa ten que ser ante o espello de man (ou viceversa). Así non lle dou tempo ós espellos a que se emocionen ante a miña fermosura. Non digo todo isto por gabarme, non. A xente non para de dicirme que que guapa é a condenada. Xa o era miña nai, Dosinda A Gloriosa. A min, agora, chámanme A Divina. Na realidade son Lucinda.


A miña fermosura trae consigo eses piropos que, na actualidade, a moitas mulleres non lle gustan por machistas. Sinceramente, hainos moi machistas. Pero tamén os hai sinceros. Hai dous días dixéronme que era arco da vella dentro dun temporal. Iso é bonito! Ou coma o que me soltaron hai media hora, xusto cando viña para esta cafetaría na que estou: es a Perla Negra que me bambea mesmo co mar en calma. Como non me vou derreter ante isto!

Son tan bonita que ata semello un panal de mel. Ben que me dou de conta do alboroto que armo por onde paso. E axiña algúns péganse a min coma moscardos. E algunhas. Que eu ben as entendo; quen a boa árbore se acolle, boa sombra a cobre. Á parte de bonita, tamén son elegante. Sei vestir e visto ben. Nisto saio a meu pai, Lucino O Garboso. Coa fermosura e elegancia que teño... por onde paso, arraso. Son a guapa de Casardeita.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 5 de setembro de 2022

 

sábado, 3 de septiembre de 2022

SOBRE AS NOVENAS

No momento de escribir este Recuncho aínda non fun a ningunha novena a Os Milagres (é sábado pola noite e teño intención de ir mañá, domingo), pero creo que non necesito ir todos os días para saber o que é e o que significa esa romaría para toda a provincia de Ourense, en xeral, e para a contorna de Baños de Molgas, en particular.

Non necesito ir todos os días (por circunstancias, tampouco podo) porque fun case media vida a diario. E andando. Que non é como agora, que se vai en coche, incluso desde distancias curtas.


Esta peregrinación de dez días (nove de novenas e o famoso Día 8) ten os seus puntos, as súas datas importantes que sempre deixan pegada no romeiro, no peregrino. Como ese día no que coincide en domingo (hai anos que pilla dous), porque a influencia ó santuario é máis masiva que un día normal, laborable. Tamén é importante o Rosario da Aurora, aínda que este sexa tan só para aquelas parroquias ás que lles toca tal ou cal día. Sobre este rosario non meto as mans no lume pero creo que xa non é o que era.


E agora si, agora xa chegan os dous días máis grandes de todas as novenas: o Rosario das Antorchas e o Día 8. O Rosario das Antorchas é o día 7 ás once da noite. Nesa noite transfórmase o monte Medo. Énchese de luz a rentes do chan grazas ós milleiros de velas e cirios que iluminan a explanada durante o percorrido da Santiña mentres se reza o rosario, e énchese de luz o ceo molgués a causa dos fogos de artificio tras a finalización do evento. Lembro ese día como o da emoción de ir andando de noite pola Medo arriba e, logo, a baixada, claro, na que sempre había as típicas bromas sobre o medo, sobre os perigos nocturnos.

O Día 8 é o día máis grande da gran celebración, o día propio da Virxe. As luces a rentes do chan da noite anterior danlle paso ó bambeo de miles de panos das mans, brancos, que a xente axita durante o percorrido, de novo, da patroa do Medo pola explanada. Este día tamén cambiou moito. Antigamente había un formigueiro de xente xantando por entre os piñeiros con aqueles ingredientes (moito me acordo das torradas) que se transportaban nas alforxas ó lombo dos burros. Agora, en caso de quedarse a comer, faise nos propios postos que hai por alí ou achégase un ós parques de Baños de Molgas e a contorna.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 3 de setembro de 2022

 

viernes, 2 de septiembre de 2022

PARA QUE OS DESEXOS?

Alguén me quixo dicir nunha canción que pedira un desexo. Eu, aproveitando que viña no atallo e que sabía que non me oiría ninguén, berreille que para que? Como volo digo! Non me cortei un carallo! Para que vou pedir un desexo se a maioría deles non se realizan, non se cumpren! Sei seguro que se quero asaltar un banco, a policía, que, na realidade, non é parva, atrápame nun chiscar de ollo. É máis, faino xa no propio banco. Se pido un autorretrato dunha supermodelo ante un espello, vaime dicir que o puto espello está cheo de bafo. Para que pedir desexos!


Confeso que naquel momento, quen cantaba, se se amosara fisicamente polos auriculares, igual lle roía as entrañas. Porque dá carraxe que che digan que pidas un desexo cando sabes de antemán que non se levará a cabo. Esaxero un pouco no de roerlle as entrañas. Quen cantaba era unha cantante e eu, hoxe, en principio, aínda son un cabaleiro. Creo. Ó mellor son un malnacido. Ou un asasino. Non, isto sei que non, porque, repito, a policía no é a das películas (que sempre chega tarde, mal e nunca) e cacharíame xa descolgando o fouciño da palleira. Porque isto si, se algún día mato será cun fouciño (a arma por antonomasia da Galicia profunda). Ese si sería un desexo para cumprir.

Desexo rematar ben todo isto: que aínda que a min non se me cumpran, oxalá os desexos de todos vós se fagan realidade. Ante isto, non me queda outra que rir polo baixiño. Vedes como de cabaleiro, pouco?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 2 de setembro de 2022