domingo, 11 de diciembre de 2022

OS PELOS DE ESPETO

Coa escusa, co pretexto das guerras, ás veces xustificamos a violencia. Non obstante, no ano 1945, en España, xa non había tal contenda, xa levabamos seis anos sen guerra civil, pero a violencia estaba á orde do día e de forma malévola, dominadora, selectiva e criminal. As torturas franquistas eran impresionantes e agónicas, que, a maioría delas, remataban ante un muro ou ante unha tapia calquera por medio do fusilamento. Outros, para máis escarnio, remataban no garrote vil.


Lendo o libro “Madrid 1945. La noche de los Cuatro Caminos”, de Andrés Trapiello, hai páxinas que poñen os pelos de espeto e case con ganas de devolver. Porque as torturas non só se realizaban sobre homes feitos e dereitos, senón sobre mociños imberbes e mesmo algún que outro cativo. As mulleres, tanto adultas como adolescentes... é mellor non describir o acoso, o abuso , a violencia (e o que imaxinades) para non ter que marchar a un recanto a botar os fígados.

Ante todo iso, non podo entender como, hoxe, aínda moitos, moitos, moitos desexan correr un tupido velo ante esa limpeza que se levou a cabo simplemente por ideoloxías, por xenreiras, por inimizades e incluso por darlle acubillo a alguén ou porque eras amigo de ou da mesma aldea-vila de. Tamén porque se lían libros que non se deberían ler, porque non levantabas o brazo, porque non cantabas o “Cara el sol”, porque mirabas de fronte. Porque querían. Simplemente porque querían amosar o poder a base de hostias, violacións e tiros na noca, na caluga.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 9 de decembro de 2022

Finca Fierro. Domingo, 11 de decembro de 2022

 

sábado, 10 de diciembre de 2022

OXALÁ QUE...

Acabouse o que se daba. E nin tan sequera nos queda Portugal. Vaia Mundial! Agora, non tendo a España nin ós nosos veciños, non queda outra que volver por Marrocos. É o máis débil, o máis modesto. Ata o venres ía de Arxentina. Pero visto o seu comportamento ante os Países Baixos, xa non quero que gane Arxentina. Síntoo moito por Messi, que me parece o mellor do mundo e que sei que para acadar o posto do mellor da historia, os entendidos, din que lle falta ganar o Mundial, como si o fixo Maradona. Oxalá a final deste Mundial fora Marrocos-Croacia.


Oxalá algún día analicemos con calma e en profundidade o asunto dos alumeados de Nadal nas vilas, cidades e mesmo xa en aldeas. Porque o tema das luces está a pasarse da raia, está a saírse de nai. Ata non hai moitos anos puñámonos como unha brasa ou dabámonos a todos os demos porque ós poucos días de pasados os Reis aínda non se retiraran as luces das cidades. Agora xa queremos tales alumeados durante meses. Xa por varias veces comentei que non tardaremos en facer uso dese esperpento luminoso cando rematasen as novenas de Os Milagres, é dicir, o 8 de setembro. A partir deste día varios concellos loitarán xa por adiantarse uns ós outros nese gasto inmenso. Porque, si, é certo, que o turismo tal e os negocios cal. Pero os negocios son tan só uns cantos e os impostos pagámolos todos. E xa non me meto naqueles barrios nos que tal luminaria brilla precisamente pola súa ausencia. Non obstante, que todo sexa para que nos vexan desde as estacións espaciais ou desde a cidade de Nova York.


O que si me pareceu brillante foi declarar patrimonio da humanidade o toque manual das campás. Porque hai unha diferenza abismal con respecto ó toque eléctrico, mecánico, monótono. Lembro aquelas campás de Os Milagres cando os rapaces estudantes as volteaban e o son dos badalos era música celestial para os oídos, nunca mellor dito. Tampouco é o mesmo o repicar eléctrico das campás de Baños de Molgas nun domingo normal, que no día do patrón, San Salvador, cando as repenican algún dos fillos do ex sacristán. Percorrer toda a vila molguesa en procesión e escoitando o repenicar manual das campás, non ten prezo. A pena, que só sexa unha vez ó ano.


Finca Fierro. Sábado, 10 de decembro de 2022

 

martes, 6 de diciembre de 2022

RECORDOS SUBLIMES

Tomo o café. Non me sae da cabeza aquela época na que o universo era de cor azul e... infinito. Tampouco se me esquecen aqueles días nos que o indio Gerónimo se agochaba detrás dunha toxeira para evitar as balas do home branco. Ó mellor eran xestas. Aínda que tanto ten unha matogueira como unha breña. O caso é que Gerónimo chegase ó día seguinte para poder facerlle sinais de fume ós seus.


Tomo café. O ruxerruxe dunha vasoira dá a entender que se está varrendo a aira de Arriba de Baños de Molgas para, nuns días, asentar as medas de pan ou centeo. Que tempos aqueles nos que todo pasaba e nada quedaba quieto. Tampouco se deteñen os acordes dunha música de cine que soan na distancia. Agora cada quen que baile ou non, que asubíe ou non, que cante ou non.

Tomo café. Fago un xesto estraño por aquilo de facer algo. Se non fago nada, abúrrome e perdo o tempo. De aí que ás veces me chegue con subirme á Perla Negra e navegar por ese universo de cor azul e... infinito. E se non, tamén podo mirar para un espello e a ver que se reflicte nel. O café non creo. Porque o café xa hai tempo que me deixou un marabilloso sabor na boca. Iso é o esencial, o que realmente esperaba. Agora, rematado o café, quedan os latexos dálle que dálle a aqueles recordos que sempre foron sublimes. Porque pensar nos malos recordos é de parvos.


Café O Chicote. A Valenzá. Venres, 2 de decembro de 2022

 

lunes, 5 de diciembre de 2022

PEQUEI DE PAPALEISÓN

Tirei de experiencia e pequei de papaleisón. Só a min me pasan estas cousas. Nunca pensei recibir tal desprezo. Simplemente lle dixen ola e torceu o xesto. Incluso me mirou de mala maneira. A min, que ía coa opción de facer un amigo. Como se adoita dicir: saíu a cadela can ou a cousa chosca.


Non obstante, non recuei, non retrocedín. Nin tan sequera o tomei a mal. Era unha das opcións que podía asomar no seu proceder: a do desprezo, a da ignorancia. Sentei á súa beira e esperei un achegamento por parte del, Nada, pouca cousa; simplemente se desprazou un pouco, pero, iso si, mirándome sempre de esguello.

Por esta vez optei por non dicirlle nada. De cando en vez miraba para el e el seguía torcendo o xesto ou mirando pa Cuenca. Ser non era parvo, mais debería intuír ou notar que eu ía en plan de amigo. A experiencia dixérame que sempre saía ben parado, pero con este recoñezo que pequei de pasmón ou de papamoscas. Xa que seguía a mirarme mal e, por veces, púñame o cu.

Pasados uns quince minutos e vendo que o achegamento, que a confianza non avanzaba, non me quedou outra que despedirme cun adeus e sabendo, por suposto, que recibiría outra mala mirada. Efectivamente, o lagarto torceu a cabeza e, o malandrín, ó ver que eu marchaba, el fixo o mesmo. Simplemente me aturara para amolarme.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 1 de decembro de 2022

 

domingo, 4 de diciembre de 2022

E SE CHOVE, QUE CHOVA

Non sei como facer para loitar contra as adversidades do tempo. É un dicir. Sei que teño a solución na man e, ademais, de forma moi sinxela: meterme na cama. E se chove, que chova. Aínda que recoñezo que, ás veces, desespero por unha cousiña de nada, e tendo a solución ante min.


Meténdome na cama teño a batalla ganada. E a guerra tamén. Se estando baixo a chuvia me cubro dos bombardeos cun paraugas ou coa capucha da cazadora, na cama, a maiores de cubrirme, soño cunha contenda sen balas e sen inimigos, soño cunha paz feliz e duradeira. Por soñar ata podo soñar coa Perla Negra. E se chove, que chova.

Chover, vaia se chove. Leva todo o día chovendo, ou sexa, alterándome os nervios. Porque a chuvia é bonita, melancólica e necesaria, pero cansa unha barbaridade. Non deixa facer practicamente nada. De aí a loita que teño que levar a cabo moitas veces. Certo, porque son un desesperado. Chovendo non podo ler por fóra, mais podo facelo na cama. Aínda que na cama cústame un pouco ou un moito máis: non tardo en topenear.

Topeneando, e estando na cama, cal é a mellor solución? Pousar a corna. Pousando a corna alívianse todos os males, todas as miserias, todas esas loitas contra as adversidades do tempo. Desa forma, desa maneira nin hai batallas, nin guerras, nin calamidades, nin desesperacións; simplemente unha paz tan bonita que, por veces, ata se ronca. Como debe ser. E se chove, que chova.


Café O Chicote. A Valenzá. Mércores, 30 de novembro de 2022

 

sábado, 3 de diciembre de 2022

CO QUE TEMOS... BASTANTE FACEMOS

Nin contra Costa Rica eramos tan bos nin contra Xapón fomos tan malos. O que pasa é que nós axiña pasamos da algueirada á desesperanza. Eu creo que, dentro do que cabe, somos bastante bos. Pola sinxela razón de que, tendo o que temos, pasar a fase de grupos xa é un éxito. E agora, cada eliminatoria que pasemos (se a pasamos) xa vai máis alá do que se lles pode pedir á nosa Selección no Mundial de Qatar. Falando claro; moitos xogadores españois son suplentes nos seus equipos. E aí están respondendo. Case todas as seleccións teñen o seu líder, a súa estrela, mentres que nós, como moito, temos a Pedri e, que queredes, é un neno.


Logo da secuencia de pánico ou de terror acaecida o outro día contra Xapón, xa volveron as malas linguas reclamando ó defensa central Nacho e criticando o esquecemento do seleccionador cara ó Real Madrid. A ver se fago baixar da burra a algúns.

Caso Nacho. Este xogador leva 13 temporadas no Real Madrid. Por esas 13 temporadas pasaron seis adestradores, que se pode dicir que foron oito porque Ancelotti e Zidane estiveron en dúas etapas distintas. Pois ben, con eses oito (ou con eses seis) adestradores foi sempre suplente (si, xa sei que xogou partidos de titular, pero foron xeralmente por lesións ou por algún descanso dos titulares). A maiores, hai que engadirlle seis máis da Selección (cinco, porque Luis Enrique foi dúas veces), que tampouco contaron moito con el que digamos. Con todos eses datos, creo que está todo moi ben explicado. Non deberiamos botar tanto as mans á cabeza porque, si, é un xogador que sempre responde, pero... Pero sempre estivo de suplente.

E Luis Enrique mal pode levar xogadores do Real Madrid cando o Real Madrid non ten xogadores españois. Está Carvajal (que desde a lexión non volveu ser o que foi) entre dez estranxeiros, que case son doce, porque nos cambios sempre están primeiro Camavinga e Rodrygo. Asensio, o mellor español que ten o Madrid, estaba sendo suplente. E despois quedan Lucas Vázquez e Nacho. Deste xa falei e de Lucas, por moi galego que sexa...

A selección nosa é certo que é pobre, moi pobre. Pero aínda así, eu confío nela. Pasado mañá saberemos ata onde chega esa confianza. Non obstante, aínda que nos veñamos para a casa... Co que temos.


Finca Fierro. Sábado, 3 de decembro de 2022

 

jueves, 1 de diciembre de 2022

ROUBO NUN FUMEIRO

Case seguro que durante uns días non se falaría doutra cousa. Pero un servidor, aínda sen cumprir os seis anos, non se decataría de nada. Ou aínda que oíse aqueles días algo, o paso do tempo foi como unha trituradora que mandou ese suceso ó limbo do esquecemento. O que aconteceu a principios de febreiro de 1965 foi un roubo en Baños de Molgas de carne, chourizos e mesmo unha burriña.


Os veciños molgueses Manuel Rodríguez Villar e Darío Fernández Formoso, de 31 e 56 anos respectivamente, denunciaron ante a Garda Civil tales feitos. Estes leváronse a cabo nunha cociña provisional, ou sexa, nun fumeiro, que estaba pegado a unha casa en construción. Para elo, o ladrón tivo que practicar un buraco e por aí arramplou co que puido. Segundo as crónicas da época, o valor do adquirido consistiu nunhas 2.000 pesetas en carne e chourizos e 1.500 o que custaría a burra.

Menos mal que o subtraído non durou moito nas mans do garduño. Exactamente, vinte e catro horas. Porque os veciños de Moreiras, unha aldea de Xinzo de Limia, ó ver a burra cargada con dous grandes sacos, desconfiaron do paisano e, por medio do alcalde pedáneo, axiña lle deron conta á Garda Civil da vila da Antela. O malandrín quixo darlle sebo os pés; como se a Benemérita fora parva.

A min o que me asombra de toda a crónica é a sagacidade deses veciños de Moreiras. Que lle verían ó individuo para que lles dera mala espiña? Porque un burro cargado neses anos haberíaos a moreas. Ó mellor viron a acción ou a desconfianza reflectida nos ollos do ladrón. Ó mellor.


Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 29 de novembro de 2022