lunes, 19 de agosto de 2024

O UNIVERSO QUE ME ARRODEA


Contemplo todo o universo que hai ó meu arredor e deixo que o amor bruxo de Manuel de Falla anegue a cociña e os miolos do meu cerebro. En cada recanto un aparello e en cada aparello, nuns, tan só existe o baleiro e, noutros, ingredientes gastronómicos ou mesmo outros aparellos máis pequenos.

Portas abertas, portas pechadas, calendarios colgando, reloxos, dous funcionando e outro parado. Como a vida; ás veces avanza e outras queda quietiña; ou como moito suspira tan lentamente que semella incompleta. Tamén a nostalxia corre montada nun cabalo, mentres a señardade, pobre, sostense como pode sobre o lombo dun burro.


A música de Falla sobresae sobre o pouco ruído existente (hai aparellos que meten algo de ruído) e deixo que a cabeza se apoie contra a man esquerda para observar unha fermosa pulseira gris sobre un nocello de muller. Esta, á súa beira, deixa amosar unha caixiña chea de bólas de moitas cores, coas que, imaxino, seguirá a formar máis pulseiras ou outros traballos manuais.

Ás tres da tarde, todo ese universo que me arrodea segue no mesmo sitio porque na cociña estou eu tan só, case en penumbra, xa que non é plan que os raios da estrela amarela fagan deste lugar un forno. Aquí, nestes momentos, estamos o silencio, Falla e máis eu. Non queremos a ninguén máis. Tampouco queremos que ninguén rompa ou manipule a distribución dos obxectos. Para evitar o ruído. Para non alterar o sistema. Para non prexudicar á vista. Non hai como a rutina, como o silencio, como este universo sosegado e silandeiro.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 19 de agosto de 2024

sábado, 17 de agosto de 2024

MÁIS FÚTBOL, POR FAVOR


Estou como quero. Remataron os Xogos Olímpicos e empezou, inmediatamente, o fútbol, a Liga. Sobre os Xogos Olímpicos... ir a eles xa é o máximo, pero, estando, hai que trunfar, senón case é coma se non se fora. Eu creo que, incluso os que acadan as medallas de prata e de bronce, saen algo así coma derrotados. Nos Xogos, quéirase que non, tan só conta a medalla de ouro; o cénit, a cima de calquera atleta, de calquera deportista.


España, nese caso das medallas, e nos demais casos, entendo que fracasou. Todo o que sexa baixar das 22 de Barcelona é un fracaso. Se se alcanzaron esas 22 foi porque se puido. E o obxectivo de calquera persoa, e en calquera actividade, é sempre o de superarse. Todo o que non sexa isto, é un fracaso. En Barcelona 92 acadáronse 13 de ouro. Agora só 5. A diferenza é brutal. Todo isto demostra tamén que, ó deporte, hai que axudalo. Con axudas hai máis recursos, máis actividades, máis dedicación.

Si, fálase moito dos chamados “tiros ó pau”, ou sexa, daqueles que quedaron de cuartos por culpa dunhas décimas, dunhas centésimas, dun gol, dun golpe. Pero a filosofía da vida (ou Hamlet) sempre nos dixo que as cousas son ou non son. E esas décimas ou centésimas acadáronas outros mellores e non hai volta de folla. Resumindo, que moita alegría, moita emoción en algunhas medallas, pero tamén moita decepción naquelas que se intuía que podían ser. Non foron. Xa está. Punto.

Alegría a de hoxe, que xa empezou a Liga e que, para máis aquel, o Celtiña empezouna ganando. Por fin! A ver se este ano non pasamos as apuradas dos últimos. Alegría futbolística para os merengues. Eu mesmo recoñezo que, co cadro de xogadores que ten debería ganar a Liga xa nas festas de Nadal. Non obstante, están a queixarse xa dos presuntos 72 partidos que xogarían se chegan á fin de todas as competición. As queixas esas son moi fáciles de evitar: deixarse eliminar e xa non se esgotan tanto. Pobriños.


72 partidos en once meses. Un ou, como moito, dous adestramentos en días quizais alternativos; cando o obreiro, o labrego, o da hostalaría, o peón de albanel e un longo etcétera botan horas e horas diarias por saldos de miseria. Hai queixas que rebentan, que merecen unhas labazadas e que van en contra mesmo do seu propio benestar, pois imaxino que, coma min, pensarán moitos e, claro, ante isto, a afección ó fútbol non pode ser a que era. Porén, e imitando a Aute: fútbol, fútbol, fútbol, máis fútbol, por favor.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 17 de agosto de 2024

QUEN VAI, QUEN VÉN


Para saber quen vai, quen vén (ou quen vén e vai) hai que axexar o horizonte. Non me importa facelo. Xa estou niso. E vexo como unha moza aparca un coche negro, mentres dous ou tres de diversas cores pasan veloces pola rúa. Vexo como me traen o café e me demoro uns segundos en preparalo, mentres todo o meu corpo empeza a soltar pingas de suor con certa anormalidade. Non adoito suar tanto. E menos cando, na cafetaría, hai aire acondicionado.

Ás veces súo de angustia, pero nada me angustia. Acostumo suar algo (só algo; non son de moito suar) cando fago algún esforzo moi físico, mais tan só estou escribindo. Súo cando certos pensamentos se me acumulan, se me amorean e non sei moi ben como clasificalos ou distribuílos ou espallalos ou como resolvelos.


Vai unha pomba peteirando por debaixo das mesas e vén un cliente con ansias dunha auga fresca. Vai outro cliente con dirección ó bochorno, ó requeimón e vén unha moto facendo ruído. E como diría Andrés do Barro: “vai, vén, vai e vén do dereito e do revés”. Ir e vir, tornar e volver era a ladaíña que usaba sempre miña nai cando nos queixabamos de que os regos das fincas que estabamos cavando non remataban nunca. “Veña, que só queda ir, vir, tornar e volver”. Ante isto, a verdade era que lle dabamos con ansia para rematar axiña.

Vai a luz da habitación disipándose, esvaecendo para que a intimidade sexa máis íntima, máis agarimosa e para que as neuronas se inchen ata rebentar de desexo. E vén os trapos de farrapeira para que cosan, remenden, enguedellen, aten, xunten, apeguen dous corpos que simulan un, mentres os berros calados ou os silencios sonoros estoupan de gozo ata quedar esgotados. Quen vai?: A esperanza. Quen vén?: A realidade.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 16 de agosto de 2024

viernes, 16 de agosto de 2024

A ARAÑEIRA DA MIÑA ESPERANZA


Escribo poesía cando non me apetece cantar. Cando canto bailo sobre unha arañeira durante quince minutos xustos. E non son un elefante. Son pouquiña cousa, pouco máis máis de cinco arrobas e algo. Aínda así son un home feito e dereito que respondo ó nome de Roque Sanguñedo Salgueiros.

De cando en vez deixo caer pingas de orballo sobre un caderno cuadriculado que, iso si, mollan o papel. É igual; eu enténdome ben. Ós cachos tamén asubío ó estilo Morricone e canto temas de Elvis Presley mentres bailo sobre a arañeira do principio.


Sei finxir que o universo cae sobre min e que as estrelas brillan incluso detrás das nubes negras. Agora, cada quen que pense o que queira. A min chégame con completar un poema de tan só tres versos. Para que vou escribir un soneto? Se mesmo no primeiro verso soltei xa todo o sentimento que levo dentro. E canto coma un xílgaro desde a gaiola colgada da trabe da esperanza. E bailo coma un bolboreta ou papoia pendurada desde a flor amarela dunha toxeira.

Nacín pola beira esquerda do río Arnoia cando pasa por Baños de Molgas. O seu leito pasa por varios lugares máis, pero a min só me interesan os da miña infancia. Porque fun neno nos tempos aqueles nos que, a neve, facía desbordar o río e, a seca, facía secalo. Todo moi simple, todo moi sinxelo. Era a lei da natureza. Agora tan só contemplo as súas augas mansas e, ós cachos, bambeo ou abaneo sobre a arañeira da miña esperanza.

A miña esperanza é moita, principalmente cando sei que unha cousa leva á outra e que todo queda despois escrito nos versos do poema, no tempo da nostalxia e nos latexos da señardade.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 16 de agosto de 2024

jueves, 15 de agosto de 2024

MATEMÁTICAS BÉLICAS


Ulín o ambiente e souben que a composición química dunha bomba era o medo multiplicado por un berro e dando como resultado un inferno. Así de simple e de sinxelo. De simple, non; houbo que facer unha operación para, ó final, si, quedar nun exterminio, nunha aniquilación, nun xenocidio. Iso sendo tan só unha bomba. Se seguimos coas matemáticas bélicas, o resultado máis que doer, manca; máis que mancar, aterra, aterroriza; e máis que aterrorizar, esnafra, escacha, rebenta.

As matemáticas bélicas nunca teñen razón de ser, pero son; nunca teñen xustificación, pero aí están... unha e outra vez, unha e outra vez, unha e cen veces máis. E na aritmética está o número de explosións, de berros, de bágoas e de mortos; de desgrazas, de nais sen fillos e de fillos sen pais.


Malditas sexan as bombas que caen, as bombas que estoupan, as bombas que se fan. E malditos sexan os que dan a orde de deixalas caer, de lanzalas, de guindalas. Malditos tamén os que as deixan caer, os que as lanzan. Ningunha bandeira, ningunha fronteira, ningún patriotismo xustifica o caos, o pánico, a dor, os berros, as bágoas, o medo, o medo, o medo... e o silencio coa súa soidade. E a soidade abrollando por entre os ladrillos rotos, por entre os bloques de cemento desfeitos, por entre os cascallos que xa nin alcanzan o cualificativo de cascallos. E a dor empreñada co medo, con moito e máis medo. E ó medo sumámoslle a impotencia. E á impotencia restámoslle a imposibilidade. E a imposibilidade dividímola pola miseria, pola penuria, polos desprazamentos; quedando de resultado a nada, o baleiro, a apocalipse. Putas matemáticas bélicas!

Ulín o ambiente despois da catástrofe e foi entón cando a conciencia furgou por entre a inutilidade dos actos bélicos e por entre berros que quedaron, de golpe, mudos e por entre os saloucos que, agora si, mancan, doen para rematar nun por que? Nun simple e sinxelo por que?


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 14 de agosto de 2024

miércoles, 14 de agosto de 2024

SALTOS


Tensei os músculos e saltei. Saltei sobre a memoria dun piollo e, no aire, xa vin que a tiña baleira. A verdade é que, a capacidade, élle pouca. Saltei sobre unha cama desfeita que, tamén, estaba baleira. Que pena.

Hai saltos nos que se cruzan os erros cos acertos e as ansias coa calma, coa pachorra, co acougo, co silencio. Hai saltos con moita altura e saltos que quedan engarrados, enganchados en farracas ou faldriqueiras a medio facer. Saltos sobre toxeiras e silveiras, sobre novelas baratas e fochancas. Saltos sobre o entendemento difícil de entender e sobre sentimentos que van máis alá dos confíns do universo. Saltos a medio camiño e saltos longos.


En cada salto tenso os músculos de tal forma que teño medo a que estralen e que os versos desfagan o poema, ou que, no medio do salto, me esnafre contra o valado, contra o muro, o obstáculo, o atranco. Mellor sosegar un pouco e deixar que os músculos se acomoden, se adapten para un novo salto, para os seguintes saltos.

Xa descansado, volvo saltar sobre a conciencia que non teño, sobre o desexo que manca, sobre a ignorancia que doe, sobre a esperanza que espera, sobre o soño que non se fai real, sobre as guerras que non acaban, sobre os latexos que laceran, sobre a paz que é unha quimera, sobre a Perla Negra que navega e sobre o reflexo dun espello que marea.

Tensei os músculos e saltei. Para dar saltos de alegría, e de morriña, e de ansiedade, e sobre os berros que rachan o silencio, e sobre o silencio que me deixa baleiro. Canso de saltar... acougo.


Café Chechu. O Vinteún (Ourense). Mércores, 14 de agosto de 2024

martes, 13 de agosto de 2024

RESUCITANDO DE ENTRE OS VIVOS


Resucitei de entre os vivos... porque seica estaba morto. Alguén me matou dun suspiro. Alguén confundiu os termos, ou os nomes, ou as ansias, ou as présas. E soltou a noticia, a bomba. O de bomba quizais non proceda; polo menos para aqueles que desexen o meu pasamento. Porque os hai. Sei que os hai. Porén, segundo me mataron nun suspiro, resucitei nun alustro.

E como alustro, brillo con forza e percorro todos os ceos da miña existencia. Latexo, quizais, co vento ferido; pero respiro, seguro, tras o ritmo dun asubío. Son coma un fío, coma un trapo de farrapeira que tece un bolso, ou unha pulseira, ou calquera tea. Entre puntada e puntada hai unha palpitación de ansiedade, un recanto da memoria, un curruncho de esperanza. En cada trapo de farrapeira asenta un soño que se ata, que se xungue, que se tece coa aspiración dun desexo.


San e salvo furgo por entre os seres que se moven ó seu compás. Eu buligo ó meu e, como formiga (ruín, si) que son, sigo construíndo un formigueiro cheo de idas e voltas, de berros e silencios, de cancións e poemas, de vilas e aldeas. Un formigueiro cheo de pulsos, de devezos, de ambición, de aguante, de resignación, de ímpeto, de perfumes que cheiran ben, de flores amarelas que escintilan, de silencios que o din todo, de berros que non aclaran nada e de saúde coa que tirar para adiante.

Tiro cara á adiante neste mundo dos vivos, porque a miña resurrección, en principio, abrollou de entre os presuntos mortos. Non son tan fácil de eliminar. Nin tan sequera naqueles pesadelos imaxinados ou desexados. Os meus soños van máis alá dunha angustia mortal.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 12 de agosto de 2024