lunes, 31 de octubre de 2011

O ABUSO POLÍTICO


              Soño coas corruptelas dos políticos e deixo que o vaivén dunha folla me leve por entre as conversacións ás agachadas que se realizan entre despachos e bares. O paisano de a pé outea, intúe, pensa, pero disimula. Non é capaz de cambiar a historia. E déixase aconsellar por uns para defender a outros; xeralmente aos máis corruptos. Axiña lle ensinan que o trapicheo político é lei de vida. Penso no aperto de mans á beira de gasolineiras e nas ventas de coches cos que foron agasallados, mentres nós,  os pasmóns de a pé, lemos as novas e deixamos que a vida pase. É lei de vida. Despois, somos heroes esbardallando nas cafeterías contra os que cometen os abusos, para, axiña, ó dar a volta, marchar correndo na procura dun político que nos resolva a papeleta da ineficacia, da nugalla  e das ansias de ter o que non merecemos.

              Oficina de Maceda. Luns, 31 de outubro de 2011

UNHA UÑA PECULIAR


              Os dentes de Acacio Silveira Montero furgan na uña do seu dedo índice da man esquerda. Non ten nada que morder nela porque non é coma as outras; debido a unha ferida que tivera de rapaz cando meteu o dedo onde non debía. A máquina case lla arrincou de raíz. O problema foi o case ese; que algo lle quedou no nacemento e non deixa saír por completo á uña nova. Esta non medra coma as outras e a parte vella si segue a crecer, polo que, de cando en vez, ten que arrincar a vella. Ás veces asoma o sangue e Acacio Silveira Montero amosa un xesto de dor, pero é a única forma que ten para que unha non cabalgue sobre a outra. Agora mesmo está a furgar sobre un cachiño que aínda ten de uña vella. Pero tan só iso, furga, xa que é tan pequeniño que non consegue collelo cos dentes. Acacio Silveira Montero remata por contemplar o ceo e largar do banco no que estaba sentado.

              Oficina de Maceda. Luns, 31 de outubro de 2011

viernes, 28 de octubre de 2011

CICLO DE CINE CLÁSICO


              Foi a iso das nove menos vinte e cinco da mañá do venres cando levei a gran alegría do día. Estaba a ler este xornal e cando cheguei á páxina quince vin na listaxe da carteleira de cine que, os mércores, nunha das salas dos Cinebox haberá proxección de Cine Clásico. E empezan coa película “O Padriño. 1ª parte”. Entendo, entón, que seguirán coas outras partes. Entendo, tamén, que inician así un ciclo que se tivo que iniciar hai xa moito tempo. Pois aínda que hoxe existen varias cadeas de televisión, estou a ver que non andan moito pola labor de botar auténtico cine clásico, que tan só se dedican a botar trapalladas e moitos disparos. Oxalá dediquen (para sempre xa) unha sala á proxección de películas clásicas. Pero que non se queden estancados, por favor, en clásicos dos anos 60, 70, ou 80, por exemplo; que tamén hai clásicos, ou sexa, obras mestras, máis alá deses anos, incluso no cine mudo. A proba é que ningunha televisión se acorda para nada dos ciclos (como facía antes a pública) de Charles Chaplin (Charlot), Buster Keaton ou Harold Lloyd entre outros. Oxalá os Cinebox recuperen a estes mestres. E xa por pedir que non quede; ¿para cando unha sala dedicada ás versións orixinais subtituladas? Poden subtitular eses clásicos e xa matan dous paxaros dun tiro. De todas formas, grazas polo ciclo.

              Finca Fierro. Venres, 28 de outubro de 2011

O REFUXIO DA FAMILIA


              Ou a vida é unha esperpento ou os xornais tan só se dedican a publicar malas novas. Un xuíz considera que non é un insulto chamarlle a unha muller “zorra” porque se entende que esta palabra tamén significa espelida, lista. Claro que se así fora, ¿para que ía a muller denunciar ao home? En Afganistán hai nenos que viron cómo mataban aos seus pais diante deles. En China desaparecen a cotío voces críticas e seguen arrestando aos que máis protestan. Violentos disturbios en Kinshasa. En Guatemala aumentan os asasinatos. A policía carga contra os estudantes chilenos. Ata o noso José María Aznar pon a parir ao seu propio país cando dá conferencias ou rodas de prensa fóra. Lendo todo isto hai que ter estómago para levar as mañás. Menos mal que me queda a familia para refuxiarme destas novas. E desexas que chegue a tarde para “pelexar” un chisco cos rapaces e sentir a felicidade coa muller mentres tomas, por exemplo, uns cafés ou mentres paseas con ela. E aínda que, logo, lle contes todas estas novas, ela sempre ten unha palabra ou un xesto cariñoso para que o meu corazón flote de felicidade á súa beira.

              Finca Fierro. Venres, 7 de outubro de 2011

CHOVENDO


              Trona. Alustra. Chove. Funga o aire pola rúa Da Presa. No Picoteo estase ben. Quentiños. Coa música da televisión retumbando, resoando nos oídos. Pouca xente no café. Mal día. Nena Daconte tiña tanto que darme que, vaia por Deus!, non me deu nada. Non sei entón para que ofrece. Emporiso, é unha bonita canción. Trona. Alustra. Chove. Funga o vento. Seguimos os mesmos clientes. E seguen os coches a pasar polas dúas rúas que se amosan ós meus ollos. Cazadora colgada dunha cadeira. Bastante mollada. Porque antes de entrar no café, andei a mercar; o que significa que fun de aquí para alá, dun lugar para o outro. Trona. Alustra. Chove. Funga o vento.

              Café O Picoteo da Valenzá. Mércores, 26 de outubro de 2011

O CARBALLO CENTENARIO


              Cae a chispa sobre o carballo centenario e o silencio da pomba que pousaba nunha das súas gallas racha cun movemento frenético de ás. O aire cheira a queimado e o trono alporiza o sentidos das ducias de belotas que caen. Chamuscadas. Queimadas. Queda o ruído do estralo ó caer o carballo centenario e choran os grilos nas súas covas, nos seus buracos. Saben que nunca máis unha sombra tapará as súas portas durante un pequeno espazo de tempo. Queda inerte o carballo centenario e axiña pasa a treboada con dirección ó noroeste. Tan só durou un suspiro, pero suficiente para derrubar ó carballo centenario, á inmensa mole da fraga dos recordos, do pasado.

              Café O Picoteo da Valenzá. Mércores, 26 de outubro de 2011

jueves, 27 de octubre de 2011

UN CARCAMÁN


              Quedo só. A muller e o rapaz máis novo marcharon. Estou a esperar ó máis vello. Chove a mares. A televisión amosa a lista dos 40 Principais. Agora mesmo, unha canción con ritmo, con moito ritmo. Un xornal sobre un recanto da mesa. Este xornal. Dúas cuncas de café á miña beira; a miña e a da muller. Esta marchou. Eu quedei. Só. Agora é unha muller a que canta. Non sei quen é. Xa teño dito que con respecto á música de agora, á música actual ando peixe. Que se vai facer!; son un carca, un carcamán. Outro cantante máis. A este si lle sei o nome porque o mostran na televisión: Juan Magán co tema “Bailando por aí”. Nin idea da canción. Nin idea do cantante. O dito, un carcamán.

              Café O Picoteo da Valenzá. Mércores, 26 de outubro de 2011