martes, 3 de diciembre de 2013

SOÑANDO COA IMAXINACIÓN


              A cunca é orixinal. Ten o debuxo dunha muller manipulando nun móbil. A muller é guapa e achica moito os ollos. Fixo que ten miopía, pero, quizais por vergonza, non quere usar anteollos. Digo eu. Ó mellor é un simple xesto que fixo nese momento. Asómalle un fermoso sorriso nos beizos. Ante isto, a pregunta é sinxela e, por suposto, curiosa: que estará mirando no móbil?. Aquí temos o gran quid da cuestión; que nos importa un carallo a fermosura da muller e o seu achicamento de ollos; agora o esencial do debuxo é o que mira a muller. Que, sinceramente, non pode mirar nada polo simple feito que nada está debuxado, porque sobre a cunca só vemos a parte traseira do aparello, do instrumento. Pero o inconsciente noso busca sempre o que non hai, o prohibido, o inalcanzable, o imposible. Sempre soñamos coa imaxinación. Que, por certo, é bonito. Non se amosa nada, nada hai, pero pensamos nesa pantalla invisible ó ver o sorriso da muller.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 25 de novembro de 2013

lunes, 2 de diciembre de 2013

ASALTO Ó TREN PELHAM 1 2 3



     Onte vin en Antena 3 e en versión orixinal dubtitulada, a película "Asalto ó tren Pelham 1 2 3" (2009), de Tony Scott; con Denzel Washington, John Travolta, James Galdolfini, John Turturro e Luis Guzmán. A música é de Harry Gregson-Williams.
     Se un esquece un chisquiño a orixinal "Pelham 1 2 3" (1974), ata poida que o pase algo ben coa de Tony Scott. Produto típico ianqui  e do típico estilo de Tony Scott: imaxe e son a ritmo frenético.

A PONTE DOS ASASINOS



     Onte, domingo, acabei de ler "A ponte dos asasinos". Está coma os anteriores de Arturo Pérez-Reverte, os da saga do capitán Alatriste. Hai anos lera os dous ou tres primeiros, cando saíran, e este segue a mesma tónica.
     A verdade é que, cando o pillei na biblioteca da Valenzá fíxeno ás presas e non pensei moito nas aventuras do Alatriste. Tiven outras veces oportunidade de ler máis libros da saga, pero non me apetecía. Por esta vez, xa digo, ás présas, porque se me botaba a fin de semana encima e quería libros para ler. Nesta biblioteca non hai moito onde escoller. A partir de xa, teño intención de ir pedindo tamén libros doutras bibliotecas.

O SEU CORAZÓN DIXO BASTA


              Acabouse. Acabouse o latexo dun corazón que estaba vivo. O corazón dun sapo concho. O pobre estaba sprintando cando acordara cruzar a estrada que vai de Baños de Molgas ós Milagres. Xusto cando lle quedaban uns setenta centímetros para chegar á cuneta, e a causa da sufocación, o seu corazón dixo basta. E aí acabou o peregrinar do pobre sapo concho. Quedara coa súa nai en xantar ó outro lado da Pitediña, no lameiro de Dafne Corona Loureiro, á que lle chamaban A Toupeira. Pero o pobre sapo concho xa non comería ningunha folla de cardo máis. A súa nai fartouse de esperar, ata que acordou mandar a súa filla máis nova na procura de noticias. A tartaruga cruzou o río Arnoia e toda a Pitediña. Axiña atopou ó seu irmán. Logo de deixar caer unhas bágoas de pena, marchou de novo para darlle o recado á nai. Cando chegou era noite pecha e a dor instalouse entre os xuncos por toda a noite. O pobre sapo concho acabou esmagado pola roda do tractor de Tancredo Consello Ruíz, O Refugallo.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 23 de novembro de 2013

viernes, 29 de noviembre de 2013

O BERRO SECO


              Pau. Coio. Arame. Galla. Un aradiño de pau. Pasa paseniño un verme luceiro. Corre que te pillo, lebre que choutas por entre as toxeiras. Un coio branco no fondo do río. E un asubío que se escoita na distancia. Triste. Melancólico. Voa, papoia, bolboretiña, que eu teño as ás rotas e os pés cheos de calos. O arame arrodea os pensamentos dos que pensan, dos que se senten prisioneiros. Eu síntome libre con dúas ideas e catro palabras sobre un papel en branco. Cos puntos sobre os is. Cos acentos sobre as sílabas. Galla que racha. Do carballo. Do castiñeiro. Galla que sostén sementes eternas. De mazá. De piñeiro. Brinca o silencio nas noites de inverno.
              Frío. Noite. Sono. Soño. Oración polos que nunca morreron. Nugalla para o berro seco, para o berro que non se pode compartir. Luz que brilla cos ollos pechos. Debuxos que bailan por entre unha somnolencia que se deita no berro seco, no berro roto, no berro que esgalla. Silencio.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 22 de novembro de 2013

CONFUNDIR INDUSTRIA CON CALIDADE


              A xente segue unha e outra vez coa ladaíña de que o cine español é unha carallada, que padece unha gran crise de ideas novas e de guións distintos, de que o cine ianqui acada éxito tras éxito en recadación. Imos por partes. Éxitos. Todos os anos hai, como mínimo, tres ou catro películas españolas boas. Moitos non as ven porque... puuufff, cine español! Todos os anos, que alguén busque máis desas tres ou catro no cine americano. Algún axiña choutará cos ránquines, coas clasificacións que se adoitan facer e, claro, só asoma unha ou dúas españolas. Pero, lembremos, son clasificacións económicas. E aí ninguén mete as ideas novas e os guións distintos polo medio. Porque, non analizaremos, por exemplo, Avatar como boa película, digo eu? O seu guión... o seu guión bebe de moitos outros. A moitos pásalles coma os que confunden o volume co son. Na crise do cine español confunden a industria coa calidade, coa arte. A eses agoireiros dígolles que hai tan bo cine en Irán, en China, en España, en Somalia, en Cuba, no Sahara, en Argentina... como en Estados Unidos. O que pasa é que se che meten polo ollo dereito cen películas e cinco polo esquerdo, é normal que gane o dereito. No cine, como no fútbol, como no éxito, como no poder, como na vida os cartos son os que mandan. E hoxe manda Avatar, con toda a súa “calidade”. Sen máis comentarios.


              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 27 de novembro de 2013

OS VINGADORES



     Onte vin en DVD a película "Os vingadores" (Los vengadores, 1972), de Daniel Mann; con William Holden, Ernest Borgnine, Woody Strode e Susan Hayward. Bastante normaliña. Non puiden vela en versión orixinal subtitulada porque non traía esa opción o DVD (son destes DVD´s que sacan os xornais a un prezo simbólico). E tampouco podo falar moito dela porque, aí pola mitade, quedei medio "grogui", é dicir, que pousei un chisco a corna, e perdín algunhas escenas. De todas formas sempre é un pracer ver a Holden, Borgnine e Strode.