viernes, 14 de agosto de 2015

DÚAS FERIDAS ENORMES


Negativamente, sempre sucede algo todas as semanas. Pero esta que acaba de pasar deixounos dúas feridas que, a maiores, ten visos de non curar nunca. Os incendios e a violencia machista ou violencia de xénero ou violencia doméstica. É igual, é violencia. Peor aínda, é máis ca violencia; esta podía ser uns simples paus, pero vai moito máis alá; tan alá que chega ata á propia morte.
Os incendios. O culpable, é verdade, sempre é o pirómano. Pero este case se pode dicir que se ve “protexido” polo asunto político. Cunha boa política na gandaría e na agricultura moitos montes non terían qué arder. Lembro nos anos 60 e 70, cando andaba nos montes de Baños de Molgas coas vacas que, as probes, ás veces, nin tiñan que pacer. Tiñan todo máis peladiño ca unha baldosa. Normal, xuntábanse máis dun cento de vacas pacendo. Todo o monte lles era pouco. Agora, por exemplo, Pinouzos xa está feito un bosque. Non hai vacas. E haberá menos. Cantas granxas de leite pecharán? A agricultura non ten onde caer morta. Cantas viñas se abandonan? Todo iso será bosque. Hai que axudar á agricultura e á gandaría, e non ir en contra delas, como se está indo.

A violencia machista. Isto xa non ten nome. Creo que son 23 as mortes que van no ano. Demasiadas para ser vítimas coas que o propio asasino conviviu ou aínda convivía. Tamén aquí a culpa é, por suposto, do asasino. Pero tamén, politicamente, se deberían tomar outras medidas. Non hai espazo para analizalas. Non creo, pero oxalá que estas dúas feridas cicatricen algunha vez.

A INCONGRUENCIA DA MENTE HUMANA



 
               En primeiro lugar, un funcionario ten fama por ter un posto de traballo seguro. En segundo lugar, un funcionario ten fama porque seica vive coma Deus. Iso din. É certo que algúns rañan a barriga, pero tamén é verdade que outros non conseguen nin respirar. Ai si, e todos ganan unha miseria. No da miseria non entran os altos cargos. Pero cando alguén fala dos funcionarios, cando alguén os despreza e cando alguén os insulta, a que funcionarios se refire? Verdade que todos tedes in mente ó funcionario de baixa escala, ó que atende ó público? Pois sigo dicindo que o que atende ó público non gana nin para churros. Aínda así é certo o que di a directora da plataforma Spain Startuf, que “antes, os pais querían fillos funcionarios; agora que sexan emprendedores”. Estou por apostar que quixo dicir políticos, que se meteran políticos. Ganan ben máis que un funcionario e traballan ben menos. A estes votámolos e ós outros insultámolos. Aí está a gran incongruencia da mente humana. Hoxe, ser político, é a mellor profesión. De aí as loitas que hai polo poder, porque sabemos que o poder trae consigo... Pois iso, puntos suspensivos.

jueves, 13 de agosto de 2015

RITMOS MUSICAIS



 
               Ritmo de jazz para un concerto que se celebra nos carreiros da soidade e soño compartido na sedela dunha vida por pescar.Tragos de café quente que baixan pola gorxa e que berran entre os asubíos que volven de revés o mundo. Poucas cousas hai dereitas neste val de lágrimas e poucas nadan por enriba dunhas sabas brancas.
               Ritmo de muiñeira na almofada dun soño e descanso nunha pedra seca co mofo asomando por entre as súas estrías. Quen fora pinga de auga para lavar a cara oculta da lúa! Quen puidera rematar o cabañón que se empezou a segar alá polo amencer dunha discordancia! Xa sei que ninguén entende o ruxerruxe do cano dunha fonte ou o correo electrónico dun desexo que, pouco a pouco, morre.
               Ritmo de rock para un tempo que xa é historia, no que o latexo dunha galla de carballo analiza toda unha infancia compartida entre a ledicia duns xogos e o medo dunha educación demasiado opresiva. Eran outros tempos. Tempos de concertos acústicos baixo o fogar dunha lareira.

miércoles, 12 de agosto de 2015

CO SABOR DUN CAFÉ



 
               Martes, 11. Once e vinte da mañá. Festivo en Maceda. Lectura, entón, polas beiras do Barbañica, na Valenzá. Calquera hora é boa para escribir. E máis se se acompaña co sabor dun café. Así tamén descanso un chisco do pé esquerdo. Ó andar moi avagariño a causa da lectura, non sei por que, todo o peso do corpo recae sobre ese pé esquerdo maldito. Maldito polo do calo, claro. Agora mesmo ferve. Pero é que non aguanto un carallo sentado nun banco ou nunha pedra ou nun beirado... se o fago, leo unha páxina ou dúas e, ale, a andar de novo. Nin tan sequera consigo ler sentado un capítulo.
               Once e media. Xa tomei o café. Pero segue o seu rico sabor. Sobre a barra do bar descansa o libro “Milena o el fémur máis bello del mundo”, de Jorge Zepeda Patterson. Á beira do libro, os anteollos, porque xa hai tempo que, para escribir, teño que quitalos. Un que vai vello. E tamén á beira do libro e dos anteollos, a caixa cos panos de papel. Sobre un deles estou escribindo. Dixen xa algunha vez que, xeralmente, escribo nos panos de papel das cafetarías. Pois iso. Pasan dous minutos das once e media. Imos de novo alá: lectura ó canto e peso no calo.

martes, 11 de agosto de 2015

NADA DE BUSCARLLE TRES PÉS Ó GATO



              Case sempre vexo pasar coches. Cando miro para a estrada e pasan. Hai veces que miro pero non pasa ningún. Entón, se quero velos pasar, teño que esperar a que pasen. Pura lóxica, non si? Así debería ser todo, é dicir, con lóxica, con sinxeleza e nada de buscarlle tres pes ó gato. Case sempre damos moitas voltas para nada. Os que máis, os políticos. Cando se produce un incendio empezan que tumba e que taramba, que arre e que xo; con sinxelo que é dicir: prevención. Pero claro, iso que é? Ó non saber o que é, arrodean e arrodean ata atopar o camiño máis recto. Nunca o atopan, claro, porque en cada curva do que están percorrendo engarran con lerias podres, con truques e retruques de enchufismo e dilapidación. Cando falan da baixada do paro, buscan aquelas etapas nas que, por unhas ou outras causas, asoma algo de traballo. Co sinxelo que é ir ó miolo da cuestión. No caso de buscar o camiño recto é atallando, e punto. Se non hai camiño recto faise un dereito e xa está. No caso do paro… polos a traballar buscando as caixas B. Aquí si hai traballo ben remunerado.

domingo, 9 de agosto de 2015

O GUERREIRO SEN ESCUDO


              Son o guerreiro sen escudo que loita contra as hostes do inimigo polos outeiros de Sudalomba. Teño unha espada dourada que nin pincha nin corta, pero mata. Mata baixo a forza dos meus bíceps e a potencia do meu golpe. Non preciso escudo porque nos meus pectorais rebotan as lanzas, machetes e espadas do inimigo. Con tan só verme xa me teñen medo. A quilómetros de distancia, é dicir, ó outro lado do río de Tioira, ou sexa, alá por Portugalego ou a Tapada Nova, xa oio o aviso de “aí está o guerreiro sen escudo”. E tremen. De medo, non de frío.

              Levo tres días loitando sen parar e, aínda que non teño ningunha rabuñadura, empezo a cansar. Son moitos inimigos de Cristo! Xa case non teño onde colocar os pés; hai mortos por todos os lados: nas toxeiras, nas silveiras, nos claros. Todos están caendo a base de golpes da miña espada dourada que nin pincha nin corta. Pero mata. Son o guerreiro sen escudo que logo de matar e matar ás hostes inimigas non conquisto nada. Porque non consigo moverme do sitio. As moreas de mortos forman xa valados inexpugnables. Emporiso, sigo loitando.

sábado, 8 de agosto de 2015

SOMOS UN PAÍS DE FESTAS


Festas por todas as aldeas, por todas as parroquias, por todos os lados. En algo lle ganamos ós incendios: en festas. En algo lle ganamos á violencia machista, á violencia de xénero: en festas. Pero, sinceramente, a vida ten pouco de festa. A sociedade en vez de bailar, arde. E non só a causa dos incendios. Levamos un ano “criminal” en relación os nenos mortos ou orfos por causa da violencia que existe en todos os fogares españois, por causa dese demo que todos levamos dentro. Todos.
Seica acusan a unha edil do PP porque criticou a Rajoy no feisbuq. Agora, ela deféndese de que alguén manipulou a súa rede social. A ver, fose ela ou non fose, por que non pode criticar a Rajoy? E con maior motivo se se fai referencia ós soldos dun e doutro. Hai pouco critiquei eu que, agora, todo político cobra dos pombos, incluso, por suposto, os nacionalistas… e son nacionalista. Por que non os vou criticar se moitos cobran por non facer nada ou por facer que fan. Neniña, non te apures; eu critico a Rajoy e á leite inversa ante os soldos astronómicos e vergoñentos da inmensa maioría dos políticos. Eles si viven tamén nunha festa continua. Repito: somos país de festas. E se estas se fan á conta dos pombos… non che digo máis!

A Xunta di que están en vigor os contratos homologados do Ribeiro. Sen comentarios… porque me cabreo. Veña, si, teñamos a festa en paz. En cada recanto do noso país vivimos unha troula continua. Pois ale, que non decaia a festa. E dígoo sen retranca.