domingo, 3 de febrero de 2019

SOBRE MORTOS, VIVOS E CONXELADOS



Oín a noticia da estafa dos ataúdes pola radio. Lin a noticia nos xornais. E coincidiu que, polos telexornais, vin imaxes desa noticia que se deu en Valladolid. Estaba a miña muller comigo, e saíume da alma: “a min particularmente non me importa; por min como se me botades no medio de Sudalomba, alá no Medo, para proveito dos lobos; pero iso das estafas está mal, moi mal”. Eu, ó morrer, dáme exactamente igual o que fagan comigo, como non vou sentir nada... Pero, polo demais, e á parte de que cada un escolle o ataúde como lle pete e segundo as circunstancias, o dono da funeraria ou os tíos que participaron no fraude xogaron cos sentimentos que se producen neses instantes. E eses sentimentos todos sabemos que son moi fortes. Iso é ser peor que voitres. Espero, confío e desexo que o castigo sexa exemplar. Porque... uff, agora vendo isto, sabendo isto, empeza un a preguntarse se iso non o farán máis funerarias. Espero, confío e desexo que tan só o fixesen eses malnacidos, eses infames.
Paso dos mortos ós vivos. Aínda que no caso de Nicolás Maduro, non sei, non sei. Meteuse Donald Trumpo polo medio... A verdade é que penso que Maduro desta vez si cae. O peor pode ser o prezo que haberá que pagar para que caia. O prezo en vítimas, se entende. Porque todos os ditadores foron, son e serán duros de roer. E se a xente caía xa mandando eles, cando se ven perdidos intentan levar a moitos por diante. Confío un chisco en que, agora si, agora caia, porque xa practicamente o mundo mundial está na súa contra. Aínda que, ante esta situación, é cando con máis saña pelexa, máis se encirra na súa ideoloxía, no seu mandato, na súa ditadura.
Paso dos vivos ós conxelados. Queixabámonos hai uns días dos -10 graos que había por Xinzo de Limia ou Calvos de Randín, e vai Chicago e di que para frío o deles; algo así como -40 graos e con sensación térmica de -45. Iso é frío! Iso, polo que contaban, é practicamente pura conxelación. É dicir, que había que ter valor, moito valor para botar os fociños de paseo. A maioría non os botaba, claro. E con razón. Así é que pódese dicir moi perfectamente que, a Lagoa de Antela con respecto a Chicago... o deserto do Sáhara ou a liña ecuatorial!

Finca Fierro. Sábado, 2 de febreiro de 2019

sábado, 2 de febrero de 2019

DUELO A MORTE

Punto de cruz na tela dun descosido e piñeiro seco moi lonxe dun río. Ando de paseo por entre as toxeiras dunha poula perdida entre os parágrafos dunha novela. Sempre imaxinei unha historia de fantasmas ás doce do mediodía e sempre me vin sentado no mazadoiro da burga ás sete da tarde. Logo dun descanso fun cara á Pillamadoira para manter alí un desafío entre fusco e fusco coa artistiña da película. Deixei que Clint Eastwood se puxera cara o sol. Ladeei o sombreiro e estivemos á espera de que chegara don Ennio Morricone para que lle puxese música ó duelo a morte no lameiro do Sandiós. Na espera, un servidor rezáballe ós santos inocentes porque o revólver de Eastwood é moito máis rápido có rifle de John Wayne. Sempre lle tiven medo ó rifle de John Wayne. Punto de cruz na alforxa da sela do cabalo. Do cabalo de Clint Eastwood. A miña economía só alcanza para un pobre mula parda á que se lle van os ollos cara ó cabalo do meu inimigo. Cansos de esperar por Morricone, achegámonos con parsimonia e Clint deume un cigarro e eu ofrecinlle lume. O sol xa acochara polo outeiro de Brandín. Ó rematar de fumar collemos das rendas os animais e volvemos, xuntos, para o mazadoiro da burga. Aquí paz e despois gloria, dixemos os dous.

Finca Fierro. Venres, 1 de febreiro de 2019

viernes, 1 de febrero de 2019

BAIXO A SOMBRA DO SILENCIO

Teño sede. Bebo un vaso de auga. Cando hai sede hai que beber. Cando hai sono hai que durmir. E cando vai un paxaro voando, hai que mirar para el. Cando soa a trompeta de Chet Baker hai que escoitala e calar. Hai músicas que son a sombra do silencio. Raño o ollo esquerdo porque me proe. Máis seguro que sexa polo sono. Pero... vaiche boa!; aínda penso ver unha película á unha da noite. É que mañá seica hai alerta laranxa por temporal. Como ó rapaz lle suspenderon o instituto, eu tamén aproveitei e pedín o día. O que significa que non madrugo. O que quere dicir que me deitarei tarde. A non ser que a película sexa moi pero que moi mala.
Cando algo, calquera cousa é mala, o mellor é deixala de lado. Claro que se ó lado só hai mingalla, pois haberá que seguir vendo o que non ten moito que ver. Menos dá unha pedra. Unha pedra pódeche dar un bo cantazo, iso si. Vangelis fai que a miña imaxinación viaxe polo espazo sideral dunha fantasía. Cando un desexa de corazón viaxar polo universo infinito, todo se lle volve cósmico, doutra dimensión. Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, vexo que aínda estás aquí. Rosalía sempre me asombrou. Sorrío cara á miña sombra.

Finca Fierro. Xoves, 31 de xaneiro de 2019

miércoles, 30 de enero de 2019

MÁIS SAGRADAS QUE NA INDIA!

A incongruencia do ser humano é bestial. O asunto vai de bestas. Aínda que, pregunto: quen é máis besta, o ser humano ou a propia besta? Seguro que ó remate do relato diredes que o ser humano. Algúns condutores ou seres humanos avisaron á Garda Civil de que pola estrada seica andaban vacas soltas. Moi ben. Pero aí vai a incongruencia: eses condutores ou seres humanos estou por apostar que se se atopan en Asturias, por exemplo, e se encontran con vacas polas estradas (que as hai a moreas), ínchanse a facerse fotos ou autorretratos. Verdade que si?.
Falo claro: as vacas teñen todo o dereito do mundo a andar por onde queiran. Porque elas estaban moito antes cos coches. E así pasa con todos os animais. Estamos a botalos fóra do seu medio. Cada vez hai máis estradas. Cada vez hai máis incendios. Cada vez hai máis cortas de leña. Cada vez rabuñamos máis e máis nos seus ecosistemas. Despois chega outra incongruencia: ai canto botamos de menos esas especies que se extinguiron! Sigo co asunto das vacas... precisamente en Galicia avisamos á Garda Civil por culpa dunhas vacas! Elas, precisamente elas, tiñan que ser aínda máis sagradas que na India! Foron as que sostiveron sempre este noso pobre país! A nós si que nos tiñan que botar deste hábitat e mandarnos ó cabo do mundo ou ó lado escuro da lúa.

Finca Fierro. Mércores, 30 de xaneiro de 2019

lunes, 28 de enero de 2019

DESDE UN BALCÓN

Collo unha cadeira do salón e pásoa ó balcón. Sento. Contemplo o luscofusco dun tempo que se vai. Tamén marchou a señardade para acocharse detrás dun outeiro, aínda que, ó mellor, igual era unha matogueira. A bocanoite xa non deixaba ver máis alá dun sentimento. Ó mellor era un pensamento. É igual. Sigo a contemplar algo na distancia e escoito o ouleo dun lobo. Ó mellor era un bramido dun corzo. Na distancia, alá onde marca a marxe un recio carballo, vexo por entre as súas gallas algo así como unhas nubes cheas de filosofía. Ó mellor era unha apotegma que caía dun suspiro ou dun salaio, que é o mesmo.
Deixo que a perna esquerda cabalgue sobre a dereita (mentres eu teña coñecemento, xamais na vida a dereita se porá enriba da esquerda), ó mesmo tempo que asoma un sorriso pillabán porque, alá, no distanciamento, unha rula faime sinais de amor cunha á. O que fai ás veces unha simple á! Demo negro, foi un espellismo! Reláxome e deixo que a música de Maurice Jarre penetre polos meus oídos. Ó mellor é Ennio Morricone. Ergo da cadeira, asento as mans sobre a varanda do balcón e berro. Por fin berro! Tanta parvada de sentimentos nin o carallo! Berro polo infinito e máis alá! Polo universo sen fin! Pola galaxia máis afastada! Berro polos astronautas! Sento. Quedo en paz.

Finca Fierro. Luns, 28 de xaneiro de 2019

ODIO AS COMPARACIÓNS!

Somos moi amigos de facer comparacións. Odio as comparacións! Incluso as odiaba cando as dicía miña nai. Esta sempre me andaba coa ladaíña de... mira como o teu amigo fai isto ou aquilo. Vale, moi ben; pero eu fago outras cousas que non fai o meu amigo. Ás veces, de mala maneira, lle contestaba que o meu amigo chamábase como se chamaba, mentres que eu chámome Chito e punto. Odio as comparacións! Moitos comparan a mineiros e gardas civís e sanitarios e diversos oficios de carácter social cos futbolistas, co que ganan os futbolistas e co traballo que fan, que representan. Cada un ten o seu cometido e punto. Cada un debe de saber para que vale. Un sanitario salva vidas. Ó mellor un futbolista tamén. Ó mellor un futbolista enche de tal felicidade a un afeccionado, a un neno que non enferman nunca. Porque esa alegría que desbordan dálles ás. Ó mellor uns futbolistas fan partidos de homenaxes por tal ou cal colectivo. Os políticos tamén son moi amigos de cotexar. Que se en Francia tal, que se en Portugal cal, que se en Venezuela, que se en Xapón ou Alemaña... En Alemaña pasará algo que non pasa en España e viceversa. Se eu son parvo, por que ten que ser parvo Nicomedes, o fillo da Pinchorra. Pobre rapaz!

Finca Fierro. Luns, 28 de xaneiro de 2019

domingo, 27 de enero de 2019

O TIBURÓN VERMELLO DE PACO

Lembro que o libro “Cinco horas con Mario”, de Miguel Delibes, me impresionara tanto que sabía ó momento que, durante un tempo, escribiría desa maneira. E durante un tempo, polos anos oitenta, escribín relatos a base de monólogos. A compañía Silvardeiras Teatro (que se non erro é de Allariz) representou hai uns días na Casa de Cultura Manuel María de Barbadás a obra “Tarabeleando con Mario”, que, como se intúe, é unha versión moi libre da novela de Delibes. Aínda que eu, logo de ver a obra, case a titulaba como titulo este Pingas de Orballo. Porque o coche da marca Tiburón máis o Paco tiñan o seu aquel.
Once viúvas, de distinta índole e condición, desde a ama de casa ata a hippy, desde a beata ata a boticaria e pasando pola costureira e a chorona, entre outras, culpan ó seu home defunto, ou sexa, a Mario de todas as adversidades, frustracións ou calamidades da vida. Que xa sabemos todos que esta pon moitos atrancos no noso curto percorrido. Pero sorteámolos. Coma elas, coma esas viúvas que esquivaban, que eludían os atrancos grazas ó Tiburón vermello e a Paco, claro. Ó final, Paco era un artistiña de moi bo ser e mellor estar. Tanto que lle comeu a todas a boroa. Ó final saín contento de “Tarabeleando con Mario”.

Finca Fierro. Domingo, 27 de xaneiro de 2019