lunes, 29 de abril de 2019

É IGUAL

Moitos xa respiramos. Algúns quedaron algo así coma baleiros. A trangallada toda da eleccións xa é historia (certo, por tan só un suspiro; as municipais xa están aí). Uns deixan escapar toda a tensión acumulada dos últimos días e outros pouquiños lanzamos, por fin, bombas de palenque porque os xornais volven á normalidade. Que queredes que vos diga; a min cánsanme, abúrrenme tantas páxinas adicadas ás eleccións. E moito máis cando sei, desde un primeiro momento, a quen vou votar, polo que non preciso saber nada máis. Agora, rematada xa a campaña, volvendo os xornais á rutina, tamén eu deixo de falar dunha política da que sempre digo que me aburre, que me cansa. Sei que non hai maior desprezo que a ignorancia. Vaia, estou a darlle ideas ó lector... que me ignoren. É igual; chégame con saber que me len tres ou catro, e que cinco andoriñas pousan sobre dous ou tres balcóns das casas de Baños de Molgas. É igual; eu escribo ó mesmo tempo que escoito a Vangelis. Ou a Milladoiro. É igual; mañá abrirei este xornal e xa non me atoparei con tantas páxinas sobre as eleccións. Abrirei outros xornais e, polo menos, xa lles lerei os titulares, pois estes días pasaba as páxinas da campaña á marcha de Usaín Bolt. É igual; por fin as andoriñas vótanse a voar.

Finca Fierro. Luns, 29 de abril de 2019

domingo, 28 de abril de 2019

A MOVIOLA MATOU A EMOCIÓN

Tal como está hoxe o fútbol son partidario do VAR. Pero este tamén ten fallos. Acabo de ver un fallo do VAR. Para ser fallo deste, primeiro tivo que fallar tamén o árbitro. Fallaron os dous. Partido Real Sociedade-Xefate. Minuto 72, creo. Penalti a favor do Xetafe que o árbitro non ve. Mata (o xogador do Xetafe ó que lle fixeron o penalti ponse medio tolo) e case obriga ó árbitro a que consulte co VAR. Os do videoarbitraxe din que non hai tal. Mal feito e mal mirado. Todos os que estaban vendo naquel momento a repetición da xogada vían perfectamente que o porteiro da Real Sociedade lle daba no xeonllo a Mata, polo que o derribaba. Polas protestas, Mata conseguiu levar unha cartoliña amarela. Para rematala. E sen culpa ningunha.
Estou a favor do VAR. Pero tamén erra. Creo que quen realmente matou a emoción o fútbol foi a moviola, a repetición das xogadas por parte das televisións. Quizais os erros arbitrais fosen moi clamorosos antes de repetir as xogadas, pero cometíanse para un lado e para outro (con tendencia, por suposto, a tirar en contra do máis modesto; porque o que ten o poder manda en todos os conceptos da vida). Sen repeticións, sempre quedaba a dúbida de se acertarían ou non. Ó mellor tiña razón o árbitro. Ó mellor vimos nós mal. Pero, agora, co VAR, si apreciamos máis os erros que cometemos uns e outros.

Finca Fierro. Domingo, 28 de abril de 2019

XORNADA DE REFLEXIÓN

Para que este Recuncho saia os luns, teño que escribilo os sábados. “Ou antes dos sábados”, me dixeron. É sábado. Xornada de reflexión. Un servidor reflexionou arrincando a pulso (coa axuda da muller, todo hai que dicilo) 104 postes de cemento de dous metros, os menos, e de 2,25, os máis. E enterrados todos eles a máis ou menos medio metro de profundidade. Aí, facendo forza nas..., digo nos brazos, reflexionei sobre o que fixeron e deixaron de facer. A balanza (aínda que eu prefiro a romana) estaba e está moi desequilibrada. En contra de todos eles, por suposto. Reflexionei principalmente sobre a agricultura, xa que estaba eu neses momentos enganchado a ela, é dicir, abandonando unha viña de case unha hectárea porque, simplemente, non merece a pena. Emporiso, teño que dicir que só reflexionei durante un minuto ou dous, porque, sinceramente, o da reflexión non vai comigo. Hai moitos anos que non reflexiono sobre quen teño que votar porque xa o sei. Como tamén sei a quen vou votar dentro de catro ou oito anos. Tal como está a situación no noso país non necesito reflexionar. Así é que lle dei ó reprodutor da música do móbil e aí si que empezou outra feira. Unha feira que, co seu ritmo, e sen esaxerar, ata levaba moito mellor o arrinque dos postes. Empuxaba con máis forza, con máis ansia, con máis ritmo. Aquilo era xemer un chisco e, ale, poste de cemento ó chan. Máis ou menos coma os programas electorais... todos á papeleira, ó lixo. Porque o luns (hoxe) todos os programas serán xa pasto do lume, do esquecemento. O luns (hoxe), acadada a poltrona, para que preocuparse máis: sentarse, mandar e esperar.
O luns (hoxe) xa sei que os meus non ganaron. Porque eu sempre vou cos vencidos, cos derrotados. Pero estou contento igual. Son feliz. Eu cumprín coa miña conciencia e creo que as minorías, ás veces, temos razón. No caso da maioría, opino que hai moito medo. A xente tenlle medo ó descoñecido, ó que pode chegar. Porque igual o fai peor que os que están, que os que estiveron. Pero... e se o fai ben, se o fai mellor? Ademais, todo é moi sinxelo: se ós catro anos non responde ás perspectivas... fóra con el. Así de simple. Non hai por que ter medo.

Finca Fierro. Sábado, 27 de abril de 2019

viernes, 26 de abril de 2019

É MOITO SENTIMENTO

Pechei os ollos e non vin nada. Para ver, o lóxico é ter os ollos abertos. Tamén é verdade que algúns, ou moitos, aínda que os teñan ben abertos non ven un burro ós tres pasos. Tamén é certo que, hoxe, é complicado ver burros. Xa non hai os que había. Agora xa non hai moitas cousas que había antes. Antes, por exemplo, na década dos 70. Ou o ano pasado. Dun ano para outro, dun día para outro desaparecen moitos recordos. Ata os sentimentos. Que xa é bastante grave. Sempre nos quedará “Blade Runner”. A Humphrey Bogart e a Ingrid Bergman quedáballes París. Que París é moito París.
Claro que tamén é certo que Sam non tocaba o piano nas Mestras, ou na Ansuíña. En Baños de Molgas, por suposto. Que se Bogie e a Bergman bailasen pola pista da Ansuíña, prometo que acaban abrazados ós carballos das Mestras. “Casabranca” é moita arte, pero Baños de Molgas é moito sentimento. “Tócaa outra vez, Chito”. E quizais unha das mellores películas de todos os tempos dálle paso a unha das vilas que vai moito máis alá dunha sensación con ollos pechados. Non digo nada xa cos ollos abertos. Cos ollos abertos tamén vexo “eses momentos que se perderán... no tempo... como lágrimas na chuvia. É hora de morrer”. Pero nin Blade Runner, nin Casablanca, nin Baños de Molgas morrerán nunca.

Finca Fierro. Venres, 26 de abril de 2019

jueves, 25 de abril de 2019

NOTO...

Teño frío na cabeza porque me rapei e nótoo. Tamén noto o aire fóra. Porque funga. Notar ata noto a presencia dun espírito que vai e vén por entre os compases da música de Milladoiro; neste caso, o espírito de “Rosalía”. Tamén noto como unha nube negra pasa empurrada por unha nube branca. De cando en vez hai nubes que se mesturan como as pingas de orballo cando caen sobre o asfalto. Noto un alento que aboia por entre as palabras dun verso. Quizais mellor dun poema. Noto, sinto, escoito, oio a trompeta de Chet Baker e deixo que os pés leven o ritmo polo liña recta dunha sensación. Hai instantes no tempo, na vida que non precisamos de curvas... e facemos o camiño dereito e longo. Noto a nostalxia que se pega na miña pel, ou mellor aínda, nun sentimento que baila por entre as follas dun salgueiro. Porque hai momentos nos que todo flúe tan mansamente que a señardade déitase sobre a cama da miña ánima. Noto como pasa o tempo e nada queda, nada se detén. Porque o tempo é un continuo ir e vir pola memoria de toda unha existencia; a miña existencia, a vosa existencia. Noto unha ansia que me arde no estómago e que me sobe polo peito para meterse nas páxinas dunha novela; da miña novela. Esta acouga no estante do meu tempo.

Finca Fierro. Xoves, 25 de abril de 2019

miércoles, 24 de abril de 2019

DÁNDOLLE Ó PENEDO

Dous debates políticos polas televisións. Non vin ningún. E xa podían celebrar un cento deles, que seguiría sen ver ningún. Eses catro candidatos non me representan. Polo que, por moito que os vise, non me convencerían. Porque xa teñen falado moitas veces e teñen ordenado outras tantas e aquí sigo, a velas vir. Se os vira cabrearíame; e a escritura, a lectura e ver películas fanme feliz. Optei por isto, claro. Non quero meter a man no lume (por iso de que non os vin), pero estou por apostar que ningún dos catro nomeou a Galicia para nada. Entón, por que os vou votar? Se nos deixarán das mans de deus. Sempre nos deixaron. Deixáronnos os que podían facer algo por ser galegos e nin así. Imaxino entón o que farán estes por nós. Despois si, despois queixarémonos de que Galicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. Coma sempre. Botaremos as mans á cabeza cando xa non hai remedio. E facémonos lume nos ollos e non vemos o que nos fixeron, o que nos fan e o que nos farán. E seguiremos, e seguiremos a dar cornadas ou zoupadas contra o mesmo penedo. Desde hai moitas décadas todos os telexornais de todas as canles deberían iniciar todas as súas edicións pedíndolle perdón a Galicia por todas as falcatruadas que nos fixeron. Pero nós seguiremos coma heroes dándolle ó penedo.

Finca Fierro. Mércores, 24 de abril de 2019

lunes, 22 de abril de 2019

HOMENAXE A JULIO LÓPEZ CID

Coincidencias da vida. Xusto ó día seguinte de acabar de ler un libriño titulado “Sombra tendida”, de Julio López Cid, a familia e algúns amigos realizáronlle ó autor do mesmo unha pequena homenaxe (morto hai uns meses) no Liceo de Ourense. Por que non ir? E fun. Ademais, creo que é á primeira homenaxe á que teño asistido dun autor ourensán. E fixen ben. Alí, entre uns cantos sobriños e algún amigo, desagregaron, esfollaron un chisco a vida e a obra do autor que foi íntimo do gran poeta Ángel Valente e de María Zambrano. Ó mesmo tempo, entre intervención e intervención, outro sobriño dáballe ó piano porque era unha das paixóns de Julio López Cid.
Léronse cartas e léronse poemas, e dixéronse palabras fermosas, como as de Pepe Bouzas, veciño molgués que foi, precisamente, o que me agasallara co libriño citado ó principio, e do que só se fixo unha tirada de 250 exemplares, numerados a man (o meu, por certo, é o exemplar número 187). Deste libriño recalco, faltaría máis, que foi prologado, maquetado e ilustrado por Bouzas. Seguindo coa homenaxe, alí se falou da súa tardanza na escritura (ós 33 anos) e da forma en que escribía (a impulsos), pero corrixindo moito. A gran anécdota estivo na forma en que oía algunhas pezas do sobriño ó piano: por teléfono, de cando Julio vivía en Suíza.

Finca Fierro. Luns, 22 de abril de 2019