viernes, 8 de marzo de 2024

COUSAS DA VIDA


Son o home ó que atoparon metido nun pote, mesturado coa calda dos porcos. Sacáronme cando estaba a medio afogar. Non sei como fixera para estar dentro do pote; creo que quixen ser ou que me quixen sentir nabo e acochei no cubo cheo de cabezas deles para sentir como fervía a calda. Cousas de rapaces.

Un rapaz de corenta e pico anos, ó que a cabeza non lle dá para máis. Nacín setemesiño, por enriba precisamente dun cortello, ás sete da mañá. Si, madruguei para berrar ben cedo. Vaia que berrei, segundo miña nai. A verdade é que levo toda a vida berrando. Grazas a isto foi polo que me atoparon dentro do pote, cando este xa empezaba a ferver.


Seica houbo unha batalla de seis horas entre os meus pais para escoller o meu nome. A guerra... quen a ía ganar!... miña nai! Púxome Dositeo, aínda que despois sempre me chamaría Dosiño. Cousas de miña nai. Por fóra, ou sexa, por fóra do fogar sabía que me chamaban O Piolliño, porque meus pais eran Os Piollos. Ás veces os veciños non se matan moito a cabeza buscando novos alcumes. Lémbrese que vivimos nun país de alias.

Non puiden estudar debido a que meus pais non tiñan os posibles para facelo. Non quedou outra que andar detrás das vacas e cocerlle a calda ós porcos. Todo o que sei é grazas ós animais, que ensinan máis do que pensamos.

Mentres seco ante a calor da lareira, case me emociono cos recordos. E iso que non saín nunca da aldea. Cousas da vida.


Café Beker. Ourense. Martes, 5 de marzo de 2024

jueves, 7 de marzo de 2024

SAÚDOS


Pasei á beira da leiteira e díxenlle ola. Sempre saúdo. A quen sexa. Incluso a Edith, a estatua de sal. E que eu saiba non teño nada que ver con Lot. Pero son así de bíblico, con alma bíblica. Tamén pasei pola praza maior e as ansias de ir a Baños de Molgas son enormes, aínda que sei que, un pouco máis tarde, darei unha volta pola Valenzá. Porén, como se adoita dicir, do dito ó feito, vai un treito.


Por de pronto, seguín paseando polas rúas de Ourense. Nada, por tres ou catro tan só. Son dos que dou a típica voltiña para meterme canto antes nunha cafetaría para ler a prensa e escribir algo. As esperas desesperan e hai que matar o tempo.

Tamén saudei ó coche que teño aparcado en zona azul. Máis que saudalo, abrinlle as entrañas para pillar o libro de case 800 páxinas que deixara no asento de atrás. O volume non é o apropiado para metelo na pequena mochila e pasear o seu peso por aí. Non quería quedarme sen clavícula. Collín o libro porque, a pesar de todo o dito anteriormente, sei que me sobrará tempo nesa espera que desespera, e intentarei darlle un bo bocado. A ver se como unhas cantas páxinas.

Saudei a quen me puxo o café e boteille unha ollada ó xornal que me quedaba por ler, o terceiro do día. Á miña maneira tamén o saudei. Como levo todo o tempo saudando a todos os temas musicais que soaron e están soando polos auriculares. Por saúdos que non quede: ás nubes brancas, ós cachos claros do ceo, á xente que pasa, ós asubíos que lanzan algúns, a Fuxan Os Ventos, á flor do toxo, á táboa periódica, ó código Morse e mesmo a quen me amole.


Café Beker. Ourense. Martes, 5 de marzo de 2024

miércoles, 6 de marzo de 2024

CONTRA A LIBERDADE CULTURAL


Seguen as censuras dos dous partidos máis “moralistas” de España: PP e VOX. Agora tocoulle ó concello de Móstoles, onde a súa área de Cultura quitou unha mostra de fotografía da artista madrileña Olga Barra, máis coñecida como Dhikena, porque seica atenta contra a moral e algúns pais e nenos poden sentirse agredidos. Unha exposición que foi seleccionada por unha comisión de expertos. Porén, para experto, profesional ou especialista quen mellor que o concelleiro de Cultura Daniel Martín, de VOX, que, nun amén, dixo que moito coidado coa liberdade artística ou cultural.


Que manía teñen de meterse na vida dos demais, de querer dirixir a vida dos demais. Queren facer un feixe das nosas liberdades para telas aí, atadas e manipuladas. E os políticos senten que teñen poder para mangonear os nosos corpos, as nosas ideas, os nosos sentimentos e pensamentos.

Sempre se me vén á cabeza aquela película de Martin Scorsese (“A derradeira tentación de Cristo”) que causou un río de “críticas morais”, concentracións e mesmo rezos de rosario ante os cines, de xente que, o 90% deles, nin tan sequera viron tal filme.

Creo que moitas veces falamos da moralidade sen saber moi ben o alcance deste substantivo, sen saber distinguir ou diferenciar a moralidade da liberdade. Cada persoa debería ser libre para opinar en por si e non estar á expensas de catro pasmóns ou dun que dirán. Certo que, no noso país, é moi complicado o asunto. Non se borran a carga cerrada ou dunha vez por todas corenta anos de censura. Que é un dicir; máis dunha vez teño confesado que hoxe en día hai máis censura ca nunca. Como acaban de deixar constancia eses entendidos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 4 de marzo de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 4 de marzo de 2024

lunes, 4 de marzo de 2024

RISAS A ESGALLA


Vexo como a agulla do reloxo chega ás tres. Temas de jazz asoman polos auriculares. O silencio deixou de ser silencio, aínda que isto, meu Deus, non é ruído. O jazz nunca é ruído. Fóra está de chuvia pero non chove. O ceo está gris; hai máis nubes negras que sombreadas.

Son Argimiro Loureiro, O Chepas, que acabo de escribirlle unha carta a Lucinda Laurel Suárez. Case se pode dicir que nunca tal se vira, xa que quen mantén hoxe esa correspondencia escrita e física? Ninguén escribe xa cartas. Eu e Lucinda escribimos cinco ou seis ó mes. Cando eu leo as cartas dela, e sei que cando ela le as miñas, non podemos evitar rir. Co que nos dicimos. Co que nos contamos. Na forma en que deixamos caer as palabras. Na maneira en que usamos a retranca.


Todo empezou o día que chocamos, sen querer, nunha panadaría. Eu entraba e ela saía. Soltamos uns perdóns. Deixamos escapar tres ou catro sorrisos. E aí acabou todo. Acabou todo para o encontro. Eu andei e andei ata que souben moitas cousas de Lucinda; entre elas, onde vivía. Non tardou o asunto en... carta ir e carta vir. As primeiras, lóxico, como a modo de presentacións. Porén, non tardamos en soltar lastre.

Nese lastre ía de todo: desde pensamentos ata sentimentos, de realidades a fantasías, versos soltos e parágrafos enormes, esperpentos e morriña, moita morriña. E, si, risas a esgalla. Case nunca nos vemos, pero non necesitamos vernos; chéganos con soltar unhas risas para saber que todo vai vento en popa.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 4 de marzo de 2024

sábado, 2 de marzo de 2024

MOITA SOMBRA PARA POUCO SOL


A semana pasada vin tres partidos de fútbol en tres días consecutivos: a volta das semifinais masculinas da Copa do Rei e, no medio, a final feminina da Liga das Nacións. Analizando os tres partidos cheguei á conclusión de que, as rapazas, saben correr para adiante e para atrás, saben regatear, saben tirar á porta, saben facer faltas e dar patadas, saben sacar de banda e os saques de esquina, saben meter e fallar penaltis, mesmo saben protestar e, por suposto, saben marcar goles. Si notei algo de diferenza (mellor dito, moita diferenza), con respecto ós homes, en que non son tan teatrais, principalmente neses presuntos golpes de cóbados nas caras cos que, os homes, semella que os mataron. Ós homes chégalles cun simple contacto na cabeza para deixarse caer ó chan coma se os fulminara unha chispa.


Dito todo iso, e facendo máis ou menos o mesmo que fan os endeusados futbolistas, tamén vin que na final da Liga das Nacións (a que, por certo, ganamos con soltura e cun dominio tal que incluso o adestrador francés gabou ás nosas mulleres) bateuse o récord de asistencia de espectadores nun partido feminino (32.657). Aínda que tamén é verdade que, ó día seguinte, bateuse outro récord de asistencia (52.061 espectadores) desde a inauguración do novo estadio de San Mamed, no partido entre o Athletic de Bilbao e o Atlético de Madrid. É aí onde se descobre que algo falla, que a perspectiva igualitaria masculina con respecto á feminina é moi diferente á realidade, por moito que os dous xéneros fagan máis ou menos o mesmo. Que a diferenza de 20.000 espectadores é moita diferenza e sabendo que, aínda por encima, hai unha gran distinción entre unha final dun gran torneo e un partido de volta de semifinais que, por certo, case xa viña sentenciado. É dicir, que a pesar da importancia desa final, segue o deporte feminino moi á sombra do masculino.

Remato dicíndolles a eses 20.000 afeccionados que non saben o que se perderon; que o xogo da selección española feminina foi tan dominante e tan alegre que sei seguro que ós que o vimos nos brillaron os ollos e nos fixeron recordar a aqueles galácticos merengues ou a aquel dream team barcelonés. É certo que as rapazas aínda teñen que remar moito porque a mente do macho é a que é. Agora que, os éxitos que están a acadar en tan curto período de tempo, fan ilusionar ata o macho máis obtuso.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 2 de marzo de 2024

IR A ONDE NON SE QUERE IR


Acelerei o paso para ir a onde non quería ir. Ás veces non queda outra que ir a onde non se quere. E vaise con desgana, pero vaise. E vaise a remolque, pero vaise. Que todo sexa pola petición de ir. Mellor quedaba estomballado no sofá ou deitado na cama ou xogando ás cartas ou comendo a fartar; pero hai necesidades que non se poden evitar e favores que non se poden deixar de pagar.

Por sorte, non debo favores e ninguén me debe favores; mais hai solicitudes, desexos que non se poden eludir, esquivar, incumprir. E se hai que ir, vaise. Menos mal que, ó pouco de acelerar o paso, xa case me daba igual. Ó saber que tiña que ir, aínda que fose sen ganas, xa me fixen á idea e, pouco a pouco, aínda acelerei máis o paso. Canto antes chegue, antes remato coa cuestión, coa solicitude, coa petición.


Porén, no medio do camiño, fixen unha pequena parada sobre unha pedra do valado, e estudei a posibilidade de seguir ou retroceder. Como digo, non lle debo nada a ninguén. Confeso que me custou decidirme. Non todos os días está un disposto a saltarlle na chepa a alguén.

Ese era o cometido: o de atacar, mallar a un veciño. A un veciño que, para máis aquel, quería moito. Claro que aínda quería máis a quen me fixo a encarga, a encomenda. Ante isto, erguín da pedra e seguín. As dúbidas atenazábanme de tal maneira que mesmo arrastraba os pés. Pero cheguei. E vin ó veciño. E díxenlle ó que ía. El lanzoume outra petición: que o deixase en paz. Como son un mandado, fíxenlle caso e volvín por onde viñera. E acelerei o paso para ir, agora si, a onde quería ir: ó punto de partida.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 1 de marzo de 2024

viernes, 1 de marzo de 2024

APURAR O TEMPO


Apurei o tempo porque tiña présa. Sempre teño présa. De aquí para alá. Dun lado para o outro. Mesmo na cama dou voltas coma unha buxaina. No leito teño présa en durmirme. E canta máis présa, xeralmente, máis tardo en durmir. Maldita ansiedade!

Algunhas veces só apuro o tempo porque quero. Por moito que diga o do primeiro parágrafo, cando quero, é dicir, cando me dá a gana, sei quedar quieto e contemplar o universo. Incluso se non quero parar, ando devagariño. Desta maneira, si, apuro o tempo en cámara lenta, ó ralentí, como se adoita dicir.


Apuro o tempo cando quero facer algo. Como saiba que teño que facelo, canto antes mellor, antes quedo libre. Outra cousa é lacazanear, zangonear para que o asunto o faga alguén. Entón, si, ó ralentí.

En certos casos é moi complicado saber cando apurar o tempo. Se o apuro moito, despois fártome de esperar e, xa se sabe, as esperas desesperan. A min moito máis, por iso de que sempre ando con présas. Se non apuro o tempo, non tardo en notar un malestar na boca do estómago, un nó que se pon aí e que me rebenta os nervios. Mesmo se me pode abrir de novo a úlcera.

Apurar o tempo polas présas, as máis das veces, tamén é perigoso. Sábese de toda a vida de que as présas nunca foron boas. Pero, claro, os que somos inquedos, nerviosos, botados para adiante, incluso irresponsables, non podemos evitalo e... que sexa o que Deus queira. Agora mesmo apuro o tempo porque xa teño présa. E que saia o Pingas como lle cadre.


Café Beker. Ourense. Xoves, 29 de febreiro de 2024