lunes, 12 de agosto de 2024

É TAN BONITO LER!


Lin con ansia. Lin ás présas. Lin para rematar o libro. Remateino. Vencía mañá a data do seu préstamo e xa o podo entregar. O marcapáxinas de Baños de Molgas xa o instalei no seguinte, un castelán. O que rematei era en galego. Desexaría que todos fosen en galego, pero tamén recoñezo que hai escritores en castelán que merecen ser lidos. Realmente na lectura non distingo as nacionalidades. Non son coma aqueles que non queren que se compren produtos cataláns por ser precisamente iso... cataláns. Deixo este tema que non compensa polo meu parecer.


Agora que rematei o libro quedei algo así coma liberado do compromiso. Do compromiso da non renovación do préstamo. Que podía perfectamente renovalo e non ler con tanta rapidez. Pero sempre penso nos futuros lectores, que ó mellor igual hai alguén esperando por el. Certo, ó ser un libro galego intúo que non, que non hai moitos encargos de reserva e que cando o deixe nos estantes da biblioteca, mesmo podo velo alí de seguido, sen que ninguén o volva coller ou durante meses sen que o lean. Non quero ser negativo coa nosa lingua, pero... se nin tan sequera a falamos, como a imos ler!

Rematei o libro, e non falando del (retrocedo trinta anos ou máis no tempo para lembrar o lema que lles soltaba ás miñas sobriñas: os libros non se contan, lense; as películas non se contan, vense) e para non cambiar tampouco de tema, sigo coas ansias de lectura que tiven sempre. Porque en cada libro lido as súas historias debuxáronse na miña mente e non era o escritor o que me levaba polas súas páxinas; era eu, son eu o que corro e bailo e vivo a súa historia. Son eu o que vexo ós personaxes, os camiños, as casas, os lugares, mesmo son o que analizo as súas mentes. É tan bonito ler!


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 12 de agosto de 2024

domingo, 11 de agosto de 2024

ESCURIDADE NA LUZ


Escuridade dentro da luz do día. A calor é tanta e tan intensa que hai que ter todo baixado. Mesmo a mente se atrofia un pouco ante tanto abafamento. A opción podía estar á beira do mar, por exemplo, aínda que fose en Sanxenxo (Sangenjo para los especiales), pois hoxe, nin á beira do río se estará ben. E por unhas ou por outras causas, algúns nin podemos estar en ningunha desas beiras. Toca apandar e aguantar.


Aguantemos coa conciencia tranquila e co recordo nos días frescos de cando, a luz, ilumina as ansias do benestar. Aguantemos coma heroes, como aguantamos, e nos gusta, a intensidade dun perfume que chega coa posterioridade dunha boa ducha. Estes días, moita auga corre por corpos espidos para refrescar os desexos e a memoria.

Escuridade na luz. Silencio no ruído. Berro no silencio. Preguiza na tarde. Pensamento que plana por entre o ceo azul da nostalxia. Ou da morriña. Ou da señardade. Que cada pinga de suor baixe amodiño polas pernas espidas dunha nugalla que asenta nun sofá. Ou nunha cama. A calor aperta. As ansias minguan. E a galbana acomódase deica a tardiña.

No silencio da soidade tan só un fío musical é quen de amortecer este pequeno calvario. Un calvario escuro, pero, si, un chisquiño máis fresco. Grazas a esa escuridade que se adaptou á luz do día. A tarde non dá para máis e hai que esperar a que o tempo pase e, polo menos, algo cambie. Esa calor abafante. Esas horas que arden. Ese sol que abrasa. Mentres, mellor quedar na escuridade da luz.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 11 de agosto de 2024

sábado, 10 de agosto de 2024

DURO DE LEVAR


Todo ía sobre rodas a semana pasada (as noticias pouco máis alá ían dos Xogos Olímpicos) ata que apareceu Carles Puigdemont... e desapareceu. Como en cuestión de politiqueo son torto de carallo, deixemos a frase aí e ó xuíz e ós políticos e ós mossos d´Esquadra alporizando o galiñeiro a ver se dan co galo que se viu e non se viu. Remato o parágrafo co sorriso que me asoma. Agora a imaxinar un sorriso esperpéntico ou un sorriso burlón.


Comentara o luns pasado que falaría dos Xogos Olímpicos, mais debido a que aínda non remataron (escribo en sábado), prefiro esperar para a semana que vén e así saber xa de fixo todas as medallas que acadamos. Non quero meter a pata falando de fracasos, por exemplo, cando a partir das nove e dez da noite do sábado e con todo o domingo incluído aínda se poden acadar algunhas medallas máis.


Vou entón a falar da medalla olímpica que quere acadar o alcalde de Vigo, don Abel Caballero, coa instalación do alumeado do Nadal e cunha árbore de 50 metros de altura. Cantas veces teño dito que o Nadal non tardaría en iniciarse ó rematar a novena dos Milagres? Estas rematan o 8 de setembro. Vigo xa se pode dicir que iniciou a súa propia maratón. Excentricidade? Tolemia? Soberbia? Disparate? Arrogancia? Que sexan os propios veciños os que cualifiquen tal situación, xa que serán eles os que padecerán tal antelación. É certo que demostrado quedou xa que con esa “excentricidade”, Vigo case se pode dicir que se volveu o embigo do mundo. Pola contra, as incomodidades coas que se atopan os seus veciños semella que son bastante reais e duras de levar. A decisión é deles.


Duro de levar segue a ser o xenocidio de Israel. Non lle chega con matar terroristas, que, coa escusa destes, ataca colexios e todo o que se lle poña por diante. Hai uns días atacou catro destes colexios e en total xa leva 152. Minto, xa van 153, porque á primeira hora do sábado, deste sábado no que escribo, bombardeou outro máis de refuxiados. Aínda que fose certo de que albergasen algúns terroristas, Israel non pode deixar caer bombas en lugares que saben perfectamente que, a maioría, serán nenos e mulleres. No ataque do sábado, a ONU censurouno, Estados Unidos preocupouse, Exipto falou de asasinato deliberado e a Comunidade Europea, por medio de Josep Borrell, amósase horrorizada. É dicir, toda a comunidade internacional en contra, pero como dicía o dúo musical Mina e Alberto Lupo: Parole, parole. Mentres os inocentes seguen caendo.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 10 de agosto de 2024

viernes, 9 de agosto de 2024

A VELLA MORTA


Parei ante unha silveira porque uns metros antes vira saír un paxaro dela e quería saber se era porque tiña alí o niño. Non tardei en atopalo. Era dunha merla. A intuición era fácil: a maiores da forma do niño, o paxaro que saíra asustado ante a miña presenza era precisamente unha merla.

Cando estaba mirando o que contiña o niño (ovos), notei tal brandura nos pés que pensei que se abría a terra e que me tragaba. Simplemente estaba a pisar nun solo tan brando que a memoria pegou un esprinte para chegar a unha época de rapaz, ou mellor aínda, de cando era cativo, de cando a inocencia era tan inocente que valía todo.


Á altura do Agro Pequeno, e de cando a carreira que pasaba por alí aínda non se asfaltara, había algo así coma un metro cadrado ou, como moito, un par deles nos que o chan era tan brando que, ó tocarlle cun pé, mesmo semellaba que se afundía. Os pais ou os que me acompañasen sempre me advertían co mesmo: coidado coa vella morta, que te pode tragar. A inocencia era tan grande que o pensamento só se me ía ás areas movedizas, aínda que ben vía que aquilo non era tal.

Entón, a inxenuidade aínda se facía máis grande ó pensar que aí estaría unha vella enterrada. E como cativo que era buscaba todas as formas posibles sobre as maneiras de morrer de tal vella e, aínda máis, por que a enterraran alí, precisamente alí. Incluso ás veces tornaba das vacas para que non pasasen por ese lado, para que non pisaran na vella morta. Agora entendo que tal vella morta sería unha bolsa de auga que abrandaría de máis o metro ou o par de metros cadrados.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 8 de agosto de 2024

jueves, 8 de agosto de 2024

LATRICAR


Latriquei con forza. Latriquei moito tempo. Latriquei de seguido. E cando rematei, quedei baleiro. Quedei feliz. Quedei libre.

Latriquei sobre a disposición dos puntos sobre os is e da curvatura dunha vara aguillada cando camba. Baduei sobre a nugalla cando non hai ansia ningunha e sobre o voo dun saltón cando decide voar (o saltón tamén salta) Esbardallei sobre un guión mal escrito e peor representado e sobre unha tatuaxe debuxada nun cacho de pel branca.

Falei, case berrando, sobre a cuadratura do círculo e sobre a inercia dunha pelota que sae con forza dun pé con destino ó infinito e máis alá. Tamén latriquei, case en silencio, sobre o soño que se soña cando se deixa caer a cabeza sobre unha almofada branca, e sobra a vía do ferrocarril que se perde na negrura do túnel.


Baduei sobre a política que, por interese, ninguén me entende e sobre os versos que non consigo rimar aínda que elabore todo un poema. Baduei sobre o veleno que levamos nas entrañas e sobre os latexos que mancan no peito. Latricar, baballar, baduar, esbardallar, larapetar, laretar, airear palabras, espallar frases, predicar aínda que sexa no deserto, pregoar sentimentos, publicar pensamentos e ventilar desexos, simplemente, deixa a un no ceo.

E quedo libre, si, cunha sensación de baleiro, pero co estímulo de saber nadar entre indirectas que semellan directas, entre sensacións que se acomodan ó sofá da inercia. E con calma, con somnolencia sigo latricando, polo baixiño e amodiño, sobre a felicidade que se deita nun recanto da memoria, da miña memoria.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 7 de agosto de 2024

20 ANOS DAN PARA MOITO


Seguro que chegou a Maceda baixo o ritmo musical de Caetano Veloso (mentres escribo, e na súa homenaxe, escoito éxitos dese grandioso brasileiro). Chegou o 2 de xaneiro de 2002. Chegou co euro. Chegou para ser máis que técnico agrícola, auxiliar administrativo. Máis que xefe, foi compañeiro; e máis que compañeiro, foi amigo. Chegou para meterse na miña vida durante 20 anos.

Camilo Nieto Rey era tan especial que ós tres ou catro meses, sen case coñecernos, díxome que alá por Lira, en Carnota, reformara unha casiña da que podía facer uso dela ese mesmo verán xa. Durante cinco anos para alá fomos de vacacións. A un verdadeiro amigo non se lle desprezan os ofrecementos. Neses tres ou catro meses xa vira, xa notara que Camilo sería especial na miña vida.


20 anos dan para moito. Anécdotas a esgalla. Non era moi amigo dos acentos e como sabía do meu fanatismo ortográfico, sempre me daba os seus escritos a corrixir. Gustos moi semellantes, tanto nos particulares (cine, música, lecturas) coma nos xerais. Se ata politicamente falando creo que eramos da mesma ideoloxía. Nunca llo preguntei porque estas cousas non se preguntan, pero chegan unhas palabras ou algunhas accións para saber de que pé coxea o ser humano. Sei seguro que Camilo coxeaba comigo.

Era tan tranquilo, que non se alteraba por nada e sempre tiña un “pero” para as actitudes máis negativas... “aquel fixo esta falcatruada”, podía dicirlle alguén; e el... “ó mellor tiña os seus motivos”, ou algo semellante. Sempre intentaba xustificar os erros doutros. Era de corazón tan grande!

“Camilo, ti e máis eu pasamos máis tempo xuntos que coas nosas mulleres”, díxenlle un día. “Pois se dis ti iso, imaxina eu”, non tardou en contestar. Porque el era de Ames, á beiriña de Santiago, e só vía á súa familia as fins de semana e, xeralmente, os mércores, que alá se marchaba aínda que só fose por unha tarde e media noite (había que madrugar para regresar a Maceda os xoves).

Apuntábase a todos os cursos habidos e por haber porque quería saber e quería transmitirlle todo o que aprendera ós gandeiros e agricultores da zona de Maceda. Sempre dixen e sigo a dicilo: que o día que lles falte a estes, botarán moito de menos a Camilo. Sei seguro que xa o están botando de menos.

Porque, a vida, poida que si sexa bonita, pero, ás veces, dá tal hostión que rompe todos os esquemas. E non é o mesmo “desaparecer” dentro dunha lóxica (idade, enfermidade grave, etc.), que tal desaparición chegue de súpeto e arrepiando as entrañas daqueles que o quixemos, que o queremos e, no meu caso polo menos, que o quererei sempre. Porque 20 anos atan moito. Que a terra che sexa leve, compañeiro, amigo. Máis que amigo. Deica o infinito e máis alá, Camilo!


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 7 de agosto de 2024

miércoles, 7 de agosto de 2024

O REI DO POLO ASADO


Ás catro da tarde o rei do polo frito baila un tango sobre os cornos dun escornabois, mentres a uns cinco metros un raio de sol, tan só un, pega con forza sobre unha flor, tan só unha, de toxo. Antigamente, o rei do polo frito era Ramoncín. Hoxe en día é Satiro, o fillo da Clotilde, o rei do polo asado, que montou unha granxa de pitos cando xa non quedaba ninguén na aldea.

Empezou tan de cero que foi a derradeira veciña a que lle regalou unha galiña ó desaparecer tras a última casa da aldea. A partir de aí, Satiro, O Garnacho, foi paso a paso, ovo a ovo, pito a pito ata o imperio de hoxe. Porque ten un imperio.


Fixo a granxa e pódese dicir que nin a estreou, xa que como non hai ninguén, deixa os polos soltos por toda a aldea e por todas as fincas da mesma. Tampouco se dedica a vendelos, non. El mesmo, no forno comunal, que está na mesma praciña da aldea, asa alí os polos e cada dous días sae co seu furgón a venderllos ós supermercados. Vende poucos neses lugares pois, cando chega a eles, xa leva o furgón practicamente baleiro... a xente “atrácao” polo camiño.

Quen os asa realmente é a súa dona, Carmiña Lucero, a filla do Paisano, que, polo que se ve, ten boa man. Os que a coñecen ben, din que sempre tivo boa man. No forno, Carmiña sempre anda coas pernas ó aire (a calor e moita) e nestas vense contusións a esgalla, como se fose á guerra, a causa de manexar, manipular na leña para quentar o forno. A pesar diso, o Satiro sempre lle di que ten unhas pernas bonitas. Ela sorrí, el ri e marcha bailar unha polca sobre o pico dun dos seus pitos.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 7 de agosto de 2024