jueves, 9 de enero de 2025

O CASO ERA LER


Busquei por entre as toxeiras da infancia ó Capitán Trueno e á súa camarilla: a súa muller Sigrid de Thule (guapa a rabiar) e os seus amigos Goliath e Crispín. Non se deixaron ver. Normal. Fun pouco de cómics e, aínda que lera moitos dese personaxe e de Jabato, tirei máis para os libros.

Non fun de cómics porque os lía nun amén e as mañás e tardes no monte coas vacas eran longas. Para pasar entretido as tres horas ou catro no monte tiña que levar unha maleta de historietas. Mesmo xa tiña que levar bastantes novelas do Oeste para matar o tempo. Adoitaba levar tres pola mañá e tres pola tarde.


As de Marcial Lafuente Estefanía tiñan, por costume, 96 páxinas e levábame hora e pico lelas, polo que caía unha detrás doutra. Gozaba tamén coas de Silver Kane (chegaron a gustarme máis que as de Estefanía pola linguaxe) e coas de Clark Carrados, que agora mesmo acabo de saber que eu o seudónimo de Luis García Lecha. Silver Kane era en realidade Francisco González Ledesma.

Como non ganaba para novelas (Seis diarias era moita novela. Máis ben deixábanmas. Eu non tiña nin para comprar un Peninsulares), tiven que botar man da biblioteca de Baños de Molgas e, aí si, aí foi onde lle atopei o teto á vaca. Lin tanto que tiven que usar un sistema, unha orde: empezar cos que pensaba que me gustarían, seguir cos máis voluminosos para que me botasen días, continuar coas obras completas de tal ou cal autor por ser voluminosas e ídem da duración e, finalmente, a opción de pillar de a feito: desde ficción ata filosofía, desde química ata agricultura, desde biografías ata calquera tema ou categoría que coincidise nese momento. O caso era ler.


Café Rooster. Ourense. Martes, 7 de xaneiro de 2025

martes, 7 de enero de 2025

PERDIDO POLOS CONFÍNS DO UNIVERSO


Evaristo Sánchez Penedo leva sete días e dezaoito horas perdido polos confíns do universo. Uns minutos antes deses sete días e tantas horas dixéralle á súa noiva, Margarita Piedra Estrada, que ía collerlle a lúa para poñela ós seus, ós dela. Dito e feito; subiu ó faiado, colleu o traxe de astronauta, puxo unha bomba con mecha no fondo do tubo da calefacción, acendeu a mecha e subiu correndo ó tellado para fincarse no alto do tubo.

Cando a bomba estoupou, Evaristo, ó que lle chaman precisamente O Astronauta, saíu despedido igual que os foguetes que se lanzan na procesión de san Salvador de Baños de Molgas. O que pasou despois é fácil de adiviñar: que O Astronauta debe colocar mal algún brazo que errou na dirección. Cada vez se apartaba máis da lúa. Lúa á que non conseguía ver por culpa das nubes que cubrían o ceo molgués. Ó atravesar estas, ía xa tan despistado, tan desorientado que non tardou en caer do burro: sabía que andaba perdido.


Porén, malo será que non atope o camiño. O que pasa é que van xa sete días, dezaoito horas e algúns minutos nos que non atopa tal camiño. Cando chegou ós aneis de Saturno torceu o xesto, deulle nova dirección ós brazos e a ver que pasa. É certo que conseguiu retroceder, pero como tampouco volveu pola ruta que levara, el mesmo soubo que cada vez estaba máis perdido.

Sen desesperar, tivo o humor suficiente para escribir unha mensaxe no móbil, deixou caer este e toca esperar a que alguén o atope, confiando, iso si, en que caese en algún lugar habitable. Tivo sorte, atopouno unha pigmea que, ó ler “sigo buscando a lúa para poñela ós teus pés”, emocionouse de tal maneira que tivo que sentar. Así leva xa unhas horas.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 5 de xaneiro de 2025

lunes, 6 de enero de 2025

NON É TAN BONITO


Saín á rúa. Chovía. Descalceime. Mollar os pés é bonito. Andar descalzos polo chan mollado é bonito. É bonito sentir a friaxe. E sentir que os pés afunden na auga. É bonito agora, nestes momentos.

Houbo un momento na miña infancia que non foi nada bonito. Non se me esquece a mañá. Era pola mañá. Para o monte Medo, ir coas vacas, case sempre se facía tan só polas mañás. As tardes son máis curtas e o Medo quedaba e queda lonxe de Baños de Molgas.


Esa mañá tamén chovía. Moito ademais. E debía ser na primavera ou no outono porque xa facía frío. Non levara paraugas. Para un neno, un paraugas é un estorbo. Para min, moito máis, porque levaba libros ou novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía. E gustábame ler andando. Por debaixo dun brazo xa tiña que levar a vara de tanguer as vacas. O paraugas... o paraugas era un obstáculo, un impedimento. De nenos non os colgabamos do colo da chaqueta ou do xersei porque pesaba e case era máis grande ca nós.

Digo que esa mañá non levaba paraugas e tampouco levaba un bo calzado. Non eran chancas nin botas. Eran unhas zapatillas cun bo buraco na planta. Rotas. Furadas. Chovía tanto que a terra xa encharcaba. Para non poñerme coma un divino cristo, ampareime debaixo dun amieiro. Si, xa sei que o que está por debaixo da folla dúas veces se molla, pero...

Pero onde notaba a molladura era nos pés. Completamente enchoupados. Xa medio conxelados. A impotencia recordo que me fixo chorar. De rabia e de pena. Quería marchar... e se no medio do camiño deixaba de chover? Como para chegar á casa da Lola da Amparo antes de tempo, antes de que se encheran as vacas. Así é que aguantei coma os heroes... chorando e entumecido. Ó final, mollar os pés non é tan bonito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 5 de xaneiro de 2025

domingo, 5 de enero de 2025

CHOVE


Chove. Chove sobre a inocencia dun neno e a realidade dun adulto. Chove ás dez da mañá. Chove sobre as miñas costumes. Levaba anos, pero anos, sen escribir polas mañás. Hoxe, como o periódico está ocupado e como o café baixa en tres tragos, non podo perder o tempo. Hai que matalo. Como sexa. Escribindo.

Chove sobre o asfalto e sobre a terra onde non hai asfalto. Chove sobre unha rula, sobre unha pomba, sobre un piorno, sobre un codeso e chove desde o ceo. Desde o ceo caen pingas grosas e case frías. E molestas, e incómodas, e molladas. Molladas sempre.


Chove sobre o valado no que asenta unha pena e sobre o nobelo de fío que está máis apertado, máis premido ca nunca. Chove sobre a conciencia de alguén que vai e vén coa ollada perdida por entre as pingas da cobiza. Chove sobre o eucalipto que medra e sobre o carballo recio, sobre o toxo florido e o sorriso aberto.

Segue a chover ás dez e dez da mañá. E choveu durante dez minutos nos que unha banda sonora rachou o silencio e que, agora, Édith Piaf deixa caer, sobre o mesmo silencio, moito sentimento. Porque hai xente que sente, que ama, tamén que odia, que é fría e que chora dentro dos pesadelos; dunha maneira ou doutra, baixo as pingas de auga que están caendo.

Chove desde un ceo gris e acompañando a Elvis Presley nun “Love Me Tender” sentimental e eterno. Chove sobre o arco da vella e coa banda sonora dun asubío que deixo escapar por entre os meus beizos. Sempre me gustou asubiar baixo a chuvia. Máis aínda cando hai néboa. O que pasa é que agora... chove.


Café O Liñar. A Valenzá. Domingo, 5 de xaneiro de 2025

sábado, 4 de enero de 2025

O PEOR DÍA DO ANO


Día de Reis. Día dos nenos, da ilusión dos nenos. Día no que os nenos rin ás gargalladas, uns, e choran de felicidade, outros. Certo que, pouco a pouco, ano a ano, o Papá Noel está a ganarlle a partida ós Reis Magos. Pero aínda na derrota, estes sempre se portan ben. Agora. Porque incluso ata ós pobres, ou ben por asociacións ou ben por beneficencias, lles chega á felicidade ó seu rostro. Repito: agora.

Na miña infancia, é dicir, nos anos 60 do século pasado, o día dos Reis era quizais o peor día do ano para os nenos pobres, para os nenos labregos. Eu creo que era as dúas cousas: pobre e labrego, ou case mellor, labrego e pobre. Non coñecín a ningún labrego rico.


Digo que era o peor día porque era cruel, moi cruel, a escena que se desenvolvía no momento aquel fatídico da misa de doce. Que ía,s á misa (por lei materna había que ir si ou si) e, na aira e no atrio da igrexa, vía a aqueles nenos que non eran nin pobres nin labregos, nin labregos nin pobres, e o meu mundo fundíase na máis completa miseria. Por veces penso que xa nin tiñamos envexa de lle ver os xoguetes ós demais. Creo que xa tiñamos tan asimilado o de quedar a velas vir, que faciamos que non nos importaba, aínda que, iso si, no máis fondo do corazón, íasenos a vida mirando para aqueles mequetrefes que, para máis aquel, no seu rostro líase perfectamente o orgullo, a fachenda, a vaidade e a burla.

Curabámonos en saúde pensando no día anterior, na noite anterior. Esa si era a nosa, a noite dos labregos e pobres. Saiamos a cantar os Reis polas casas de Baños de Molgas. Por orde. Empezabamos por onde o concello e rematabamos no barrio da Estación. Claro que... tiñamos que ir tres ou catro xuntos. Para vencer a vergonza. Cantabamos as panxoliñas e, os que podían (a xentiña labrega e pobre sempre podía) dábannos uns céntimos, unhas pesetas ou algún anaco de comida, de algo. Sempre se portaban. Os que non se portaban moi ben eran os que si podían pero non querían. Eran os peores. Porque ata che falaban mal, ata te insultaban. Certo que, en vinganza, cantabámoslle aquilo de “pelica marrana, canteiche os Reis e non me deches nada”. E fuxiamos a fume de carozo. Coas tres primeiras pesetas, correndiño ó estanco para mercar o Peninsular ou o Celtas e fumar o paquete enteiro para non chegar con cigarros á casa. Era tal a Lola como para pillarme con tabaco! Ó final da noite, contabamos, repartiamos e, a partir de aí, esperar á misa de doce do peor día do ano para un neno labrego e pobre.

VEXO...

 

Vexo un paxaro voar. Quixera ser como Superman. Ou como o paxaro. Son pouquiña cousa: unha pequena voaxa, un baleiro nun recanto, un pequeno salouco, un oremus relixioso, un paspán real. Son o calendario que avanza e que, de cando en vez, recorda. Ou moi a miúdo. Depende das circunstancias.

Vexo un ceo azul con pequenas nubes brancas. Quixera ser o demo. Ou un ceo de home. Son a multiplicación da ansia polo desexo, co resultado final dun baleiro quimérico, esperpéntico. Son a parálise dun bico e o gozo dun orgasmo. Son o mes de xaneiro polo que o tempo pasa e todo cambia. Ou non. Depende dos acontecementos.


Vexo unha palabra mal escrita. Quixera ser como Cervantes. Ou como Quevedo. Ou como Valle-Inclán. Ou como Cela. Ou como Saramago. Son un pobre corrector que, na propia rectificación, xa erra. Son o Día das Letras Galegas que, no caderno, cuspo palabras de orballo, ou de morriña, ou de señardade. Depende dos sentimentos.

Vexo un silencio que se palpa e un ruído que se intúe. Son o buxán que está á espreita. Ou a nada que non ten ren. Son o amén nunha frase curta e o R.I.P. deitado sobre unha lápida do cemiterio. Son o Rápido de Bouzas porque o tempo aperta. Depende da situación.

Vexo a auga que corre polo río Arnoia. Son o peixe que corre pola súa beira. Ou o toxo que o contempla. Son o asubío mal entoado e o fouciño mal afiado. Son o suspiro que salouca, o verme que se arrastra, o pombo que chora, o lobo que oulea, o silencio que se queda mudo e o astronauta que navega por entre as estrelas. Son a estrela que brilla. Ou o planeta que se apaga. Depende da sensación. Da miña sensación.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 3 de xaneiro de 2025

viernes, 3 de enero de 2025

DUN ANO PARA O OUTRO


Ano novo, vida nova. Que va; a vida segue igual. Julio Iglesias era listo cando cantou iso. A vida só cambiou en que, en vez de escribir 2024, hai que escribir 2025. Os minutos seguen a ser os mesmos, como as horas e os días e as semanas e os meses. Tamén os berros son os mesmos. Si, poden ser con maior entoación ou máis secos ou máis esgazados ou máis odiosos, pero son berros. Tamén os silencios e os barullos. O toxo, dun ano para o outro, segue a ser toxo. Medrará quizais unha milésima, pero tamén pode agachar a cabeza a causa da xeada; pero é o mesmo toxo.


Dun ano para o outro, todo é o mesmo. O ser humano segue a sentir angustia, e ansias, e medos, e desexos, e carraxe, e morriña, e soidade. Segue a ser amigable e odioso; ás veces ó unísono. Porque si, porque somos así; cun corazón de ouro, pero tortos; con sentimentos, pero fríos; con anhelos, pero pasmóns; con señardade, pero rebuldeiros. Tal cal como eramos o ano pasado, e hai dous, cinco, vinte, trinta anos. E como seremos no futuro. O de que o tempo pasa e todo cambia é simplemente un dicir, unha frase para que quede bonito.

Dun ano para o outro volverá chover, e xear, e nevar, e asaranse os paxariños, e arderán os montes, e morreremos en accidentes, e de cancro, e porque nos gusta matar. Tal cal como o ano pasado, e como os anteriores. E como no futuro. Somos homes de costumes, e de lei de vida, e de non hai volta de folla, e de punto final. Do punto final non nos salva nin Rita a Cantaora.

Dun ano para o outro o mellor é deixar a mente en branco e vivir o momento, sen pensar no 2024 que xa foi nin no 2025 que está por pasar. Ou non. Moitos non o contaremos. Realidade pura e dura. Como a vida.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 2 de xaneiro de 2025