Non miro para abaixo. Tampouco miro para os lados. Miro para arriba. Miro á única estrela que hai no ceo. É azul. Todo o demais son nubes. Nubes negras. Grandes e pequenas. Na única abertura clara que hai alá arriba está a estrela azul. Sempre as vin brancas ou amarelas ou tan brillantes que non deixaban adiviñar a cor. Esta é azul. Está soa.
Eu tamén estou só. No alto do Outeiro Barbeiro. A uns mil metros ou un quilómetro —como queirades— de Baños de Molgas con dirección a Os Milagres. É noite pecha, pero intuíndo un ceo moi nubrado polo que só asoma unha estrela. De cor azul. Azul é a banda diagonal da bandeira galega. Azul é a calma e a serenidade. Azul é a confianza e a lealdade. Azul é a intelixencia e a fidelidade. Azul é o mar. Os soños son azuis.
Non quero marchar do Outeiro Barbeiro. Temo perder a perspectiva da estrela azul. Por iso me nego tamén a mirar cara abaixo. Nin quero mirar para os lados. Só para arriba. Nun momento dado tamén vexo o resplandor dunha luz en movemento. É branca. Adiviño un avión. Penso se desde ese avión se verá a estrela azul. Ó mellor non ven ningunha estrela.
Empeza a chover. Adeus á visión da estrela azul. Xa non hai ningún claro nas alturas. Xa podo mirar para abaixo. Miro cara abaixo para saber onde poño os pés. Marcho... amodiño, con parsimonia, moi devagar. Mentalmente despídome da estrela azul. Non sei se volverei ver unha desa cor. Azul é a ansia dun desexo. Azul é a canella pola que baixa a melancolía.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 9 de decembro de 2025

No hay comentarios:
Publicar un comentario