lunes, 29 de diciembre de 2025

NO OCO DO MEU COLO


Deixo que o bambán dos soños asome pola noite escura chea de silencio e de estrelas que brillan polo firmamento. De noite todos os gatos son pardos e o grupo folclórico A Roda di que vai o gato (un dos pardos) metido nun saco. Eu soño sobre o ir e vir desa esperanza que está e que sempre estará aí. Soño coa memoria dos tempos e coa nostalxia dos anos, daqueles anos que se foron. O futuro será unha incógnita, un enigma, un misterio no percorrido que será... ou non. O futuro será unha adiviña na almofada da existencia.

Arrolo os pensamentos no oco do meu colo. E deixo que durman á beira dos palleiros de herba... ou de palla. Na aira agardo a que polo universo pasen zumbando estrelas fugaces e que en cada unha delas vaia un desexo preñado de sentimento. O que non corre voa e o que non fai nada queda quieto. Así de sinxelo.


Miro pola ventá como pasan os biosbardos do intelecto. Hai raciocinio nas noites de silencio? Hai entendemento nas noites escuras de silencio? Sempre haberá versos que rimen, que xungan os sentimentos do poema. Como sempre haberá espellos nos que reflictan as engurras das vivencias. Porque a vida é un andar continuo polo algoritmo da existencia. Agora cada quen que lle busque tres pés ó gato ou que esperte ó can que dorme.

Son o que deixo caer pingas de orballo sobre páxinas inmaculadas e apartando, iso si, atrancos ou impedimentos para que a narración non sexa tan escura como os cinchóns dos pesadelos. Porque hai soños que se volven pesadelos, como hai pesadelos que é mellor non telos. Agora cada quen que meta os gatos que queira no saco, nun saco de esparto. Fóra que queden os soños, as esperanzas, a memoria, os sentimentos, a nostalxia, as canellas, os anhelos, os desexos, os espellos, o tempo, o universo, o meu universo.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 29 de decembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario