viernes, 12 de diciembre de 2025

MISIÓN CUMPRIDA


Misión cumprida. E volvín polo camiño que fora. Na volta atopei espíritos malignos que se envorcallaban no bulleiro da indiferenza e demasiadas aves nocturnas que non tiñan ollos. Como sabían por onde voaban, non o sei. Eu ía cos meus pensamentos subido na carabela da inocencia, da inxenuidade. Aínda non me alcanzara a idade para saber que era a Perla Negra.

Á volta tamén pensei en que “a liberdade non é máis que a distancia entre quen caza e a súa presa”, segundo di un poema de Bei Dao e que nomea Ocean Voung no seu libro “Somos un pestanexo radiante na Terra”. Bei Dao é o alcume de Zhao Zhenkai, nado en China en 1949. Ocean Voung é poeta, ensaísta e novelista vietnamita-estadounidense que naceu en 1988. Eu estaba a cazar, libremente, o tempo que perdera no camiño de ida e no que levaba de volta.


Ó pouco souben que unha sombra me seguía desde o momento en que saíra o sol pola serra de San Mamede. Era longa como os días de maio e delgada como unha vara aguillada. Era negra. Pero non era a negra sombra de Rosalía de Castro; era a miña propia sombra. Quedei abraiado ó descubrir a súa forma: mal feita, chea de soños, quizais máis ben pesadelos, e de remansos pola zona dos xeonllos.

Misión cumprida. E xa de volta no punto de partida, sentei sobre a esperanza dun anhelo que latexaba con forza e demasiado ás présas. Din que estas nunca son boas, pero hai misións que se realizan ou non. Como hai devezos que xerminan, que grelan, moi paseniñamente, co tempo. Como hai ouleos que rebentan o silencio desde a leira do Caneiro. Agora deito para que a miña sombra sexa o meu leito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 12 de decembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario