Levaba tempo sen ler paseando, andando. Hoxe fíxeno, para aproveitar a tarde. Sería un crime quedar na casa e perder esta luz de primavera. Tardou en chegar, pero chegou. E despois de tanta auga, de tanta chuvia, a xente botouse ó monte, como se adoita dicir. Eu, ademais, aproveitando o tempo... lendo. Lendo “Las iras”, de Pilar Adón.
A pena é que o momento tan primaveral non se viu compensado pola calidade da lectura. Esperaba máis do libro, da novela.
Sería un crime quedar na casa porque, se me poño a ler na cama, axiña topeneo e pecho o libro para dar unhas cabezadas. Outra opción era ler paseando pola cociña. Pero, para pasear, que mellor ca facelo pola beira do río do Muíño, escoitando os paxaros e sentindo o murmurio da auga do regato. Prefiro chamarlle regato antes ca río.
No parque dos Patos da Valenzá parei un intre para contemplar un ganso que, maldito!, miroume de esguello, mesmo con mala cara. Se en vez de estar no leito do regato estivese no paseo, seguro que me atacaba. Din que teñen fama de agresivos.
Onde si gocei foi vendo os patos aterrar sobre a auga. Que marabilla! Que elegancia!
Non tardei en continuar o percorrido e a lectura en dirección ós Carrís. Os paxaros seguían cantando, eu seguía aguantando a novela, uns nenos xogaban nun parque e outros miraban para o regato intentando ver, imaxino, peixes, ou cágados, ou zapateiros. Máis ca peixes haberá, en todo caso, sapoconchos. O sapoconcho é bonito. A flor do toxo, aínda máis.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 21 de marzo de 2026

Valeu mais o paseo
ResponderEliminarE a lectura, pois aínda que fose mala... un libro sempre será un libro.
Eliminar