Andei uns cantos pasos e seguín andando. Se deixo de botar un pé detrás do outro, deixo de andar. E non podo quedar quieto. Teño que chegar. A onde? Aínda non sei. O que si sei é que a algún lugar chegarei: mesmo ata o infinito. Ó infinito tamén se chega. Buzz Lightyear chegou. Incluso foi máis alá. “Deica o infinito e máis alá”, era a súa ladaíña.
Porén, hoxe non me apetece chegar ata o infinito. Acabo de apousentar as nádegas nunha cadeira, diante dunha mesa, na terraza dun café, baixo unha calor sufocante. É deses días nos que o sol non brilla, pero a sufocación afoga. O reloxo marca 32 graos. Mente coma un troiteiro! Hai polo menos cerca doutros tantos.
E tan só a certos paspáns se lles ocorre sentar na terraza e poñerse a escribir cando dentro da cafetaría teñen o aire acondicionado. Pero os heroes teñen que estar para as duras e para as maduras. Nas duras hai que aguantar. Nas maduras é algo normal.
Deixei de andar e non noto nada. Refírome á canseira. Así, sentado, non me canso. É case un descubrimento que me fai abondo feliz. Porque, como case sempre estou andando, chega un momento en que si me canso. Só un pouco, se digo a verdade. Estou tan acostumado a andar que, cando non ando, síntome raro.
Agora mesmo non o noto moito porque estou poñendo os puntos sobre os is. E mentres me entreteño con isto, non penso no efecto nin nas consecuencias de deixar de andar. Iso si, e por se acaso, antes de notar esa rareza, vou andar de novo uns cantos pasos máis para, logo destes, seguir andando.
Café Brétema. A Valenzá. Venres, 4 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario