jueves, 15 de octubre de 2026

PERDÍN O NORTE


Metín todo o que necesitaba nunha pequena mochila: un caderno, un bolígrafo e seis libros. Nada máis. Botei a mochila ó lombo e... desaparecín. Sen coller coche nin ningún vehículo, boteime a andar.

Andei un día enteiro sen parar. Bebía nas fontes e alimentábame unicamente dunhas cantas moras que apañara nunha silveira. Cando decidín facer noite, decateime de que non sabía onde estaba. Durmín debaixo duns castiñeiros, no medio da nada.

Levo xa tres días desaparecido e, si, tamén perdido. Porque non fago máis ca tirar para adiante, evitando todos os lugares habitados. De cando en vez, roubo comida nas casas afastadas dos núcleos urbanos.


Perdín o norte. E non me refiro ó punto cardinal. Sei onde está o sol, pero non sei ler nel. Aínda que algunha vez escoitei que sae polo leste e se pon polo oeste. Eu sempre souben e dixen que nace pola serra de San Mamede e que se acocha, que se deita, tras o outeiro de Brandín. Todo isto pola contorna de Baños de Molgas.

Agora mesmo, tal como estou, non vexo nin ceo nin terra. Conseguín meterme nunha cova e mañá, cando saia, xa veremos se hai sol ou non. Pode haber unha néboa espesa ou unha nebulosidade inmensa. Pode que o sol estea xa moi alto e eu non saiba por onde saíu.

Sigo andando para desaparecer aínda máis. E seguirei ata onde me leven as forzas.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 14 de outubro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario