Na historia da literatura galega do século XIX hai autores que, malia deixaren unha pegada discreta, merecen ser recuperados do esquecemento. E se, ademais, naceron no concello de Baños de Molgas, a razón para recuperalos é aínda maior. É o caso de Remigio Garrido Bouzas, que naceu en 1830 e estudou no Seminario Conciliar de Ourense. Exerceu o sacerdocio en varias parroquias rurais da provincia, ata establecerse en Escornabios —fermoso topónimo—, no concello de Trasmiras, onde morreu o 7 de outubro de 1907. O vindeiro mércores cumprirase o seu 119 cabodano.
Garrido Bouzas foi tamén escritor e colaborador de O Tío Marcos da Portela, unha das publicacións fundamentais para a difusión da literatura galega no último terzo do século XIX. Nas súas páxinas empregou o curioso pseudónimo de Roque Grilo Berza, unha identidade que chegou a ser bastante coñecida entre os lectores. Segundo a investigación do Centro Ramón Piñeiro, mesmo Valentín Lamas Carvajal —o fundador dese semanario— tardou en descubrir quen se agochaba detrás daquela sinatura.
Baixo ese nome publicou tres relatos en galego. O primeiro, simplemente titulado “Conto”, apareceu en decembro de 1885. Ambientado nunha pequena aldea da Limia, ten como protagonista un abade e presenta situacións cómicas protagonizadas tamén por un grupo de mozos e pola irmá do crego. O relato combina os feitos cotiáns cos soños e pesadelos do sacerdote, empregando a confusión e o xogo de palabras como principais recursos humorísticos.
En febreiro de 1886 apareceu “No novo nome das patacas. Conto”, unha narración na que se aprecia a influencia da tradición oral. O relato comeza cun refrán sobre a pataca, presentada como alimento esencial tanto para os pobres como para os ricos. Garrido aproveita así un elemento tan común na vida rural galega para construír unha historia sinxela, popular e chea retranca.
A terceira narración é “Historia, conto, sainete ou como queira chamarse, da ama dun señor abade”, publicada en 1887. O propio título xa anuncia o ton desenfadado da obra, que recupera personaxes, ambientes e formas de contar propios do mundo rural.
A figura de Remigio Garrido Bouzas resulta, polo tanto, especialmente interesante para comprender aquela primeira narrativa galega que se foi abrindo camiño nas páxinas da prensa. Roque Grilo Berza foi unha voz agochada tras un alcume, pero os seus relatos permiten recuperar hoxe a imaxe dun escritor atento á fala popular, ós costumes e ó humor da sociedade rural do seu tempo.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 3 de outubro de 2026

.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario