viernes, 13 de noviembre de 2026

CASE, PERO NON


Hoxe, o regato dos Muíños, ó seu paso pola Valenzá, xa case semella un río. Case. Do dito ó feito vai un treito. Outros fan cousas sen que se lles altere a conciencia: segundo un xornal da nosa terra, “un galego que exerceu como xuíz é asesor legal do grupo neonazi Núcleo Nacional”. Aí están os xuíces, que se supón que deben ser imparciais, asesorando eses grupos en vez de combatelos. O que digo sempre: ninguén é imparcial. O que pasa é que algúns disimulan mellor ca outros.


Pois si, nótase a chuvia, a pouca chuvia destes días. Oxalá seguise así algúns días máis. Si, xa sei que é molesta e todo iso, pero moi necesaria. Agora mesmo, a min acaba de amolarme... que non caese nin unha pinga! Saín dar un paseo e non levei comigo o ladrillo de 748 páxinas de Dolores Redondo, por pesado e coa case certeza de que chovería. Ó final ese “case” quedou en nada: non choveu e, a cada paso que daba, levábame o demo. Co que me gusta ler mentres ando e coa necesidade que teño de avanzar na lectura para devolver os libros en préstamo dentro do prazo!

“Case” é un adverbio que expresa que o significado do enunciado non se cumpre ou non se cumpriu totalmente, pero que falta ou faltou moi pouco para que así fose. Ó regato fáltalle ser río. Ó ex-xuíz fáltalle xuízo. E á tarde escura e ameazante de chuvia fáltanlle as pingas.

Case si, pero non. Case ganso, pero pato. Case arre, pero xo. Case bolboreta, pero eiruga. Case choro, pero río. Case canto, pero asubío. Case marcho e... vou cumprir co dito: marcho.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 13 de novembro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario