Madrugo expresamente para poder
ler os xornais á primeira hora. Porque me gusta informarme das cousas canto
antes. Non tanto dos asuntos políticos, porque estes axiña cansan, e hoxe en
día aínda máis; senón para atoparme con novas máis achegadas a un ou máis simpáticas.
O outro día lin unha que, por extravagante, estrafalaria, era divertida. A un home
craváronlle 200 euros de multa porque adiantou co seu coche a un can sen gardar
a distancia regulamentaria de 1,5 metros. A un can que andaba solto. Esta noticia
tan só ten dúas lecturas. A primeira lectura é: esperpento.. A segunda lectura
é: sen comentarios. Ter ten para moitos comentarios, a cal mellor. Pero é
preferible deixalo aí e admirar de verdade ó condutor por coller a sanción con
humor, xa que seica vai enmarcar a comunicación da multa. É para enmarcar! Polo
menos o motivo. Creo que só por esta nova me compensa o madrugar un chisco máis
do debido e gozar así da sabedoría do noso queridísimo e paisano don Ramón
María del Valle Inclán cando lanzou aquela sentenza mítica de que somos un país
esperpéntico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario