martes, 27 de agosto de 2019

O DÍA A DÍA DO LABREGO

Alguén lle preguntou a un gandeiro como era o seu día a día. Iso case é coma preguntarlle a un nugallán como é o seu vivir. Que pouquiña cabeza hai para certas preguntas! Iso non se lle pregunta a un labrego! Se lle preguntase se tiña algún día de lecer... Seguro que coa súa contestación xa lle estaba dando resposta á anterior. O labrego non ten acougo, non ten repouso! Polo que o día a día normal é o de erguer cedo e non parar de traballar ata o momento en que se vai á cama. Non hai horarios nin treboadas nin sol que abrasa nin, por suposto, ganancias; tan só sangue, suor, ás veces bágoas e volta a empezar.
Hoxe mesmo caio na conta de que o traballo do labrego é esgotador, case un inferno. Ás seis da tarde quenta aínda que nin o demo. Pois ben, se non deixase a viña como a deixei, agora mesmo andaría baixo este sol enramando ou dando o sulfato. Porque levo algo así coma un diario e leo que durante estes días ou, mellor dito, desde outubro ou novembro, desde que se empeza a poda, practicamente todas as tardes andaba alá traballando, e cando tiña esas mañás de permiso por asuntos propios, pois ídem de ídem; para a viña marchabamos a suar e, ás veces, deixar sangue. O día a día do labrego nin ten horarios e nin ten descanso. Por non ter, non ten nin tempo para soñar esperto. Cae na cama esgotado e reza unha oración para que a climatoloxía se porte.

Café O Chicote da Valenzá. Martes, 27 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario