Cando canso de ler, cando en certos descansos de algo teño pouco tempo ou cando canso de estar canso, boto man do móbil e xogo cunha aplicación que teño sobre palabras, dividida en seccións. Unha delas versa sobre a pescuda de países, segundo as pistas que dá con certas letras. Cando se descobre tal país, a aplicación amosa coma un resumo xeográfico, social, político, cultural, etc.
O día que atinei co de Bolivia (país que, con pena, moitos nin saben situar no mapa), quedei realmente alucinado cando se deu unha explicación da súa lingua, do seu idioma. Si, o oficial e maioritario é o español, o castelán. Pero ese país, que case non coñece ninguén, é notable por recoñecer e promover (repito: recoñecer e promover; recalco: promover) outros 36 idiomas indíxenas, como o quechua, aimará e guaraní, “o que reflicte unha diversidade cultural e lingüística”.
Aquí, en España, botámonos os cans un contra o outro porque as 3 (só 3) grandes linguas cooficiais se intentan usar nas Cortes e na Comunidade Europea a causa do custo que seica supón uns putos pinganillos. Pinganillos que non custan máis que, por exemplo, eses soldos vitalicios que se lles dá a quen xa non traballa máis.
Mesmo quitando a escusa do gasto, as linguas cooficiais sempre foron masacradas, vilipendiadas, inxuriadas e asoballadas; moitas veces por organizacións ou personalidades da rexión con lingua propia. Os galegos sabemos moito diso grazas a Galicia Bilingüe (por que bilingüe se só queren usar o castelán?) e ás nosas personalidades políticas que, tan axiña como poden, botan man do castelán. Non vaia ser que ninguén os entenda ou que os acusen de ser da Galicia profunda. Ante isto, despois de galego... quero ser boliviano!
Café Brétema. A Valenzá. Venres, 29 de agosto de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario