Os asentos dianteiros dos coches senten. Como a xente. Os asentos dianteiros dos coches cánsanse. Como a xente. O ser humano, se carga cun saco de millo ou de patacas, ó principio mesmo pode sentilo livián, lixeiro; pero co paso dos minutos a carga comeza a pesar, a cansar, incluso a esgotar.
Hai tempo, o coche empezou a emitir un son agudo que non conseguía identificar. Parei varias veces e non daba atopado a súa orixe. Ata que caín na conta de que o asento do copiloto levaba un maletín cun portátil. Como non ía suxeito co cinto de seguridade, o vehículo interpretaba que había alguén sentado e avisaba con aqueles sons insistentes.
Desde ese día procuro non colocar nada no asento do copiloto. Porén, algunha vez deixo un bolso de cintura con apenas un libro e un caderno, e non pasa nada. Vese que ese peso é insuficiente para que o coche detecte a suposta presenza dun ocupante sen cinto de seguridade.
O outro día fun podar unas trinta cepas que teño en Ramiras, no concello de Castrelo de Miño, e no asento do copiloto ía o bolso de cintura cun libro de 270 páxinas: pouquiña cousa. Tras percorrer uns dezasete ou dezaoito quilómetros, apareceu de novo o son agudo. Como levaba a radio acesa, pensei nun primeiro momento que procedía do programa. Mais, ó comprobar que persistía, detiven o coche e púxenme a investigar que carallo estaba a pasar. Da mochiliña non podía ser; de selo, xa tería pitado desde o principio.
Era do bolso de cintura! E foi entón cando pensei que os asentos dianteiros eran como a xente: tamén se cansan. Se ó principio non pitou, quizais foi porque a carga lle pareceu soportable; pero, pouco a pouco, fíxoselle pesada e acabou por protestar. Así que os asentos tamén deben ter alma. Tamén senten.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 21 de febreiro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario