A música de Alexandre Desplat leva os meus soños pola noite pecha que, intúo, nubrada. Fóra da música, o silencio é ese baleiro que baila un tango sobre a saudade dos tempos. Hai soidades que dormen, sen molestia, sobre as mantas da algarabía. Ou do sosego. Agora, que cada quen asubíe e baile ese tango ás nove menos cuarto da noite.
Refrego os ollos. Paso a man polas cellas. Río. Berro. Ante o berro rachou o silencio. Son o covarde que se refuxia no baleiro. Abafo coma os cans entre os palleiros da aira do Dositeo. Cando canso, ouleo. Cando ouleo, treme a lúa vella e deixo de ter medo. O medo é o sufrimento que produce a espera dun mal.
Sigo o ritmo da música cos pés. Cos ollos busco a cor da flor do toxo e deixo que os paxaros voen ó meu arredor. Sei cando as corredoiras da memoria se estiran e se dobregan, se perden e se volven atopar. Sei que todo vai e vén, e sei que quen non anda está quedo. Sei rir e chorar. Sei vivir e padecer. Sei como caen as pingas de orballo sobre a miña conciencia.
A noite é cada vez máis pecha e o silencio, máis fondo. Tan só, de cando en vez, algunha voz asoma entre os compases que amañou e ensortellou Alexandre Desplat nesa marabilla titulada “O Gran Hotel Budapest”. Agora que cada quen pense se a música é ou non é un sentimento. A música é a arte de combinar os sons harmonicamente seguindo unhas determinadas regras. A música é o acougo, o alivio, a calma, o descanso, o sosego, o repouso e a tranquilidade do espírito. A música é a banda sonora da vida.
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 20 de febreiro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario