Coloquei unha baldosa detrás doutra completar o corredor dos soños. En cada baldosa, un soño do que puido ser e non foi; un recordo do tempo pasado; un pensamento cara a un futuro incerto; un sentimento nun presente en calma; un latexo polo desexo compartido; e unha esperanza á sombra da solaina.
Aí, no corredor dos soños, están pousadas as ansias, os verbos, o sangue, os sorrisos, o silencio, as queixas, os ouleos, os camiños, os andares, as pregarias, os xogos, as lecturas, as ladaíñas, os encontros e os berros, tamén os berros. E os xemidos, moitos xemidos.
O desexo dálle a unha baldosa unha cor vermella. A escuridade asenta na negra, como é lóxico. O equilibrio repousa na gris. O ruído pousa sobre a marrón, ou a rosa, ou a branca. A vida pinta de cor verde boa parte do corredor, practicamente todo o corredor.
Hai baldosas que tremen sobre o cemento, que choran, que súan, que escachan, que rebentan... absolutamente todo, como a propia existencia. Aínda que cada quen se atope nun estado de incerteza, de dúbida, de desconexión ou de falta de definición: sobre unha situación, sobre uns soños; en definitiva, no limbo.
O corredor dos soños atravesa toda a existencia, toda a vida. A infancia é inocente. A xuventude é descubrimento. A madurez é sabedoría. A lonxevidade é unha volta á nenez. Todo pasa e todo queda. Porén, o noso é pasar... como dicía aquel Machado en voz de Serrat. Soñemos no corredor dos soños, porque soñar é bonito, é fermoso, é lindo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 9 de abril de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario