miércoles, 8 de abril de 2026

ONDE LATEXAN AS PALABRAS


Empezo. Un novo caderno. Un agasallo polo aniversario. Un caderno no que caerán feixes de relatos, pingas de orballo, ruxerruxes de feitos, moreas de pensamentos e latexos de sentimentos. Un caderno no que será de día e se fará de noite, no que os soños bailarán ó ritmo do rock and roll de Elvis Presley e asubiarán os spaghetti western de Ennio Morricone.

Neste novo caderno, a luz daralle paso á escuridade; no barullo haberá momentos de silencio, e o silencio durmirá sobre a almofada dos desexos. O lobo ouleará desde un outeiro e a noite pecha será a raíña das palpitacións acompasadas do tempo.


Haberá relatos nucleares e inmaculados, narrativas universais e aldeás, terrícolas e marítimas, labregas e filosóficas. Haberá camiños por escoller e carreiros fixos, con atrancos e sen eles. Haberá paz e sosego, ebulición e excitación; haberá risas, e penas, e pesares, e berros, e bicos, e abrazos.

Neste novo caderno, cada palabra dirá algo, cada frase subirá o ton ou calmará as ansias, cada parágrafo tensará o relato e cada historia pousará todo iso nas páxinas brancas que explicarán toda unha vida. A vida consiste en contar e deixar correr. Por este caderno pasarán vidas.

Xa está practicamente completa a primeira páxina desta estrea, na que se di algo e non se di nada, na que as pingas de orballo caen mansamente coa intención de abrir camiño ó que queda por dicir. Nesta primeira páxina, xa nada máis. Nas seguintes, a tinta azul dos pensamentos marcará os tempos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 7 de abril de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 7 de abril de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario