El mirouna ó ollos. Ela non apartou a mirada. Os dous quedaron en silencio. O silencio é ese instante que, ás veces, flúe e, outras, só deixa baleiro. O silencio é coma un baleiro cheo de sentimentos. Naquel momento había un baleiro, moito silencio e demasiados sentimentos.
El deixou escapar algo parecido a unha carraspeira. Ela tusiu levemente. Os dous sorriron. O silencio e o baleiro enchéronse de sinais naquela tarde nubrada na que dous seres convivían —ou talvez non— sobre as escaleiras dunha casa abandonada na vila de Baños de Molgas. Un murmurio de pés arrastrándose sobre os chanzos de pedra empezou a invadir aquel silencio. Os dous intuían que xa non había un baleiro que os separase. Os dous, en todo caso, estaban dispostos a lanzarse a el.
El contou mentalmente ata cinco. Ela —seguramente axudada pola telepatía— continuou a conta ata dez. E os dous, intuídos por aquela comunicación directa de pensamentos e sensacións, romperon a rir. O silencio converteuse en alegría e o baleiro encheuse de futuras sensacións que chegarían a cumprirse... ou non.
O reloxo da igrexa deu as seis da tarde. Co primeiro badalo, ela asustouse. El riu. E acabaron rindo os dous durante o resto das badaladas. Xa non había silencio. Xa non había baleiro. Había, iso si, unha sensación de vitoria. Dunha vitoria da que, porén, ningún dos dous coñecía realmente o significado. Aínda así, aferráronse a ela, deixaron mesturarse os sentimentos, colléronse das mans, erguéronse e baixaron lentamente a escaleira de pedra.
Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 6 de maio de 2026
Foto: Baños de Molgas (Ourense)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario