Que dis? Eu non digo nada. Estou calado. A miña mamá díxome sempre que en boca cerrada non entran moscas. E eu fixen caso. Levo sesenta e pico anos sen abrir a boca. Nin para dicir bo día. Nin para dicir vai calor. Nin sequera para dicir que non. Aliméntome polas fosas nasais. Teño unha sonda especial que non me molesta nada ó metela. Despois non explico como fago, porque é certo que se producen uns ruídos estraños que non causan boa sensación.
Moitos din que falar é bonito. Pero eu, polo si ou polo non, non abro a boca. Teño medo a esbardallar, a baduar, a laretar. Teño medo que a lingua vaia por libre e solte o que non debe. Porque, se digo o que me di o cerebro, ou a mente, ou a cabeza, mesmo penso que pode sentar mal. Mellor estar calado. E, para calar, non se pode abrir a boca.
Que como me comunico? Non o ves? Por medio da escritura. Para poñer os pensamentos nun papel, adoito pensalo antes; de aí que, por medio da escritura, non latrique tanto. Teño tempo. Tempo para mirar a palabra, darlle a volta, probala na boca sen abrir a boca. Para saber se vai facer ben ou mal, se vai mancar ou non. Porque hai palabras que mancan e hai palabras que doen.
Se tivese que falar, non tería ese control. Nin dominio. A palabra sairía disparada antes de que eu puidese agarrala. Cuspiría ó momento o pensamento que escapase do recanto onde están agochadas as palabras.
Hai que sinalar que o cerebro, a mente, a cabeza teñen coma recantos, coma celas, coma caixóns, coma recunchos nos que cada un almacena o que lle corresponda. E, como no recuncho das palabras hainas boas e malas, mellor non falar para non ceibar as malas. Porque estas, aínda que non se queira, son lagarteiras, pillabanas, escorregadizas, e axiña se mesturan coas boas e, claro, arman as do demo e a mona. Mellor estar calados.
A miña mamá xa o dicía: en boca cerrada non entran moscas.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 9 de setembro de 2026
No hay comentarios:
Publicar un comentario