El díxolle a ela: vou. Ela díxolle a el: vén. El foi. Ela esperou. Os dous perdéronse pola carballeira da señardade, sen saber moi ben se fuxían do mundo ou se, simplemente, tentaban atoparse a si mesmos. Cruzaron camiños cheos de lama. Andaron por tramos de asfalto. Goldraron regatos. Saltaron valados. Riron a esgalla, como se a felicidade fose unha ave silvestre que, por unha vez, decidira pousarse nos seus ombreiros.
A tarde era de outono, pero o sol semellaba de verán. O tempo dáballes igual, porque había momentos nos que os reloxos perdían o sentido e as horas deixaban de contar. Seguiron correndo e gozando polos lameiros da felicidade. Subiron outeiros. El ouleaba. Ela miañaba. Es os seus corazón latexaban ó mesmo ritmo, coma dous paxaros que atopasen, por fin, a mesma póla onde descansar.
Cando chegaron ó alto dunha lomba, detivéronse a contemplar o val. Alí abaixo, a vida continuaba coas súas présas, os seus medos e as súas despedidas. Eles, en cambio, tiñan nas mans aquel intre irrepetible, tan fráxil coma unha folla que o vento ameaza con levar. Ela mirouno ós ollos e el descubriu nesa mirada todos os camiños que aínda lles quedaban por andar. Non fixeron promesas. Ás veces, un silencio compartido vale máis ca mil palabras, e unha man apertando outra pode dicir todo o que a boca non se atreve.
Ó caer a tarde, as sombras alongáronse entre os carballos e o vento comezou a espallar as primeiras follas polo chan. Tiveron que regresar, aínda que ningún dos dous quería que rematase aquel día. El acompañouna ata o lugar onde os camiños se separaban. Ela sorriu con certa tristura. Atrás quedaba a carballeira da señardade.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 15 de outubro de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 16 de outubro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario