Mirei cara á dereita e non vin nada. Mirei cara á esquerda e tampouco. De fronte estaba o outeiro, que non me deixaba ver máis alá. Xirei a cabeza e, por detrás, había unha néboa espesa que non deixaba ver un burro a tres pasos. Se cadra eran algúns máis, pero queda bonito esaxerar un pouco.
En resumo, estaba só e creo que perdido no monte. Algo extraordinario, porque eu adoito orientarme moi ben: polo sol, pola dirección do vento e, aínda que vos pareza incrible ou unha esaxeración, polo son do piar dos paxaros. E tamén polo croar das ras. Se unha ra croa á miña esquerda, é que está situada cara ó norte. Se un paxaro pía por riba da miña cabeza, daquela xa non hai dirección que valla. Ou si: cara ó espazo sideral.
Pero menos esbardallar e volvamos aclarar a situación, o momento, o instante. Estaba só e sen nada que me orientase. Porque non había sol —só un ceo negro coma a morte—, non había paxaros, non había ras. Todo aquilo, naquel momento, era coma o baleiro. Ou coma a nada.
Mesmo os toxos estaban sen flor, pois, aínda que non o dixese antes, tamén me sei orientar pola flor do toxo e polo voo dun paporrubio. As rulas son un caso á parte.
Sigo completamente perdido, á espera de que apareza algo que me oriente: o son dun asubío, o ouveo dun lobo, o ronsel dun avión... ou, simplemente, a valentía de tirar cara a adiante e acabar chegando a algún lugar.
Sempre se chega a algún lugar.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 17 de novembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario