martes, 24 de febrero de 2026

DENTRO DA NORMALIDADE INVERNAL


Hoxe son lagarto, díxenlles ós da cafetaría cando entrei a tomar un café, pero para que me entenderan de que mo servisen na terraza e facendo referencia a que nos poñemos ó sol coma os lagartos. O problema é que na terraza xa dá a sombra. Aínda así, estase mellor fóra ca dentro. Fóra levamos tres días nos que, por fin, o sol fixo acto de presenza; dentro, en cambio as casas seguen frías.

A verdade é que había ganas de sol. Moitas ganas. A chuvia continua de practicamente mes e medio cansou e aburriu. Psicoloxicamente, mesmo se notaba a xente algo deprimida. Nestes tres días de ceo aberto, os paseos -xeralmente ás beiras dos ríos- enchéronse de xente, con expresións máis que alegres.


Mais, como somos de espírito contraditorio, ó segundo día de sol xa comezamos a queixarnos da calor, sobre todo cara ás tres ou catro da tarde. Pola mañá, en cambio, facía un frío de raio, con xeadas reinando naqueles lugares onde non había néboa (onde a hai tamén xea, pero a calixe vaina comendo). Todo dentro da normalidade invernal: cando non chove, xeralmente xea.

Moita parola arredor de tres días de sol cando semella que mañá ou pasado mañá, seica, volve a chuvia. O dito: normalidade invernal. Chuvia, frío, saragana, xeadas, vento e algún que outro día de sol... para que os lagartos poidamos saír. No inverno desexamos sol e no verán que chova de cando en vez. Nunca choveu a gusto de todos. E nunca choveu que non escampara.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 23 de febreiro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario