Mandáronme unha foto co mar de fondo. A imaxe é bonita porque o mar é bonito. Con ela non consigo oír o seu son, porque o mar soa. O ruído do mar é marabilloso. Tan marabilloso que, ó contemplar a fotografía, é como se puidese escoitalo.
A Perla Negra suca os mares, fuxindo duns e perseguindo a outros, entre piratas e aventuras. O mar deixounos historias inesquecibles desde que a sétima arte comezou a proxectarse nas pantallas brancas a comezos do século XX: “Capitáns intrépidos”, “Tiburón”, “Moby Dick”, “A vida de Pi”, “20.000 leguas de viaxe submarina”, “A tormenta perfecta”... e podería seguir.
Eu quero ir ver o mar. Irei velo. Escoitarei o ruído do mar, quizais o único ruído que me provoca xúbilo e, ó mesmo tempo, unha fonda calma. Sentarei nun penedo e deixarei pasar o tempo necesario para sentir ese sosego, esa tranquilidade que me leve a aboiar sobre os propios pensamentos, sentimentos e emocións.
O mar evoca paz, liberdade e reflexión. É un refuxio emocional, un espello da vida, coas súas calmas e as súas tormentas. Tormentas no mar, calmas en min. Alguén dixo que o mar non berra respostas, pero ensina a escoitar. E tanto que si. Tamén que, como que as mareas, as nosas vidas están marcadas por ciclos de cambio e transformación. O ruído do mar transfórmame.
Miro de novo a fotografía que me mandaron. O mar é cada vez máis fermoso. E sinto, oio, escoito máis e máis o seu rumor. Se a imaxe me dá alegría por amosarme o mar, o mar dáme aquilo que non se pode explicar.
Café Oren Express. A Valenzá. Sábado, 28 de marzo de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario