jueves, 26 de marzo de 2026

A VIDA: UN SUSPIRO QUE PASA


Que é a vida? A vida é o paso do tempo. Nada máis. A vida é a folla do calendario. A vida é un segundo, un minuto, unha hora, un día... Que carallo, a vida é un suspiro. O que pasa é que, nese suspiro, ás veces, transcorre todo un mundo. Outras veces, tan só hai baleiro.

A vida é simplemente vivir. Vivir ben ou mal. Vivir a medias é complicado. Vivir sen ansia é aburrido. Vivir contentos non é tan sinxelo. Algúns viven cheos de carraxe. Outros, de maldade. Hainos que viven á conta dos pombos, e os pombos vivimos porque nos puxeron aquí.


Din que a vida é unha serie de cambios naturais e espontáneos. Non os resistas. Para que? Cambies non cambies, a vida segue. Outros din que a vida é demasiado curta para aburrirse. Pois anda que non hai aburridos! Que a vida é curta, pois... o outro día vin unha miniserie que falaba de trescentos e pico millóns de anos; polo que, ante isto, xa non é curta: é que nin sequera alcanza a categoría de suspiro.

Vivir é o máis perigoso que ten a vida. E tanto que si. Porén, gústanos o perigo a rabiar. Porque nos gusta vivir... aburridos, no baleiro, ben, mal... A vida é como unha montaña rusa. E tamén como unha balsa de aceite. A vida é unha viaxe. E, como me gusta viaxar... vivo!

E como dicía aquel: a vida é unha especie de bicicleta. Se queres manter o equilibrio, pedalea cara adiante. E os que non sabemos andar en bicicleta? Esperamos e quedamos a velas vir. E que pase o tempo; porque a vida é iso: o paso do tempo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 25 de marzo de 2026

Café Alumbre. A Valenzá. Xoves, 26 de marzo de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 26 de marzo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario