Cando deixo de ser invisible, mimetízome en lobo. Sempre me gustou ser lobo, para poder oulear desde os outeiros, só desde os outeiros. Nas chairas e nos lameiros dedícome a cazar, e, de caza, selecciono moi ben a presa.
Porén, o meu verdadeiro gozo é ser invisible: entrar por onde ninguén pode e visitar lugares que algúns xa quixeran coñecer. Ás veces, mesmo me meto na cabeza de alguén, só para confundirlle as ideas, para enredar os seus pensamentos. E así, pouco a pouco, a súa desgana, indiferenza ou apatía repousa sobre a ansiedade do meu ego, sobre o desexo do meu propio rego.
Coa invisibilidade por bandeira, contemplo, observo, vexo todo aquilo que algúns non queren ensinar. E esa é a miña gran vantaxe: eles non poden ver o meu sorriso pillabán nin o brillo dos meus ollos, aínda que ben sei que existen brillos lagarteiros e olladas raposeiras.
Vexo pensamentos que esbardallan sobre a relación dun lobo cunha bolboreta, cousa fóra de natura. Mais, como dicía aquel, de todo hai na viña do Señor. Mesmo un paporroibo pode decidir pousar sobre o fociño do lobo. Cando isto sucede, ouleo con máis forza, máis melancolicamente e os pelos póñenseme tesos ante tanta ansiedade.
Porque hai cousas que non deberían acontecer e, con todo, acontecen. Hai encontros que desafían a natureza e outros que a natureza inventa para burlarse de nós. Eu limítome a mirar, invisible, agardando o momento exacto para deixar de selo.
Entón volvo ser lobo, subo da chaira e regreso ós outeiros, na procura dese acougo sentimental que, de continuo, me fai oulear. Ouleo sobre o silencio da noite.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 21 de agosto de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 22 de agosto de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario