Hai que contalo paso a paso, que é como mellor se entende e, eu, como mellor me explico.
Collín o libro, metino na mochila e subín ó coche baixo unha temperatura de moito pendello. É igual; os heroes aguantamos o que nos boten. Marchei correndiño para Os Castros, que, segundo os que saben, pertencen a Toén, Cartelle, Barbadás e A Merca, aínda que eu máis ben onde me fun situar foi na zona xa de Cartelle, limitando coa de Toén. Alí hai unha carrilleira entre uns castiñeiros que sabía que era o lugar perfecto, grazas á súa sombra, para ler mentres esperaba o gran acontecemento do 12 de agosto de 2026: a famosa eclipse.
Si, eu emprendera ese camiño tamén para ver a eclipse. Sen lentes, sen anteollos, claro. E éntrame un pouco a risa ó pensar nas mensaxes que me mandaron os fillos sobre o perigo do sol. Naquel momento tamén me rin, porque a ver se pensaban que eu era parvo.
Sen mirar en ningún momento directamente para o sol, contemplei un dos espectáculos máis fermosos que se poden ver en vida. Por onde andaba lendo —repito, á sombra—, non tardei en notar que cada vez me custaba máis seguir as liñas do libro, ata que chegou o momento que me dixen que xa era hora de ir para o lugar desde o que quería ver tal fenómeno cósmico.
Segundo ía, xa tiven que acender as luces do coche e, cando quixen baixar pola pista que vai a Santo Tomé, foime imposible, a non ser que quixese atropelar a xente. Incrible a cantidade de persoas que había naquela zona.
Foi dar a volta e notar, ó instante, como empezaba a volver o día. Impresionante. E, si, arrepentinme de non ter as lentes e pensei no espectáculo que tiveron que observar os da zona por onde a eclipse foi practicamente total.
Malo será que non vexa a próxima con 521 anos. Sei que a miña vida será lonxeva.
Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 13 de agosto de 2026


No hay comentarios:
Publicar un comentario