Ela faláballe de alfábegas e aromas, de paxaros e cabezas, de estrelas que brillaban na noite que comezaba a poñerse fría. El falaba do ruxerruxe do vento, da soidade dun cuarto baleiro e do baleiro que había nalgúns pensamentos. Ou sentimentos.
A distancia estaba aí, era patente, pero o achegamento era real, auténtico. Pena dun café. Co café, ou co seu recendo, as palabras flúen mellor, coruscan sobre as caricaturas dos dous. Co café mesmo se poden xunguir os pensamentos. Ou os sentimentos.
Ela seguía a falarlle de trasgos, de seres míticos e de personaxes coñecidos. El escoita co sorriso aberto e cos latexos do corazón zoupando no peito. Porque a emoción é moita e as ansias aínda son máis.
A noite estaba chea de sons e de soidades sobre unha terra brava que namora. Os carballos servían de refuxio para o silencio, e o silencio estendía, espallaba, esparexía as redes da memoria e da nostalxia. Lembraban os dous. Contaban os dous. Borboriñaban os dous. A noite xa estaba pecha.
Sobre a escuridade, o ruxerruxe dos grilos e dos paporroibos. Aínda así, notábase máis o silencio ca o ruído, a melancolía ca a rebuldaina e os soños ca os espíritos.
Ela lembraba bailes nos ríos e gaitas nas festas. El deixaba caer a mirada sobre unha felicidade xa feita, asentada e quizais eterna. Ela emocionábase cos recordos. El falaba das súas propias emocións e dicía, tamén, que se emocionaba con ela. Ela debuxaba a caricatura dun poema. El dicíalle que ela era poesía.
A distancia seguía aí, pero o achegamento semellaba cada vez máis real, máis auténtico. A noite dáballe paso á madrugada. Coa madrugada chegaban os soños reais e imaxinarios. Soñaban os dous a un tempo.
Parque Ansuíña. Baños de Molgas. Sábado, 15 de agosto de 2026
Parque Ansuíña. Baños de Molgas. Domingo, 16 de agosto de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario