sábado, 17 de octubre de 2026

O NOBEL QUE CONSAGROU A CELA


Tal día coma hoxe de hai 37 anos, en 1989, o escritor español Camilo José Cela recibiu o Premio Nobel de Literatura, quizais ou sen quizais o galardón máis prestixioso do mundo das letras. A Academia Sueca recoñeceu así a súa capacidade para retratar a realidade social e humana do seu tempo cunha prosa rica, orixinal e chea de forza expresiva. Este premio supuxo a consagración internacional dun autor que xa ocupara un lugar destacado na literatura española do século XX.

Camilo José Cela naceu o 11 de maio de 1916 en Iria Flavia, no concello de Padrón. Aínda que desenvolveu boa parte da súa vida fóra de Galicia, mantivo unha relación importante coa súa terra natal. Durante a súa mocidade viviu en Madrid, onde iniciou estudos universitarios e entrou en contacto con diversos ambientes culturais. A Guerra Civil española e as difíciles circunstancias da posguerra influíron na súa visión do mundo e deixaron unha pegada significativa na súa obra literaria.


A súa carreira como novelista comezou con “La familia de Pascual Duarte”, publicada en 1942. Esta novela, de gran dureza e intensidade, presenta a vida dun campesiño marcado pola violencia e pola miseria, e converteuse nunha das obras máis representativas da narrativa española de posguerra. O libro destacou polo seu estilo directo e pola súa visión pesimista da condición humana. Anos despois, en 1951, Cela publicou “La colmena”, unha das súas creacións máis coñecidas, na que retrata a vida cotiá do Madrid da posguerra a través de numerosos personaxes e pequenas historias entrelazadas.

A produción literaria de Cela foi moi ampla e abarcou distintos xéneros, como a novela, os relatos, os libros de viaxes e os artigos xornalísticos. Entre os seus títulos máis destacados figuran tamén “Viaje a la Alcarria”, unha obra na que describe as paisaxes e os costumes dunha rexión castelá, e “Mazurca para dos muertos”, novela coa que obtivo a Premio Nacional de Literatura en 1984, e coa que me fixo pasar máis dunha apurada nas colas dos cines a causa das risas que soltaba de cando en vez. O seu estilo caracterízase pola riqueza do vocabulario, a experimentación narrativa, o humor ás veces cruel e a capacidade para representar as contradicións da sociedade.

A concesión do Premio Nobel recoñeceu a importancia da súa contribución á literatura universal. A Academia Sueca salientou a intensidade da súa prosa e a maneira en que esta reflectía a fraxilidade do ser humano. Cela xa recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1987 e, en 1995, conseguiría o Premio Cervantes, outra das máximas distincións literarias en lingua española. Faleceu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, ós 86 anos.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 17 de outubro de 2026

1 comentario:

  1. Era único, con sus luces y sus sombras... pero irrepetible

    ResponderEliminar