viernes, 14 de noviembre de 2025

BAIXO AS BALAS DUNS RICOS SEN CONCIENCIA


O cine amose o tema ou xénero que amose sempre se basea en algún acontecemento ou acción real. No cine mestúrase a ficción coa realidade e viceversa. O público, o espectador, moitas veces, intenta copiar, seguir, reproducir o que viu na pequena ou na gran pantalla, é dicir, vivir a auténtica realidade. Teño visto xa varias películas nas que, na ficción, certos personaxes pagan millonadas para matar a outros personaxes nesas chamadas “cazarías humanas”.

Tal ficción parece que acaba de facerse real. Mellor dito, xa se fixo (o que pasa é que acaba de saír á luz agora). Aconteceu entre os anos 1992 e 1996 no asedio a Saraxevo. Un escritor italiano sacou ó clareo uns “safaris humanos” nos que, xente con posibilidades, con moitas posibilidades pagaban para facer de francotiradores. Fálase de que as cantidades ían desde os 80.000 ós 100.000 euros. Así mesmo, salienta que non só participaban nesas cazarías os seus compatriotas, senón que tamén houbo franceses, ingleses, canadenses e americanos.


Ó ser humano sempre lle gustou o morbo, sempre quere saber ata onde pode chegar o seu poder. Quere saber realmente de que é capaz. Como todos levamos o demo dentro, ás veces non nos custa moito sacalo deica as súas máximas consecuencias. E como con cartos todo se consegue... que mellor emoción que ver, notar e palpar o medo dos demais, a debilidade dos demais.

É moi triste pensar nesas animaladas, nesas atrocidades. Ós propios bosníacos non lles chegaba coa propia guerra en si, como para ter que morrer ademais baixo as balas duns ricos sen conciencia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 12 de novembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 14 de novembro de 2025

jueves, 13 de noviembre de 2025

O MEU POEMA

 

Son o Mad Max do Sáhara Occidental. Segundo o australiano andaba á procura dunhas gotas de gasolina, eu ando na busca dunhas pingas de auga. Ou só que sexan de orballo. Estou seco. Levo varios días vagando por esta soidade de deserto. Nin un maldito oasis. Nin un maldito signo de existencia. De día ásome de calor. De noite morro co frío. Pero aguanto coma os heroes. Son heroe de película. É dicir, falso.

Son o ruxerruxe dun pesadelo que latrica, que esbardalla tras os valados dos sentimentos. Intento sentarme no algoritmo do desexo, nese conxunto de regras que, ó aplicalas, permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións. Os meus problemas non os resolve ningunha operación matemática porque, simplemente, son autosuficiente para solucionalos eu. E se chove que chova.


Son a banda sonora de “O derradeiro dos mohicanos” e sigo o ritmo das carreiras dos indios polo Oeste americano. Nos primeiros temas lanzo frechas envelenadas para exterminar ós camisas azuis. Nos restantes dou golpes de machada contra os fortes, as fortificacións dos ianquis. E corro como Daniel-Day Lewis na procura de Madeleine Stowe.

Son a sombra que a luz nocturna impulsa sobre a parede da miña nostalxia, esa na que bailei coa inocencia pintada de branco e, ós cachos, coa carraxe ouleando polas corredoiras da miña adolescencia. Non sempre a felicidade se viste coa elegancia da ledicia. De cando en vez unha sombra escurece a brancura. Sombra que se esfuma ante a estrutura dun poema. O meu poema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 11 de novembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 12 de novembro de 2025

miércoles, 12 de noviembre de 2025

PATEANDO O CENTRO DE OURENSE

 

Como dúas horas ou dúas horas e media dan para moito, vou patear o centro de Ourense, que aínda non o coñezo moi ben, díxenlle a un por lle dicir algo. Se cadra díxeno para min, mentalmente. É igual. O caso é que saín pola porta e púxenme de camiño. Uns metros pola rúa Sáenz Díez. Outros cantos pola Samuel Eiján, onde, faltaría máis, parei a tomar un café e a preparar certos papeis; uns para entregar na rúa Bedoya e os outros para dentro de 21 días exactos.

Tomando café houbo que matar o tempo. Como mato eu, hoxe en día, o tempo? Con música e un bolígrafo verde que escribe azul. A música, xa se sabe, unha semente ou mestura de temas que van desde o jazz ó folk, pasando polo rap, pop, clásica, blues e bandas sonoras. A tinta azul... a tinta deixa caer pingas de orballo sobre un papel en branco.


Subín pola rúa Curros Enríquez e Bedoya para entregar, aquí, uns dos papeis citados. Baixei por esta e metinme pola de Santo Domingo, rúa da Paz e rúa das Tendas para desembocar na Praza Maior. Alí peguei a volta pola rúa Lamas Carvajal. Na rúa do Paseo intentei mercar un paraugas, xa que o outro día, un refacho de aire, fixo que o que levaba pola Valenzá se tivese que quedar xa non contedor. O puto aire deulle máis que volta e media; tres ou catro baleas dixeron basta. Como non me gustaba ningún, botei a capucha da cazadora e aguantei a marmañeira, a chuviscada. Acelerei un pouco o paso e, nun amén, xa estaba de novo no punto de partida. Na espera, aínda conseguín ler algo. Intento non perder nunca o tempo.


Café Rooster. Ourense. Luns, 10 de novembro de 2025


Foto: Praza Maior de Ourense.

lunes, 10 de noviembre de 2025

DÁDEME UNHA NOITE DE SILENCIO


deme unha noite de silencio, e pararei o mundo. O silencio, como mellor se aprecia, é estando quietos. No silencio os pensamentos asoman desde o baleiro. En cada pensamento, un recordo. En cada recordo, unha flor de toxo, ou de amendoeira, ou de crisantemo, ou de codeso, ou de salgueiro. En cada flor, o néctar. O néctar que chuchan as abellas.

Co mundo quieto ou parado todo é silencio. En cada soño, un tempo. En cada tempo, un momento. En cada momento... silencio. Nada hai máis bonito que unha ilusión inventada. A ilusión é a felicidade que se sente pensando no desenlace de algo, en algo que vai vir ou que se espera que veña. A ilusión é a esperanza de conseguir algo ó que se aspira ou se desexa moito. A ilusión é o erro dos sentidos ou da mente que consiste en tomar como real, ou posible no futuro, algo que non o é. A ilusión é a de pasar todo unha noite en silencio para que se pare o mundo.


Co mundo quieto ou parado, a esperanza pode ser unha quimera como pode ser unha virtude teologal pola que se espera recibir de Deus os bens prometidos. Mellor, unha quimera. Da teoloxía non espero nada. E do paisano aquel, menos. Así é que... a vivir, que son dous días. Aínda que sexa co mundo inmóbil ou detido, hai que vivir igual. Mellor en silencio.

deme unha noite de silencio, e pararei o mundo. En cada ansia, un desexo. En cada desexo, unha fantasía. En cada fantasía, unha película. Unha película que se ve, en bucle, sobre a pantalla da miña imaxinación; que é moita. E co silencio deitado sobre a almofada do meu soño, o mundo deixa de xirar. Ou de virar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 8 de novembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 10 de novembro de 2025

domingo, 9 de noviembre de 2025

NA BUSCA DUNS MOTIVOS


Realicei unha xenuflexión ante unha estatua de sal que atopei polo camiño e receille un responso ós mortos daquel verán. Máis ben, canteillo. Requiem aeternam dona eis, Domine, et lux perpetua luceat eis. Ou o que é o mesmo: dálles, Señor o descanso eterno, e que a luz perpetua os ilumine. Kyrie eleison, Christe eleison. É dicir, Señor ten piedade, Cristo ten piedade. Polas almas de tales ou polos mesmos. E iso que xa me considero máis ateo que católico. O que pasa é que tiven unha nai de misas diarias e rosarios nocturnos á calor da lareira. E todo se pega.

Logo de cumprir co deber de... respecto, máis que relixioso, seguín o camiño que me levaba a Getsemaní, o xardín aquel de Xerusalén onde Xesús rezou antes de que o arrestaran. Eu andaba a buscar os motivos que me levaron ó presunto ateísmo e debería percorrer algúns emblemas da cristiandade. Non tardei en reflexionar ante o efecto da arresto. Non é nada bo que arresten a alguén. Aínda que logo se demostre que era inocente, o feito queda aí como unha marca, como unha mancha mala de eliminar.


Por que arrestaron a Xesucristo? Seguro que cada un conta ou escribe a historia á súa maneira. Para as autoridades relixiosas e políticas era un alborotador. Para o pobo, un mesías. Din que o pobo sempre ten razón, pero...

Como non quero meterme a fogueteiro ou no mar sen roupa de augas, outro responso polas almas de todos os que se foron, bos e malos. Absolve, rogámosche, Señor, as almas dos teus servos, de todo vínculo de pecado, para que, na gloria da resurrección, descansen resucitadas entre os teus santos e elixidos. Por Cristo noso Señor. Amén, digo eu.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 7 de novembro de 2025

sábado, 8 de noviembre de 2025

A XENREIRA MENTAL IANQUI


A semana pasada vin, practicamente seguidas, dúas películas que trataban sobre a problemática escravista e racista dos Estados Unidos, ese país tan patriota, tan de ensinar nos seus xardíns e soportais a bandeira das barras e estrelas, pero que, se se furga un pouco, non tardan en asomar as miserias e as xenreiras que tivo e que ten; desde o exterminio ou masacre dos indios ata a escravitude dos negros. Aínda hoxe, por moi seus que sexan e porque tiveran incluso un presidente negro, o racismo segue a ser a súa xenreira mental.

“Harriet, en busca da liberdade” (2019) é unha película bastante normaliña na que si destaca a actriz Cynthia Erivo, nomeada ó Oscar por ese traballo. Versa sobre a abolicionista Harriet Tubman, que liberou a moitos escravos tras escapar ela mesma da escravitude en 1849.


Harriet Tubman nacera o 9 de marzo de 1822 en Maryland, no seo dunha familia escravizada. Desde nena coñeceu a dor e a inxustiza da escravitude, pero tamén desenvolveu unha forza interior que a levaría a converterse nun símbolo de resistencia e esperanza.

No citado 1849 logrou escapar da plantación onde traballaba, recorrendo máis de 150 quilómetros cara ó norte, ata alcanzar a liberdade en Pensilvania. Porén, a súa historia non acabou aí. En lugar de quedarse a salvo, decidiu regresar unha e outra vez ó sur para rescatar a outros escravizados a través do chamado Ferrocarril Subterráneo, unha rede secreta de rutas e refuxios que axudaba ás persoas a fuxir ós Estados libres.

Ó longo dunha década, Harriet Tubman realizou polo menos 13 viaxes e liberou a máis de 70 persoas, sen perder nunca a un só fuxitivo. A súa valentía e astucia valéronlle o alcume de Moisés, en clara referencia ó líder bíblico que guiou ó seu pobo cara á liberdade.


Tamén “Seis triplo oito” (2024) se queda nunha simple película cando o tema que trata podía dar para moito máis: 855 mulleres (negras, por suposto) uníronse á Segunda Guerra Mundial para solucionar o atraso, a demora de tres anos de correo non entregado. Enfrontadas á discriminación (por ser negras, faltaría máis) e a un país devastado pola guerra conseguiron clasificar antes de tempo máis de 17 millóns de pezas de correo. O de antes de tempo era precisamente para demostrar que, a pesar de ser negras, podían. Como puideron recibiron parabéns e condecoracións. Se non puideran, fixo que sería por ser negras.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 8 de novembro de 2025

FORNADA CADA OITO DÍAS


Aproveitando que está o tempo de chuvia, estou á espera de ver caer pans cocidos do ceo. Levo xa uns cantos días esperando e non cae ningún; só pingas de auga que, as condenadas, mollan e xa cansan, xa aburren.

Os pans cocidos do ceo tampouco caían na miña infancia. Naquel tempo caían máis ben, sobre a mesa da cociña, pan duros. Cada vez máis duros. Miña nai facía a fornada cada, máis ou menos, oito días. En cada fornada adoitaba meter no forno comunal oito pans; un por día. Tiñan (sempre usaba o forno coa mesma veciña) que quentalo cada certo tempo porque non se podía cocer todos os días ou cada poucos días... por falta de leña. Así, entre as dúas, unha puña o mangado de leña unha semana e a outra á seguinte. Ante isto, tamén existían os aproveitados, que cocían ó día seguinte ou horas máis tarde para aproveitar que o forno estaba quente e gastar menos leña.


Oito pans. O primeiro era gloria bendita: crocante, tenro, fresco. O segundo estaba ben. O terceiro xa as ansias del non eran as mesmas. O cuarto xa case era mellor migarllo ó leite ou ó prato quente que se comese naquel momento para que amolecese. Os demais días, xa se entende, cada vez máis duro e algún poida que incluso xa con balor, con mofo. Non pasaba nada; raspabas o balor co coitelo e... bocado para adentro. Era pecado mortal tirar co pan, coa comida.

Así unha semana detrás doutra. O oitavo pan, e se tocaba comelo no monte con algo de touciño (a verdade é que sempre era co touciño graxento, cheo de lardo), ás veces, había que mollalo incluso en auga para poder fincarlle o dente. Tempos de miseria aínda que non se pasase fame.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de novembro de 2025

Foto: Forno de Baños de Molgas (Ourense)