jueves, 13 de noviembre de 2025

O MEU POEMA

 

Son o Mad Max do Sáhara Occidental. Segundo o australiano andaba á procura dunhas gotas de gasolina, eu ando na busca dunhas pingas de auga. Ou só que sexan de orballo. Estou seco. Levo varios días vagando por esta soidade de deserto. Nin un maldito oasis. Nin un maldito signo de existencia. De día ásome de calor. De noite morro co frío. Pero aguanto coma os heroes. Son heroe de película. É dicir, falso.

Son o ruxerruxe dun pesadelo que latrica, que esbardalla tras os valados dos sentimentos. Intento sentarme no algoritmo do desexo, nese conxunto de regras que, ó aplicalas, permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións. Os meus problemas non os resolve ningunha operación matemática porque, simplemente, son autosuficiente para solucionalos eu. E se chove que chova.


Son a banda sonora de “O derradeiro dos mohicanos” e sigo o ritmo das carreiras dos indios polo Oeste americano. Nos primeiros temas lanzo frechas envelenadas para exterminar ós camisas azuis. Nos restantes dou golpes de machada contra os fortes, as fortificacións dos ianquis. E corro como Daniel-Day Lewis na procura de Madeleine Stowe.

Son a sombra que a luz nocturna impulsa sobre a parede da miña nostalxia, esa na que bailei coa inocencia pintada de branco e, ós cachos, coa carraxe ouleando polas corredoiras da miña adolescencia. Non sempre a felicidade se viste coa elegancia da ledicia. De cando en vez unha sombra escurece a brancura. Sombra que se esfuma ante a estrutura dun poema. O meu poema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 11 de novembro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 12 de novembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario