sábado, 8 de noviembre de 2025

FORNADA CADA OITO DÍAS


Aproveitando que está o tempo de chuvia, estou á espera de ver caer pans cocidos do ceo. Levo xa uns cantos días esperando e non cae ningún; só pingas de auga que, as condenadas, mollan e xa cansan, xa aburren.

Os pans cocidos do ceo tampouco caían na miña infancia. Naquel tempo caían máis ben, sobre a mesa da cociña, pan duros. Cada vez máis duros. Miña nai facía a fornada cada, máis ou menos, oito días. En cada fornada adoitaba meter no forno comunal oito pans; un por día. Tiñan (sempre usaba o forno coa mesma veciña) que quentalo cada certo tempo porque non se podía cocer todos os días ou cada poucos días... por falta de leña. Así, entre as dúas, unha puña o mangado de leña unha semana e a outra á seguinte. Ante isto, tamén existían os aproveitados, que cocían ó día seguinte ou horas máis tarde para aproveitar que o forno estaba quente e gastar menos leña.


Oito pans. O primeiro era gloria bendita: crocante, tenro, fresco. O segundo estaba ben. O terceiro xa as ansias del non eran as mesmas. O cuarto xa case era mellor migarllo ó leite ou ó prato quente que se comese naquel momento para que amolecese. Os demais días, xa se entende, cada vez máis duro e algún poida que incluso xa con balor, con mofo. Non pasaba nada; raspabas o balor co coitelo e... bocado para adentro. Era pecado mortal tirar co pan, coa comida.

Así unha semana detrás doutra. O oitavo pan, e se tocaba comelo no monte con algo de touciño (a verdade é que sempre era co touciño graxento, cheo de lardo), ás veces, había que mollalo incluso en auga para poder fincarlle o dente. Tempos de miseria aínda que non se pasase fame.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de novembro de 2025

Foto: Forno de Baños de Molgas (Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario