miércoles, 12 de noviembre de 2025

PATEANDO O CENTRO DE OURENSE

 

Como dúas horas ou dúas horas e media dan para moito, vou patear o centro de Ourense, que aínda non o coñezo moi ben, díxenlle a un por lle dicir algo. Se cadra díxeno para min, mentalmente. É igual. O caso é que saín pola porta e púxenme de camiño. Uns metros pola rúa Sáenz Díez. Outros cantos pola Samuel Eiján, onde, faltaría máis, parei a tomar un café e a preparar certos papeis; uns para entregar na rúa Bedoya e os outros para dentro de 21 días exactos.

Tomando café houbo que matar o tempo. Como mato eu, hoxe en día, o tempo? Con música e un bolígrafo verde que escribe azul. A música, xa se sabe, unha semente ou mestura de temas que van desde o jazz ó folk, pasando polo rap, pop, clásica, blues e bandas sonoras. A tinta azul... a tinta deixa caer pingas de orballo sobre un papel en branco.


Subín pola rúa Curros Enríquez e Bedoya para entregar, aquí, uns dos papeis citados. Baixei por esta e metinme pola de Santo Domingo, rúa da Paz e rúa das Tendas para desembocar na Praza Maior. Alí peguei a volta pola rúa Lamas Carvajal. Na rúa do Paseo intentei mercar un paraugas, xa que o outro día, un refacho de aire, fixo que o que levaba pola Valenzá se tivese que quedar xa non contedor. O puto aire deulle máis que volta e media; tres ou catro baleas dixeron basta. Como non me gustaba ningún, botei a capucha da cazadora e aguantei a marmañeira, a chuviscada. Acelerei un pouco o paso e, nun amén, xa estaba de novo no punto de partida. Na espera, aínda conseguín ler algo. Intento non perder nunca o tempo.


Café Rooster. Ourense. Luns, 10 de novembro de 2025


Foto: Praza Maior de Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario