Lóxica pura, pura lóxica. Se o vento zoa é porque o aire asoma. Se cheira a fume é porque algo se queima. Portugal arde e no ceo galego o fume topa ó mesmo sol. O silencio deixa de ser silencio cando aparece o ruído e cando non hai ruído é porque o silencio volveu do infinito, ou do máis alá do infinito. Lóxica pura, pura lóxica.
A muller apareceu coas pernas rabuñadas. Seguro que andou polo monte coma as cabras. O home cargaba cunha machada ó lombo. A lóxica pura ou a pura lóxica dinos que vén de cortar leña. Ou que vai cortala. Desde aquí non lle aprecio moi ben o fío á machada. Se lle dou á chave da luz, acéndese a habitación. Se lle volvo dar, tal habitación queda ás escuras. Ou en penumbra. Se o río soa é que auga leva. E se non é boi é vaca. Depende! Pode ser burro ou ovella. Mesmo unha simple becerra.
O carballo caeu en toda a súa largueza. Por culpa da machada citada. O que significa que o home viña xa de cortar leña. O que denota que a muller esfolárase xuntando a garameñada. Ou non. Ó mellor andou ás moras e serían entón as silvas as causantes das rabuñaduras. O carballo queda agora preparado para, noutro día, cortalo ós cachos. Sería de parvos cortar un carballo e deixalo sempre alí, tirado; ou para apodrentar. Por lóxica pura ou por pura lóxica tal carballo irá para arder na cheminea ou nunha desas cociñas de ferro, nunha desas vellas que son bonitas e... eternas.
Lóxica pura, pura lóxica. Se asubío non canto e se canto non asubío. Se quedo calado, remato. Se remato será porque quedo calado. Quedo calado. Remato.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 19 de setembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario