sábado, 21 de septiembre de 2024

A CRUELDADE HUMANA


Creo que hai catro semanas falaba nesta mesma columna sobre a crueldade da natureza, e en referencia ós días hebdomadarios correspondentes. Hoxe vou seguir a mesma tónica das crueldades impulsadas, iso si, polo xénero humano e tamén relacionadas en efemérides dos días da semana que acabamos de deixar atrás.

Así, o 16 de setembro, pero de 1976 (hai 48 anos), en Arxentina, máis en concreto na Prata, acaeceu ou máis ben iniciouse a Noite dos Lapis, unha serie de secuestros e asasinatos de estudantes de secundaria por “grupos de tarefas” da ditadura gobernante. Dez estudantes torturados e dos que, seis, acabaron sendo asasinados e, o peor, sen atopar os seus restos ata agora. Simples adolescentes, menores de 18 anos, ós que, por suposto, a ditadura cívico-militar arxentina, non lles preocupaba a idade. Os seus actos de represión estaban á orde do día.


No mesmo día 16, pero de 1982 (hai 42 anos), acaeceron as famosas matanzas de Sabra e Chatila. Miles de refuxiados palestinos, que vivían en campos de refuxiados no Líbano, foron asasinados por falanxistas cristiáns con apoio, como non, de Israel. Como se pode apreciar, Israel xa ten experiencia en xenocidios.


O pasado mércores, 18, de hai 81 anos (1942), en plena Segunda Guerra Mundial, chegaron ó campo de extermino de Sobibor, en trens de gando, xudeus soviéticos capturados na Fronte do Este, prisioneiros de guerra e xitanos para intoxicalos en cámaras de gas, aínda que, iso si, dándolles confianza cunhas duchas de desinfección. Pobres. Por alí pasaron unhas 200.000 persoas.


O 19 de setembro de 1984 volveron ser os estudantes os que pagaron o pato duns políticos corruptos e con ansias de poder, xa que en Tazón, Caracas, a Garda Nacional disparou contra máis de 200 alumnos que se trasladaban en catro autobuses cara á unha protesta. O mellor desta masacre (por chamarlle dalgunha maneira) é que non houbo mortos, tan só uns 35 feridos. E nese mesmo día, pero de 1997, en Alxeria, o Frente Islámico de Salvación asasinou a 53 homes, mulleres e nenos por apoiar ó Grupo Islámico Armado.

A natureza é cruel porque... non sei, busca o seu sitio. Pero o ser humano é aínda máis cruel porque... para que non lle quiten o seu sitio?


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 20 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario