sábado, 28 de septiembre de 2024

O SUPERMÁN GALEGO


Señores pasaxeiros, son o comandante do avión. Se por un casual, ou sexa, por mala sorte, cae o avión, non se preocupen, parará no chan, que máis abaixo non irá. Que teñan unha boa viaxe”.

Señores pasaxeiros, son o Supermán Galego; non se preocupen, que estou á espreita. Teño o punto de observación no campanario da igrexa de Baños de Molgas porque está alto de carallo e porque percibo mellor todo o que pode acontecer na nosa terra. Saiban vostedes que eu teño o dobre de sentidos que os humanos normais. Dez, teño dez. O do sexto sentido é unha quimera que vos metedes na cabeza.


Son tamén o dobre máis rápido có supermán galáctico, de aí que poida atender a todos aqueles sucesos máis graves, como se adoita dicir, sen despeitearme, sen espeluxarme. Iso si, propúxenme desde un principio que os accidentes automobilísticos deixaríaos pasar, a non ser aqueles moi graves, con moitos implicados e nos que haxa nenos por medio. Os demais... que hai que correr menos, raio!

Se noto algo nos avións, xa estou alí mesmo un chisco antes de que o comandante aperciba a avaría. Para os que non me crean ou non saiban medir ben as miñas reaccións, direi que son máis rápido que un alustro.

O outro día escoitei desde o campanario o rebentón dunha roda de autobús nunha estrada de Pontevedra ó seu paso por unha ponte duns 30 metros de altura e cando botei man do coche de liña, este aínda non chegara á varanda protectora da ponte. O condutor aproveitou e nin tan sequera uso o gato para cambiar a roda. O Supermán Galego fixo unha vez máis de gato.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 26 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario