lunes, 30 de septiembre de 2024

ARRASTRAR


Canto as corenta e arrastro, dixo aquel. Sorrín e eu contraataquei arrastrando a conciencia pola chan. Ás veces non me importa usala de estropallo. Xa está ben de ser o espírito caritativo do sentido común. Arrastro tamén o silencio por entre os outeiros do peito e a luz do sol polo tronco dun codeso. Arrastro un café pola gorxa abaixo e os soños pola almofada da excitación, do desexo. Por arrastrar ata arrastro a inocencia, ou a culpa, ou os infortunios, ou o timón do arado de pau colgado ó ombreiro. Arrastro a miña saúde por entre os penedos.

O que cantou as corenta mírame de esguello. Non lle fixen caso e seguín arrastrando unha pequena galla de loureiro para que o seu cheiro se metese nos meus sentimentos. Arrastro a algarabía por entre a música que non deixa de soar e arrastro o fío dun nobelo para atalo a un carballo das Mestras, en Baños de Molgas. Se o xungo a un do parque Ansuíña tampouco está mal.


Arrastro a risa que me sae cando me río e as bágoas que caen tras un suspiro. Arrastro as pingas de orballo que escribo e, por inercia da música, a Morricone co meu asubío. E tamén asubío mentres arrastro un feixe de ideas que tiña acumuladas no niño, no meu niño. Arrastro o berro que deixo escapar e a señardade que xa non me calma, que xa non me apouviga, que xa non me sosega. Arrastro o ruxerruxe dunha conversa, os erros dunha leria e todas as cores do arco da vella.

Aquel que cantou as corenta, arrastra a cadeira, ergue da mesa e sóltame que cada tolo co seu tema. Dígolle que eu xa arrastrei a miña conciencia e que arrastre el tamén a súa. Eu quedo á espera... arrastrando a inercia ou a preguiza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 29 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario