viernes, 27 de septiembre de 2024

EVITANDO UNHA ESCALADA PERIGOSA


Agora que empezou de novo a temporada futbolística, Xoel e máis eu adoitamos saír a ver algún partido nos bares. Como imos case sempre andando, metémonos polo atallo que hai entre a Finca Fierro e A Valenzá. Á volta, ó ser noite pecha (as once ou once e pico), o atallo sorpréndenos moitas veces con algo, principalmente con certa fauna nocturna.

Nas noites de verán temos que cruzalo con pés de manteiga. E nunca mellor usada a expresión, xa que a existencia de caracois é tan intensa que hai que ter moito coidado para non esmagalos. Como non hai moita luz nese traxecto (por veces temos que usar a lanterna dos móbiles), en algunha que outra ocasión escoitamos un crac e, mentalmente, cantámoslle ó pobre caracol un responso ou unha misa de réquiem.

Máis dunha noite oímos como o xabaril furga cerca de por onde pasamos e, unha en concreto, tivemos que ir por outro lado, ou sexa, arrodear un pouco máis, non por lle ter medo ó xabaril, pero si respecto ó ver que eran dúas crías, que axiña entendemos que coas crías adoitan ir as nais. Un xabaril con crías si pode ser moi perigoso.


Hai unhas noites cruzámonos cun amigo que sempre me caeu simpático: o ourizo cacheiro. Xoel case o pisou sen velo. Eu apreciara un vulto e volvín a cabeza. Alí estaba, tan quietiño que mesmo semellaba morto. Tocámoslle, e nada. Deixámolo. Ós dous pasos volvín mirar e xa non estaba. Que listo! Vímolo ó momento agatuñando, a certa velocidade, pola parede con varias pedras que saían da mesma moi irregulares. Ante iso, entendemos que a escalada lle podía resultar perigosa. Xoel quitouse de cazadora (xa probara a collelo coas mans, pero as púas dos ourizos pinchan, claro), colleuno con cariño e púxoo enriba do valado. Emprendeu carreiriña ó momento para adentro da poula. Imaxino que pensaría que eramos boa xente, que lle evitaramos unha escalada perigosa.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 25 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario