lunes, 23 de septiembre de 2024

A LÁMPADA DE SALADINO


Fretei a lámpada e de aí non saíu nada. Como nos enganan! Que non sei que dos desexos. Que non sei canto de tres. A realidade é que os desexos saen doutro lado e a cantidade depende. De que depende? Da ansiedade dos desexos!

Son Saladino Corcuera Bandullo e son o dono da lámpada.

Freguei tanto a lámpada que o que si conseguín foi darlle algo de brillo. Só algo. Porque estaba perdida. De merda, de ferruxe, de voaxa. Víase que levaba anos sen usarse. Normal. A xente non é parva e ben vía que, por moito que fregase, de aí non saía nada. En tal caso, un cheiro a lixo, a podre.


A lámpada atopeina entre as rellas do arado que temos na palleira. Un arado que non usamos desde mediados dos anos oitenta do século pasado, hai cerca de corenta anos. Case normal que estivese sucia. Nun primeiro momento non a vía porque un mangado de herba seca case a cubría por completo. Foi ó tocarlle coa vara aguillada a unha rella que, co golpe, saltou e pegou contra a lámpada.

Agacheime. Collina. Freteina. Nada. Desexo que os ruxerruxes dos meus sonos se fagan reais. Nada. Desexo que a lúa vella ilumine a noite escura. Nada. Había unha nebulosidade inmensa. Desexo que o corazón latexe a un ritmo frenético. Nada. As pulsacións seguen a un ritmo normal. Como sempre se falou de tres desexos, non seguín tentando a sorte. Por se o de friccionar ía a peor.

Cansado e aburrido volvín colocar a lámpada entre as rellas do arado, coa intención de se, noutros corenta anos, ó fregala asomará algo. Claro que, eu, dentro de corenta anos... non sei, non sei. Condenada lámpada!


Café O´Falangueiro. Ourense. Xoves, 19 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario