jueves, 10 de abril de 2025

A PRESA IMAXINARIA


Soltei a presa. Imaxinariamente. Non tiña nada nas mans. Solteina como xesto de lavar a conciencia. Ou algo semellante. Ás veces os asubíos mestúranse cos loureiros ou cos latexos e despois non hai nada que os deslea; forman un auténtico nobelo.

A pesar de ser unha presa imaxinaria, notei como escapaba, como fuxía. A conciencia non adoita escapar. Poida que fose entón a liberdade, que estaba entre as gaiolas da miña existencia. Non sei. Moitas veces confundo os termos, as palabras, mesmo as ideas e quedo a velar vir.


Quedar a velas vir é como quedar co baleiro arrodeando, bailando á miña beira. Ou como quedar contemplando os biosbardos. Si, mesmo poida que a presa imaxinaria que tiña entre as mans fose un biosbardo, un ser imaxinario co que se engana a un incauto. Xa nacín bastante inocente e, co paso do tempo, volvinme máis desprecavido, máis imprudente, máis pánfilo, máis inxenuo, máis incauto, si.

Porén, aquí sigo coas mans baleiras que nunca estiveron cheas de nada; en tal caso de calos e imaxinando ou pensando que abranguía, que cinguía toda unha presada.

Todo pasa, todo se escapa e, se se abre a man, moito máis facilmente. Quizais sexa mellor así e non angustiarse por un botín que non beneficia nada. Por se aquel, e para alixeirar o asunto, abro as dúas mans e algo fuxiu do baleiro. Seguro que foi a inocencia vestida de alpabarda ou a conciencia montada sobre unha albarda. Ó mellor foi a liberdade que, por fin, se sentiu libre.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 7 de abril de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario