Corrín detrás dun can de palleiro e cando cheguei á súa altura vin que era o lobo estepario de Hermann Hesse. Como o coñecía —de lelo nos anos da polca—, sentei á súa beira, boteille unha man polo lombo e empezamos, os dous, a darlle á tarabela; el a base de ouleos e eu a base de palabras. Por certo, enténdese mellor a súa linguaxe que a miña.
Xa postos, acomodados os dous sobre o Alto da Lomba, faleille da problemática labrega, na que os gandeiros se queixan dos seus ataques. El, como é lóxico, non tardou en negar tales acusacións. Dixo que non atacaba ovellas, que despois botaba días quitando a la de entre os dentes. Que el corría detrás das perdices e codornices. A estas, cando as pillaba, simplemente as papaba, as manducaba; con plumas e todo.
O lobo estepario non se cortaba un carallo. Quixo rebater ou refutar un pouco as medidas tomados polos gandeiros, pero aí axiña lle parei os pés: que con ese sector non se metera, que eran como meus parentes e que cada un busca a vida como pode; eles defendendo ós animais e el, o lobo, para ser feliz, comía perdiz.
Ante o meu razoamento, ó lobo estepario non lle quedou outra que mirarme ós ollos, inchar o peito, levantar a cabeza e oulear cara ó ceo. Intuíndo de que se alegraría que o acompañase, púxenme de pé, collín aire, erguín tamén a cabeza e ouleei como nunca ouleara. O lobo pegou uns brincos e botou a correr por Sudalomba abaixo. Eu boteime ás boleiradas. Definitivamente, fixeramos boas migas, moemos no mesmo muíño.
Café Rooster. Ourense. Luns, 21 de abril de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario